0 Gardados para despois

Cantos quilómetros percorreu a roupa que levas?

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Pantalón: orixe Bangladesh, 12 mil quilómetros; camiseta: orixe Turquía, 4 mil quilómetros: xersei: orixe Paquistán, 10 mil quilómetros... Poderíamos seguir con esta enumeración, para decatarnos de que boa parte da roupa que lles mercamos ás marcas máis populares percorreu medio mundo para chegar á tenda do noso centro comercial máis próximo. No terceiro acto do Citizen de Chévere propoñían facer este xogo como unha forma sinxela de explicar a globalización económica e o actual funcionamento do capitalismo. Por debaixo de algo tan cotián como un pantalón vaqueiro hai un complexo sistema de produción que non sempre respecta o medio ambiente e as persoas que o produciron. 

O pasado sábado Pontevedra acolleu a primeira xuntanza da Plataforma Galega de Moda Sostible, da man de Amarante Setem e María Almazán, que nace co obxectivo de "visibilizar e promover outro xeito de producir e consumir roupa en Galicia". A plataforma, baixo o lema MOV3. Galicia viste consciente, está integrada por deseñadoras, cooperativas, estudantes das escolas galegas de moda, tendas de segunda man e reciclaxe e tendas de roupa ecolóxica. Todos eles e elas, unidas polo interese de producir e comercializar prendas con criterios sociais e de sostibilidade, tecidos ecolóxicos, de comercio xusto e producida localmente.

O encontro celebrado este sábado foi a primeira toma de contacto, e será en maio cando a plataforma se lance oficialmente, destaca Nanda Couñago, de Amarante Setem. Previamente, levaranse a cabo distintas xuntanzas e actividades formativas, que buscan incrementar o coñecemento recíproco entre todas as persoas interesadas e crear sinerxías. Haberá obradoiros, como o que impartirá a deseñadora María Almazán, para difundir "uns estándares de sostibilidade e dignidade laboral", e outros, centrados na procura e uso de materiais respectuosos co medio e os seus poboadores e, dentro do posible, producidos localmente.

Levaranse a cabo distintas xuntanzas e actividades formativas, que buscan incrementar o coñecemento recíproco entre todas as persoas interesadas e crear sinerxías

Tamén se incidirá, por suposto, na importancia de asegurar que todas as prendas estean producidas respectando unhas condicións laborais dignas. Esta plataforma quere contactar tamén con costureiras, produtoras textís galegas, que seguen realizando o seu traballo, ás veces con condicións económicas máis que mellorables. Outro dos aspectos nos que se quere facer fincapé, sinala Nanda Couñago, é en loitar contra a cultura da roupa-lixo, da roupa de usar e tirar, potenciando a compra de segunda man e a reciclaxe de prendas. Finalmente, potenciarase a trazabilidade, que a xente sexa consciente do custe da súa roupa, de onde se fabricou e en que condicións.

 

Un exemplo de moda ética: Cestola na Cachola

Hai catro meses comezou a funcionar a cooperativa Cestola na Cachola, unha das entidades que participan na plataforma. As persoas que participan nela levaba xa tempo desenvolvendo distintas actividades, de forma individual, e decidiron unirse para potenciarse mutuamente e crear sinerxías. "Cada unha de nós seguimos traballando individualmente, nos eidos nos que xa o faciamos de antes, na economía social, no cooperativismo, a promoción do consumo responsable, no mundo da ilustración e a pintura. Decidimos xuntarnos, porque aínda que parecen temas moi distintos entre si, pensamos que teñen puntos en común e campos nos que podemos traballar unhas coas outras", explica unha das súas responsables, Raquel Doallo, "pensamos que unindo a pintura coa economía social e o consumo responsable, podía saír algo interesante".

A moda sostible é, pois, só unha das súas actividades, pero é quizais na que tiñan posto un meirande interese, aínda que non podían desenvolvela como desexarían. "detectabamos que non había oferta neste senso, que nós como consumidoras non tiñamos a posibilidade de mercar en Galicia este tipo de produtos. Comezamos aplicando os nosos deseños sobre prendas que mercabamos a produtores que nos aseguraban a súa orixe ética". Agora, a través da plataforma, poden establecer relacións con outras cooperativas, deseñadora e tendas: "detectamos que tiñamos necesidades semellantes, que temos os mesmos obxectivos, e que temos moi claro como queremos traballar". Poden levar a cabo proxectos compartidos, e tamén realizar compras por xunto, abarantando os prezos.

"A roupa é unha tendencia, e loitar contra as modas que veñen de grandes empresas é difícil. Fan falla proxectos e iniciativas coma esta, nas que se visibilice que é posible producir doutro xeito, e que non é tan caro"

Raquel Doallo é optimista sobre o futuro inmediato das iniciativas de moda sostible: "están xurdindo iniciativas de reutilización, e se cadra é algo que hai que potenciar coa roupa". Porén, sinala que aínda se debe facer un gran traballo previo de concienciación: "A roupa é unha tendencia, e loitar contra as modas que veñen de grandes empresas é difícil. Fan falla proxectos e iniciativas coma esta, nas que se visibilice que é posible producir doutro xeito, e que non é tan caro".

 

Na base, Asia

En setembro de 2012 máis de 300 persoas morreron en Karachi, Paquistán, no incendio dunha fábrica téxtil. O mesmo pasou en decembro dese mesmo ano en Bangladesh, onde faleceron outras 112 persoas. Estes sucesos, que se repiten de forma periódica nestas factorías (aínda que só cando son extremadamente graves chegan aos medios occidentais), serviron para revelar o terrible día a día destes traballadores e traballadoras. Entre 2006 e 2009 morreran 414 traballadores en incendios de fábricas de roupa e, alén diso, estas persoas tiñan que soportar a diario condicións laborais ilegais, traballando para empresas e marcas tan coñecidas para nós como El Corte Inglés, Mango, Inditex ou Primark.

Entre 2006 e 2009 morreran 414 traballadores en incendios de fábricas de roupa

En Bangladesh, 223.000 persoas traballan indirectamente para Inditex, con salarios medios que antes desas traxedias roldaban os 31 euros ao mes. O 44,7% dos provedores de Inditex son asiáticos, pero a empresa adoitaba non informar de que empresas traballan para ela nin en Bangladesh nin en ningún outro país, non publicaba nin o nome dos seus provedores, nin cales eran as condicións dos seus traballadores subcontratados. A Campaña Roupa Limpa, promovida por Setem e outras ONGs procura que todas estas multinacionais do sector téxtil cumpran unha serie de compromisos, relacionados coa seguridade das fábricas dos seus proveedores e das condicións laborais dos seus empregados e empregadas. Uns compromisos que a meirande parte destes xigantes empresariais incumpren. As críticas contra Inditex tamén sinalaron as condicións ás que somete ás súas traballadoras en Galicia, e hai xusto un ano a Plataforma #BoikotInditex quixo "visibilizar as prácticas abusivas que realiza o grupo Inditex" cosendo duante dunha das súas tendas na Coruña.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.