A lagoa da Frouxeira, sen plan de conservación e en perigo

Desfeita causada polas obras © Adega

A lagoa da Frouxeira, humidal de importancia internacional e que conta con 5 figuras de protección (ZEPVN, humidal protexido, humidal sensíbel, LIC, ZEPA, e Ramsar), segue sendo motivo de polémica. A Xunta leva meses abrindo canles para o seu baleirado e secado, de xeito ilegal ademais, ao non contar a lagoa cun Plan de Protección. Segundo a Lei 9/2001, a Consellería de Medio Ambiente debería ter aprobado un plan de conservación dende hai once anos, pero non foi ata finais do pasado ano que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza someteu a información pública o Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño.

A SGHN vén de presentar as súas alegacións a este plan, comezando pola devandita denuncia de que incumpre a Lei 9/2001 "ao non respetar os prazos establecidos e non establecer as normas uso e xestión". O propio plan recoñece que "en 2003 e 2009 danouse con maquinaria pesada a coiraza externa da lagoa ", polo que a SGHN pide "que se depuren as responsabilidades legais, administrativas e/ou profesionais". A entidade salienta, de igual xeito, que a pesar de que o texto recoñece "a vulnerabilidade que sobre a evolución natural das lagoas costeiras teñen as accións antrópicas mantidas no tempo” o propio documento da Xunta considera "necesario de forma periódica proceder á recuperación do tramo final da canle de desaugue”, sen "a imprescindible información científico-técnica sobre os ciclos hidrolóxicos da lagoa e recuperación natural da barreira" e "sen establecer un horizonte temporal a partires do cal, grazas as actuacións de restauración hidrolóxica e ecolóxica, a lagoa recuperase o seu funcionamento natural", segundo a entidade ambientalista.

A SGHN cualifica igualmente como "eivas moi importantes" do plan "que nin siquera se contemple unha seria ordenación urbanística e a necesidade da eliminación total ou parcial da pista polo bordo leste da lagoa

A entidade cualifica igualmente como "eivas moi importantes" do plan "que nin siquera se contemple unha seria ordenación urbanística e a necesidade da eliminación total ou parcial da pista polo bordo leste da lagoa que ten efectos moi perxudiciais sobre hábitats fundamentais para o mantemento de moitas especies características do humidal.

De igual maneira, hai unhas semanas ADEGA denunciara os traballos realizados pola Xunta, sinalando que o Goberno galego "improvisou na Frouxeira e meteu as escavadoras pasando por riba das recomendacións do Parlamento e de toda a lexislación ambiental galega, estatal, europea e internacional". E lembrando que os responsables "desta chafallada e do estado actual da lagoa, convertida nun deserto", son o dimitido director xeral de conservación Ricardo García-Borregón e o xefe do servizo provincial de conservación Carlos Muñoz, "ambos por certo denunciados pola Fiscalía no caso do dragado ilegal da ría de Ferrol".

O Goberno galego "improvisou na Frouxeira e meteu as escavadoras pasando por riba das recomendacións do Parlamento e de toda a lexislación ambiental galega, estatal, europea e internacional"

Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), instou este mércores á Xunta a que "non acometa ningunha actuación sobre a lagoa da Frouxeira en Valdoviño ata a aprobación do Plan de Conservación para acabar coas constantes agresións que está sufrir este espazo protexido". AGE denuncia que "as continuas aperturas artificiais da lagoa provocaron unha progresiva colmatación do vaso da lagoa coas negativas consecuencias para a diversidade do ecosistema, a súa estrutura e o seu funcionamento". Para AGE, as afectacións son de tal magnitude na lagoa "que autorizan a súa inclusión no Rexistro de Montreux, elemento da Convención Ramsar, para chamar a atención sobre os sitios nos que se provocaron e se están a provocar cambios negativos nas características ecolóxicas e que necesitan que se preste unha atención prioritaria a súa conservación".

Desfeita causada polas obras © Adega
Obras de apertura dunha canle para desecar a lagoa © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.