0 Gardados para despois

Mariví Villaverde: "É insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Achégase o 14 de abril, aniversario da proclamación da Segunda República, 81 anos xa, e en toda Galicia estanse a preparar actos para conmemorar a efeméride e lembrar o feito republicano, moito máis ca unha simpli forma de goberno, senón un conxunto de valores cívicos e democráticos, algúns asumidos hoxe en día e moitos deles en perigo. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) centrará as súas actividades desta semana ao redor da figura de Mariví Villaverde, que será homenaxeada como Republicana de Honra 2012.

Como salientou Fernando Souto, presidente da CRMH, “Mariví representa unha serie de valores que se reivindicaron no ano 1931 e que foron partidos polo Golpe de Estado de 1936, os valores da República. Que parece que hoxe son normais, pero estamos vendo situacións nas que reivindicalos é unha necesidade”. Con modestia, cando Suárez dixo que ía explicar os motivos polos que se homenaxeaba a Mariví Villaverde, a Republicana de Honra interompeuno cun "así me entero eu".

"O que máis recordo da República é a ilusión que tiña a xente con todas as cousas que se podían cambiar"

Villaverde é pesimista con respecto á actual situación de crise e recortes dos dereitos sociais adquiridos durante tantas décadas: “vexo unha situación dramática, son tremendos os recortes que está habendo, por exemplo no ensino e na universidade e na sanidade. Iso non pode facerse de ningún xeito. É insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade". Di que "ogallá" chegue a Terceira República, aínda que a ve lonxe de momento. Sobre a Segunda República, cuxa proclamación se conmemora este sábado salienta que “o que máis recordo é a ilusión que tiña a xente con todas as cousas que se podían cambiar, unha ilusión dende o primeiro día, dende o día que se proclamou, que eu era pequena, pero lembro perfectamente”.

 

90 anos de loita

Mariví Villaverde naceu en Vilagarcía de Arousa en 1922, filla do deputado por Izquierda Republicana Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía. En 1936 exiliouse a Francia coa súa familia para fuxir da persecución franquista (que si sufriron as súas tías), e alí coñeceu o intelectual comunista Ramón de Valenzuela, que sería o seu compañeiro toda a vida, pero que pasou toda a Segunda Guerra Mundial recluído en cárceres e campos de concentración. Finalmente, a parella exíliase de novo a Arxentina, onde Mariví desenvolveu unha intensa actividade como tradutora, no teatro (Teatro Galego da Federación) e dirixiu xunto con Arturo Cuadrado o xornal Galicia.

Recrea a actividade dos exiliados en Bos Aires: "onde tantos galegos, antes e mesmo despois, formarían o seu fogar e, fieis ás súas raíces, lograran crear sociedades que mantiñan vivo o espírito de Galicia

Regresou a Galicia en 1966, despois de relatar a súa experiencia no libro Tres tiempos y la esperanza (1962), reeditado por Ediciós do Castro (1987) e en galego por A Nosa Terra (2002). Nesa obra recrea a actividade dos exiliados en Bos Aires: "onde tantos galegos, antes e mesmo despois, formarían o seu fogar e, fieis ás súas raíces, lograran crear sociedades que mantiñan vivo o espírito de Galicia". Con 90 anos de idade segue participando en todos os movementos sociais da última década, nas reivindicacións en favor da lingua, contra a guerra e con motivo da catástrofe do Prestige.

Falan Fernando Souto (CRMH) e Mariví Villaverde: “o que máis recordo da República é a ilusión que tiña a xente con todas as cousas que se podían cambiar, unha ilusión dende o primeiro día, dende o día que se proclamou, que eu era pequena, pero lembro perfectamente”

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"A represión dirixiuse contra todo aquilo que fose capacidade de organización da sociedade civil"

O venres 13 presentarase no Hotel María Pita o libro A represion franquista na Comarca da Coruña. Vidas na memoria, coordinado por Emilio Grandío, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, nun acto previo á celebración da Cea da República da CRMH. A obra, que forma parte do proxecto Nomes e Voces é un completo relatorio, con información biográfica, fotográfica e documental, de máis de 600 persoas que sufriron a persecución e a morte por parte dos grupos franquistas entre 1936 e 1939 na cidade.

