A Xunta culpa veciños e concellos do lume no Monte Pindo

O Monte Pindo, ardendo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Balóns fóra. "A xestión de biomasa, por lei, é unha competencia e unha obriga do propietario. E, se non o limpa o propietario, ten que limpalo o concello pero correndo o propietario cos gastos”, deste xeito respondía esta semana o director xeral de Montes da Xunta, Tomás Fernández-Couto, ás preguntas da deputada do BNG Ana Pontón sobre a responsabilidade da Xunta no incendio que arrasou o Monte Pindo e as deficiencias nos traballos de prevención e limpeza dos montes.

Para a Asociación Monte Pindo Parque Natural estas declaracións supoñen unha acusación á "veciñanza e o concello" de seren "culpábeis directos do incendio por, en resumo, non ter o monte limpo"

Para a Asociación Monte Pindo Parque Natural estas declaracións supoñen unha acusación á "veciñanza e o concello" de seren "culpábeis directos do incendio por, en resumo, non ter o monte limpo". A entidade incide ademais noutras cuestións tamén tratadas por Fernández-Couto, coma a tan demandada protección para o espazo ou os traballos de recuperación que se están a levar a cabo. Neste senso, o BNG esixiu novamente que a Xunta "deixe de ignorar todas as voces que piden atención para a situación do macizo carnotán e que dunha vez comprometa prazos e investimentos para a restauración ecolóxica deste espazo protexido -especialmente logo de que a Xunta obrigara a paralisar os traballos de SOS Monte Pindo- baixo a ameaza de sancións- e tamén actuacións preventivas para que este tipo de catástrofes non se volvan a repetir á volta duns anos".

Para a entidade, a culpa do incendio "non é culpa dos veciños do Pindo, Caldebarcos, Quilmas, Ézaro, Fieiro, Arcos", senón da "chispa que o provocou" e de que "un monte que a Xunta ten a encomenda de protexer estivera absolutamente abandonado". "Os veciños somos simples vítimas desta situación", conclúe.

A asociación lembra, así mesmo, que "o peor de todo é que no caso concreto do Monte Pindo existía un importante movemento social que lle estaba a pedir por activa e por pasiva que fixeran algo no espazo para evitar a traxedia que finalmente se produciu ante o seu absoluto abandono".

Finalmente, sinalan que, a pesar de que a Xunta defende que as súas actuacións posteriores ao incendio serviran para atallar "o 90% das escorrentías", a realidade é que "máis do 99% do Monte Pindo segue sen ver ningún tipo de actuación", polo que nos días de chuvia "produciuse unha auténtica avalancha de cinzas sobre aldeas e bancos marisqueiros".

O Monte Pindo, ardendo © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Arrastres de lodos e cinzas por un regato en 2013 © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.