Incubadoras abandonadas nos corredores do HULA

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Hai uns meses CIG-Saúde denunciaba que a adxudicación por parte do SERGAS a Ibérica de Mantenimiento S.A. do servizo de mantemento integral de equipamento electromédico estaba a provocar "problemas nos equipos" e que, en consecuencia, moitas citas fosen anuladas. O sindicato sinalaba que a empresa estaba incumprindo "todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta", tanto no referido a persoal como a tempos de resposta e esixíalle á Xunta que "rescatase" o servizo. Denunciaba, en concreto, que a concesionaria non cobre o servizo as 24 horas, carece de medios materiais, incumpre os prazos para a substitución de equipos e non teñen a disposición do SERGAS os equipos ofertados para substituír en caso de avaría.

Pois ben, o sindicato alerta nesta ocasión sobre a situación que se está a dar no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde segundo a CIG "dúas incubadoras e unha cuna térmica do servizo de UCI de pediatría-Prematuros pasaron 15 días nun corredor á espera de que as levaran para amañar, atopándose neste momento en reparación, non sabemos onde, nin canto tardarán". Engaden que "mesmo o pai dun bebé ingresado nos comunica que hai unha das incubadoras coa revisión sen pasar, cando lle tocaría no mes de setembro de 2013, tal como indicaba a pegatina que naquel momento tiña posta. E conclúen que "cando o servizo era 100% público isto non acontecía".

Carme Aira pregúntase se "os prematuros de Lugo terán que ser atendidos a 100 quilómetros sen que se tome nin a primeira medida"

Carme Aira Díaz, secretaria comarcal da CIG-Saúde Lugo-A Mariña, afirman que "non pode ser que nesta época do ano, na que hai risco de patoloxías respiratorias severas en bebés, non se conte no HULA coa dotación de equipos necesarios para tratalas, por estaren á espera de amaño nun pasillo". E pregúntase se "os prematuros de Lugo terán que ser atendidos a 100 quilómetros sen que se tome nin a primeira medida" ou se "tamén terán que desprazarse as nais parir fóra".

CIG-Saúde denuncia que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel"

CIG-Saúde denuncia que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel". “Uns profesionais" -di- "que coñecían á perfección o estado dos equipos e das instalacións e que agora se están a deteriorar, porque a empresa adxudicataria non fai as reparacións perceptivas argumentando obsolescencia de xeito que se aforra o custe destas reparacións. Isto implica que o SERGAS se verá abocado a repor equipos cuxa vida útil non rematou", sinalan.

Para o sindicato este é un exemplo claro de que “as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do Partido Popular por privatizar a sanidade pública entregándoa a empresas privadas para facer negocio coa saúde dos cidadáns”. 

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.