O libro afonda, principalmente, "en quen -que tipo de persoas, que estratos sociais- son consideradas inimigos do novo réxime, e por que, por que unhas persoas son consideradas branco e outras non

Porén, o libro vai máis aló desa simple sucesión de datos e nomes, como indica Grandío: "queríamos facer unha proposta nova non só sobre a represión na comarca, senón tamén plantexar novos enfoques xerais sobre as características da represión franquista". O libro afonda, principalmente, "en quen -que tipo de persoas, que estratos sociais- son consideradas inimigos do novo réxime, e por que, por que unhas persoas son consideradas branco e outras non, por que se considera que unhas persoas poden asimilarse no sistema da ditadura e outras non. E procuramos fuxir de tópicos e de análise en branco e negro".

O historiador indica que "non hai patróns matemáticos na represión, porque hai moitos factores persoais ou ideolóxicos, que rachan as lóxicas da represión en moitos momentos", pero en xeral os grupos que se alzan contra a República no Golpe de Estado de 1936 van "contra todo aquilo que fose liberdade individual e capacidade de organización da sociedade civil e aí entran moitos sectores, non só esquerdistas, anarquistas ou sindicalistas, que evidentemente son moi numerosos, senón sectores burgueses que entendían que a modernización que trouxo a República era moi necesaria, militares (hai un 10% de soldados entre as vítimas na Coruña entre 1936 e 1939), mestres e mesmo pequenos empresarios ou autónomos", salienta Grandío.

"Hai un proceso de cambio político, económico e social en todos os sectores sociais na República, un proceso modernizador que atinxe tamén á dereita"

No libro contextualízase tamén o marco desa represión: "hai un proceso de cambio político, económico e social en todos os sectores sociais na República, un proceso modernizador que atinxe tamén á dereita. Nese contexto, inserido na situación política internacional prodúcese unha fractura da sociedade, que non nace coa vitoria da Fronte Popular, senón que xa existía, como revelaron os dous intentos de Golpe de Estado previos aos 36".

Emilio Grandío: "O libro afonda, principalmente, en quen son consideradas inimigos do novo réxime, e por que, por que unhas persoas son consideradas branco e outras non, por que se considera que unhas persoas poden asimilarse no sistema da ditadura e outras non. E procuramos fuxir de tópicos e de análise en branco e negro".

Xoves 12

20.00 Na Real Academia Galega, presenación da Republicana de Honra 2012, Mariví Villaverde

 

Venres 13

12.30 Recepción a Mariví Villaverde na UDC por parte do Reitor da institución

13.15 Café aberto na cafetaría do Reitorado, no que calquera persoa poderá conversar coa homenaxeada

18.30 Acto de lembranza das vítimas da represeión franquista no Memorial da avenida de Navarra da Coruña

20.00 Presentación do libro A represión franquista na comarca da Coruña (proxecto Nomes e Voces), de Emilio Grandío. No Hotel Meliá María Pita.

21.30 Cea da República, na que se fará entrega a Mariví Villaverde da distinción como Republicana de Honra. Actuación musical de Sés.

 

Sábado 14

12.00 O Ateneo Republicano de Galicia organiza unha ofrenda floral no cemiterio Civil da Coruña.

13.00 Concentración conmemorativa ante o Monumento aos fusilados en Punta Herminia, Campo da Rata.

 

Xoves 19

20.00 Presentación dun audiovisual sobre a memoria oral das familias dos represaliados, coas intervencións de Xosé Bocixa, autor do traballo, e Beatriz Gómez, promotora do proxecto. Na Fundación Paideia.