A espera na Dependencia desbócase en Galicia malia ao freo na petición de novas axudas

Imaxe dun centro de maiores na Coruña © Xunta

O "cuarto piar do Estado do Benestar" énchese de fendas. E en Galicia máis ca na práctica totalidade das autonomías do Estado. Un lustro despois da súa posta en marcha efectiva os recortes azoutan a Lei da Dependencia, unha norma con problemas financeiros de nacemento á que a crise está a poñer en serio risco. A Secretaría de Política Social de Comisións Obreiras vén de recompilar os datos da aplicación da norma en Galicia durante este período e, se o balance illado é cando menos discreto, a comparación coas demais comunidades sitúa o sistema galego de atención á dependencia nos asentos finais do furgón de cola nos indicadores máis reveladores, a comezar por un esencial: a lista de agarda, desbocada no último trienio.

En tempos de estreiteces os autores do estudo detallan que unha das estratexias máis socorridas por parte de Administracións como a Xunta é realizar a valoración da solicitude e, unha vez diagnosticada a situación de dependencia, dilatar a elaboración do programa individual de atención (PIA), isto é, pór en marcha a prestación económica ou servizo á que ten dereito a persoa valorada. Esta é a situación na que actualmente se atopan catro de cada dez persoas que en Galicia se atopan en situación de dependencia. "A ratio de espera en Galicia é sensiblemente superior á da media española e ademais o diferencial negativo non deixa de aumentar co paso do tempo", explicita o informe. Así, mentres en xaneiro de 2010 o 32% con dereito recoñecido estaba a agardar -a media estatal era daquela do 25%-, no inicio de 2012 a porcentaxe de dependentes galegos valorados pero sen PIA era xa do 44%. Unha ollada ao panorama autonómico amosa a mala posición do sistema galego, que só ten por tras ao de Canarias, nun contexto no que a análise contida no informe contén que "sen risco de equivocarse", se pode afirmar que "a lista de espera da dependencia e, sobre todo o feito de que medre cada vez máis é outra das consecuencias negativas dos recortes orzamentarios.

Lista de agarda da Lei da Dependencia
Autonomías Persoas agardando % sobre valoracións
Castilla y León 5.584 8%
Ceuta e Melilla 184 9%
La Rioja 1.275 14%
Euskadi 7.843 15%
Cantabria 2.728 15%
Madrid 16.750 17%
Navarra 2.655 25%
Murcia 10.705 28%
Andalucía 74.920 28%
Asturias 5.751 29%
TOTAL DO ESTADO 305.941 29%
Castilla-La Mancha 17.305 31%
Extremadura 8.889 32%
Aragón 11.433 34%
Catalunya 61.002 34%
Illes Balears 6.542 39%
Comunitat Valenciana 29.754 40%
Galicia 27.797 44%
Canarias 15.134 60%

Pero non é a lista de agarda o único indicador no que Galicia sae mal parada. O informe detense ademais noutro dos valores que se adoitan medir para avaliar o grao de implantación da Lei de Dependencia nun ámbito xeográfico determinado: a porcentaxe de persoas atendidas sobre o conxunto da poboación. Neste caso a base de datos permite analizar os últimos catro anos e concluír que en xullo de 2008 "a ratio de persoas con PIA en Galicia era superior á media española", un 0,93% fronte a un 0,55% e a situación "mantívose en xaneiro de 2009", aínda que coas diferenzas un chisco recortadas. "Pero o punto de inflexión é ao longo do ano 2009", detalla o documento, "cando se produce un cambio radical". Nese ano, o de cambio de cor política na Xunta, "o diferencial positivo convértese en negativo para Galicia".

"Sen dúbida este debe ser un motivo de reflexión e análise, que vai alén do obxectivo deste informe", aseguran os autores. Cómpre, na súa opinión, "explicar que ocorreu no ano 2009 en concreto, por que nese exercicio se produce unha diverxencia tan grande entre Galicia e o resto de España, de forma que mentres en Galicia cae o número de persoas con prestación, no conxunto de España sobe", como é posible observar na gráfica que acompaña esta información.

O informe considera probado que "o cuestionamento" do sistema e os recortes "retrae" as novas solicitudes

Neste contexto o informe elaborado por CCOO deita luz tamén sobre outras variables non cuantitativas pero que si son un espello certeiro da situación na que se atopa o sistema de atención á dependencia, o cal tiña o pasado 1 de xaneiro un total de 89.625 solicitudes activas en Galicia. Neste sentido, o estudo explica que no momento en que a lei se comezou a aplicar "o número de solicitudes presentadas en Galicia non deixou de aumentar", pasando de 45.831 en 2008 ao número actual. Con todo, explican, cómpre ter en conta que o crecemento de solicitudes freou notablemente en 2011, pasando dunhas taxas de crecemento da demanda dun 35% a apenas o 1,9%. 

Dadas as características do propio sistema e das persoas que o utilizan a análise considera "evidente" que o aumento de solicitudes "non podía ser ilimitado", se ben tamén consideran probado que no "estancamento do número de solicitudes" inflúe de xeito determinante "o deterioramento real e de imaxe ante a cidadanía que sufriu a aplicación da Lei da Dependencia no último ano". "As listas de espera, o atraso na posta en marcha das axudas concedidas, as políticas de axuste e os recortes", así como "o cuestionamento dalgúns dirixentes políticos do máximo nivel" sobre a "viabilidade do sistema" están a "provocar a desconfianza dos potenciais usuarios", o que "causa un retraemento nas solicitudes para acceder a el".

Evolución da espera na Lei de Dependencia © CCOO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.