Mariví Villaverde: "É insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade"

Mariví Villaverde © AELG

Achégase o 14 de abril, aniversario da proclamación da Segunda República, 81 anos xa, e en toda Galicia estanse a preparar actos para conmemorar a efeméride e lembrar o feito republicano, moito máis ca unha simpli forma de goberno, senón un conxunto de valores cívicos e democráticos, algúns asumidos hoxe en día e moitos deles en perigo. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) centrará as súas actividades desta semana ao redor da figura de Mariví Villaverde, que será homenaxeada como Republicana de Honra 2012.

Como salientou Fernando Souto, presidente da CRMH, “Mariví representa unha serie de valores que se reivindicaron no ano 1931 e que foron partidos polo Golpe de Estado de 1936, os valores da República. Que parece que hoxe son normais, pero estamos vendo situacións nas que reivindicalos é unha necesidade”. Con modestia, cando Suárez dixo que ía explicar os motivos polos que se homenaxeaba a Mariví Villaverde, a Republicana de Honra interompeuno cun "así me entero eu".

"O que máis recordo da República é a ilusión que tiña a xente con todas as cousas que se podían cambiar"

Villaverde é pesimista con respecto á actual situación de crise e recortes dos dereitos sociais adquiridos durante tantas décadas: “vexo unha situación dramática, son tremendos os recortes que está habendo, por exemplo no ensino e na universidade e na sanidade. Iso non pode facerse de ningún xeito. É insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade". Di que "ogallá" chegue a Terceira República, aínda que a ve lonxe de momento. Sobre a Segunda República, cuxa proclamación se conmemora este sábado salienta que “o que máis recordo é a ilusión que tiña a xente con todas as cousas que se podían cambiar, unha ilusión dende o primeiro día, dende o día que se proclamou, que eu era pequena, pero lembro perfectamente”.

 

90 anos de loita

Mariví Villaverde naceu en Vilagarcía de Arousa en 1922, filla do deputado por Izquierda Republicana Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía. En 1936 exiliouse a Francia coa súa familia para fuxir da persecución franquista (que si sufriron as súas tías), e alí coñeceu o intelectual comunista Ramón de Valenzuela, que sería o seu compañeiro toda a vida, pero que pasou toda a Segunda Guerra Mundial recluído en cárceres e campos de concentración. Finalmente, a parella exíliase de novo a Arxentina, onde Mariví desenvolveu unha intensa actividade como tradutora, no teatro (Teatro Galego da Federación) e dirixiu xunto con Arturo Cuadrado o xornal Galicia.

Recrea a actividade dos exiliados en Bos Aires: "onde tantos galegos, antes e mesmo despois, formarían o seu fogar e, fieis ás súas raíces, lograran crear sociedades que mantiñan vivo o espírito de Galicia

Regresou a Galicia en 1966, despois de relatar a súa experiencia no libro Tres tiempos y la esperanza (1962), reeditado por Ediciós do Castro (1987) e en galego por A Nosa Terra (2002). Nesa obra recrea a actividade dos exiliados en Bos Aires: "onde tantos galegos, antes e mesmo despois, formarían o seu fogar e, fieis ás súas raíces, lograran crear sociedades que mantiñan vivo o espírito de Galicia". Con 90 anos de idade segue participando en todos os movementos sociais da última década, nas reivindicacións en favor da lingua, contra a guerra e con motivo da catástrofe do Prestige.

Mariví Villaverde © AELG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.