0 Gardados para despois

"A historia da clase traballadora cóntase case sempre dende a elite das organizacións"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Escasean moito as autobiografías obreiras. Non só en Vigo ou en Galicia, senón en toda España, en toda Europa e no mundo en xeral. É unha fonte moi rara. Os traballadores manuais, como era o caso de meu pai, non teñen hábito de escribir, e necesitan unha motivación moi forte", conta o historiador Carlos Barros. De aí a importancia do do traballo que realizou o seu pai, Manuel Barros, traballador de Barreras que escribiu as súas memorias (motivado polo seu fillo) durante catro anos xusto despois de xubilarse, a man, con lapis e cun galego de Coruxo. De aí saíu O rapás da aldea. Memorias dun traballador (1918-1976), o libro editado en 2008 pola Fundación Dez de Marzo e do que agora podemos ver unha versión audiovisual, o documental Un traballador do século XX, presentado hai dúas semanas no MARCO de Vigo.

Un e outro relato son unha narración persoal do século XX en Europa, dun século XX curto pero acelerado, sobre todo en Galicia, onde as aldeas de Coruxo ou Coia viraron cidade, onde o campo virou fábrica e o movemento obreiro creceu e resisitiu, a pesar da guerra civil e a ditadura. Moito que contar dende logo. Non sorprende, daquela, que as memorias de Manuel Barros ocupasen 870 folios. 

"Creo que o filme gusta a todo o mundo, precisamente pola humanidade que transmite. Por iso non se entende que a TVG non a emita. Ninguén debería sentirse magoado ao vela, nin atacado, senón conmovido", sinala Barros

O documental naceu na propia presentación do libro en Vigo en 2008. Esa mesma tarde o realizador británico Steve Sklair propúxolle a Carlos Barros facer o filme que, financiado pola TVG, foi rematado en 2009. Porén, o cambio de cor política na Xunta impediu até agora que o documental se puidese ver na televisión pública e adiou a súa difusión até hoxe. "Creo que o filme gusta a todo o mundo, precisamente pola humanidade que transmite. Por iso non se entende que a TVG non a emita. Ninguén debería sentirse magoado ao vela, nin atacado, senón conmovido", sinala Barros.

Manuel Barros era obreiro, era comunista e estaba afiliado a CC.OO., mais non era un dirixente, un líder. "Cústame explicar en que consiste O rapas da aldea, cústame moito explicar que non se trata dun militante histórico, dun heroe da loita social" -explica Carlos Barros- "Gústame salientar, iso si, que Manuel tiña unha clara conciencia política e unha clara conciencia de clase, rudimentos de marxismo aprendidos fundamentalmente no estaleiros Hijos de J. Barreras nos anos corenta. Estivo vinculado en diferentes momentos ao Partido Comunista, a CC.OO., etc, pero sempre dende a base, non dende o punto de vista dos dirixentes, que tiñamos outra visión, nin mellor nin peor".

"A historia da clase traballadora cóntase case sempre dende a elite das organizacións, e el ofrece un punto de vista máis periférico"

O historiador destaca que "isto fáltanos. A historia da clase traballadora cóntase case sempre dende a elite das organizacións, e el ofrece un punto de vista máis periférico. Á hora de elaborar a historia do século XX tírase de fontes documentais, de hemeroteca e se hai memorias ou fontes directas normalmente se trata de xente da elite, das grandes figuras, políticos ou intelectuais, que deixan testemuña da súa vida pero normalmente se xeito autoxustificativo". Ademais, o seu relato, que fala do día a día, de cousas cotiás, de como vivían, pensaban, gozaban, sufrían e tiñan medo os traballadores e os militantes de base, permite, en opinión de Carlos Barros, "facer xustiza con milleiros e milleiros de persoas que loitaban nas fábricas e que traballaron na reconstrución do movemento obreiro e da esquerda, na loita contra a ditadura". 

As memorias péchanse coa súa xubilación en 1976, pero antes recollen a organización do potente movemento obreiro en Vigo, a folga de 1972 e a súa loita contra a ditadura. Manuel Barros era encargado do guindastre en Barreras, e por esta posición elevada acadou unha grande importancia, pois se os demais traballadores vían que o grueiro facía folga, o movemento estendíase. Foi tamén na súa cabina do guindastre onde coñeceu lendo no boletín do PCE que o seu fillo se afiliara ao partido. Anos despois, cando Carlos Barros foi detido e torturado durante tres días en Ourense, Manuel Barros viviu un dos seus peores momentos: "aquela noite foi cando eu, o rapaz da aldea, non durmín pensando en vingarme dos policías que torturaran o meu fillo", escribiu.

 

Da aldea á cidade

"Os superviventes do PCE, os que superaron a represión, xúntanse en Barreras e alí forman un núcleo que serve para oficializar a resistencia, e para axudar a guerrilla. É unha clase social que ascende na súa conciencia, dende a aldea á cidade"

O relato, no libro e no documental, nace en Coruxo, nunha aldea na que a familia de Manuel Barros formaba parte do campesiñado pobre, que case non tiña para comer. Carlos Barros destaca que "hai ideas erróneas sobre o campo galego, visións que fixeron máis fincapé no campesiñado propietario que no campesiñado desposuído e que pasaba fame, que tamén era moi importante. E pasaba fame non por cuestións conxunturais, senón pola estrutura do campo". Chega o ano 1931, e o relato de Manuel Barros deixa ver "unha efervescencia político-social espectacular en Coruxo, que recibe a Segunda República cun entusiasmo un tanto inxenuo, pero sincero, de igualitarismo social e de confianza en que solucionaría toda a miseria".

Aparece tamén a guerra civil, a resistencia de Lavadores, a mobilización forzosa de mozos de esquerdas coma Manuel Barros, que tiveron que incorporarse ao exército nacional. "Despois, de volta á aldea, é acusado de colaborar cos escapados, cos que tiña simpatía, evidentemente", conta o seu fillo, que tamén lembra que esa condición de ex-combatiente lle facilitou a súa entrada en Barreras, onde tamén consolida a súa militancia: "Os superviventes do PCE da república, os que superaron a represión, xúntanse en Barreras e alí forman un núcleo que serve para culturalizar e oficializar a resistencia, e para axudar a guerrilla. É unha clase social que ascende na súa conciencia, dende a aldea á cidade".

"El só quería que os seus descendentes coñecesen a súa vida, os obstáculos que tivera que superar e como fora saíndo adiante"

"Habería que animar a moitos a que escribisen as súas memorias" -destaca Barros- "Ao ler as memorias de meu pai, eu mudei de ideas sobre moitas cousas, e creo que algúns colegas de profesión tamén o fixeron". "El pensaba que iso nunca se publicaría e moito menos que se faría unha película" -conta-  "deixábanolo para nós, por iso están escritas dende unha total sinceridade. El só quería que os seus descendentes coñecesen a súa vida, os obstáculos que tivera que superar e como fora saíndo adiante para ao final formar unha familia, ter unha casa e ter un traballo digno".

Un traballador do século XX

©

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.