"Hai pais que chaman para ir rexistrar o corpo das súas fillas"

Dúas mulleres intentan rexistrar o seu corpo en Vilagarcía CC-BY Marthazul

Foi o pasado mércores. Unhas trinta mulleres acudiron ao Rexistro da Propiedade de Vilagarcía de Arousa para solicitar a titularidade sobre un ben: o seu propio corpo. Foron varias ducias de mulleres da comarca as que acudiron á chamada que fixo a través das redes sociais a artista galega Martha Azul, que foi a que en Galicia se uniu a esta acción artítistica impulsada a nivel estatal por outra artista, Yolanda Domínguez, e que levou centos de persoas a rexistros de Madrid, Barcelona, Sevilla, Bilbao ou Pamplona. Foi a súa maneira de protestar contra o anteproxecto de lei do aborto do Goberno do ministro Gallardón, ese que volveu ser apoiado de novo pola maioría absoluta do PP no Congreso e no propio Parlamento galego e que, de saír adiante, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo só en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller.

"Se nos tratan como obxectos, teremos que rexistrar ese obxecto", reivindica Martha Azul, a artista que impulsou a protesta en Galicia

"Se nos tratan como obxectos, teremos que rexistrar ese obxecto", explica a Praza con ironía Martha Azul, a pintora arousá que impulsou unha protesta máis apoiada do que agardaba. "Todo se fixo a través das redes sociais; a proposta xurdiu de Yolanda Domínguez para Madrid, pero foise espallando a outros puntos como Barcelona ou Bilbao... Eu ofrecinme a difundilo para facelo aquí", conta a artista galega. "Convoquei a todas as mulleres que puiden e esperaba contar con oito, pero apareceron unhas trinta e logo incorporáronse incluso rapazas que saían do instituto que se uniron á acción", explica.

Pero en Vilagarcía o Rexistro da Propiedade tan só se ocupa dos bens inmobles, polo que os funcionarios impedíronlles legalizar a titularidade do seu corpo. "Vós sodes bens móbiles", disque lles dixo a responsable de atendelas, unha muller que non foi moi amable nin respectuosa coa protesta. "Foi borde e advertiunos de que ese trámite teriamos que facelo en Pontevedra; tan só atendeu tres persoas porque se negou a xestionar máis... É moi triste que sexan as mulleres as que se opoñen a estas reivindicacións, pero tamén vemos como son outras moitas mulleres as que apoian a reforma da lei do aborto", reflexiona.

"Non queriamos manifestarnos, senón optar pola ironía", reivindica a artista que non descarta máis accións deste tipo

En Vilagarcía, malia que se colapsou a sede do Rexistro, as súas peticións non foron atendidas. Si en Madrid, onde os rexistros foron admitidos a trámite. No entanto, o obxectivo principal conseguiuse. "Non quixemos facer unha manifestación nin espirnos, senón optar pola ironía; se para eles somos un obxecto, queremos rexistralo", engade Martha Azul, que como millóns de mulleres non entenda que sexan outros os que decidan polo xénero feminino. Ela está disposta a seguir "por esta vía irónica", a mesma que leva anos marcando Yolanda Domínguez, que non descarta levar a máis cidades e vilas do Estado este rexistro masivo de corpos.

"Só queremos decidir sobre o noso corpo e Gallardón quere impedírnolo"

"Moita xente dicíanos que terían ido se o soubesen ou que apoiaban a protesta aínda que lles daba algo de vergonza", conta Martha Azul. "Só queremos decidir sobre o noso corpo e Gallardón quere impedírnolo", di quen está segura de que "cada vez hai máis xente disposta a protestar" desta ou doutra maneira. "Xórdenme moitas ideas, pero as ganas de protestar por isto e por outras moitas cousas son grandes", asegura.

"As accións artísticas están tendo éxito, tanto que hai pais que están a chamar para pedir ir rexistrar o corpo das súas fillas menores; están provocando queu protestemos máis e así o faremos. Se cadra ata o formalizamos", advirte esta artista que lembra como, con cadanseu impreso, as mulleres convocadas subiron ao Rexistro de Vilagarcía, escribiron "o meu corpo" onde se lles solicitaba a descrición do ben a legalizar e engadiron diversas observacións como "inclúe cerebro e órgano reprodutor", "1,60 de alto e moito de ancho", "o meu corpo cheira moi ben" ou "o meu corpo de pés a cabeza". Incluso se incluíron debuxos. Todo para reivindicar o dereito das mulleres a decidir sobre o que é seu.

Varias mulleres acoden a rexistrar o seu corpo en Vilagarcía CC-BY Marthazul

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.