O pasado luns, unha sentenza do Tribunal Supremo declarou "nulo de pleno dereito" o o decreto co que en 2007 a Xunta (gobernada polo bipartito PSdeG-BNG) suspendía as normas de planeamento municipal de Barreiros e aprobou unha Ordenación Urbanística Provisional. O fallo baséase en que o Goberno galego non expuxo ao público, como debía, esa normativa provisional antes de aprobala, pero desestima o núcleo do recurso, confirmando o outorgamento fraudulento de licencias polo Concello de Barreiros ao se outorgar en terreos que non podían ser considerados como solo urbano.
O fallo baséase en que o Goberno galego non expuxo ao público, como debía, esa normativa provisional antes de aprobala
O pasado ano o TSXG botou abaixo o intento do actual goberno da Xunta de legalizar aqueles inmobles xa construídos a través dun convenio asinado coa Deputación e o Concello. Aquel proxecto, dotado con 14 millóns de euros dos que o 40% saían das arcas da Xunta, o 10% da Deputación de Lugo e o resto, do Goberno central e dos promotores, tivo a forma de plan de incidencia supramunicipal, un aspecto que foi desbotado pola xustiza. Ese fallo acelerou o desenvolvemento dun novo PXOM, que segundo fontes do Concello de Barreiros está xa "moi avanzado". Este mesmo martes a Xunta apremiou o Goberno local a aprobar "coa máxima axilidade o novo plan, que achegará seguridade xurídica e normalidade ao desenvolvemento urbanístico do municipio".
O alcalde de Barreiros, o popular Alfonso Fuente Parga, amosou este martes a súa "satisfacción" polo fallo do Supremo, que na súa opinión acredita que a intervención do Goberno galego en 2007 se debeu "a motivos políticos e non técnicos". O rexedor cre que na Xunta, naquel momento, “non lles gustaba quen gobernaba en Barreiros” e defende que “noutros concellos limítrofes edificábase o mesmo que en Barreiros e non se interveu”. Este mércores, acompañado dos deputados populares José Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, reitetrou esta posición e acusou o Goberno de PSdeG e BNG de "crear un chivo expiatorio no concello de Barreiros" e asegurou que a limitación na construción tivo "graves consecuencias económicas, administrativas, sociais e urbanísticas".
Fuente Parga defende, polo tanto, o urbanismo realizado neses anos no concello, no que chegou a autorizar a construción de 5.800 vivendas nun municipio de 3.200 habitantes, a pesar de que o pasado ano o propio concello recoñeceu que Barreiros vivira unha "actividade inmobiliaria desproporcionada", nalgúns casos "á marxe do planeamento”. Fíxoo nos documentos que lle remitiu á Xunta no proceso de tramitación do novo plan de urbanismo, que tamén recoñecía que a febre urbanística chegou a multiplicar en poucos anos o valor do solo por 40, dende o sete ou oito euros por metro cadrado que se pagaban polo solo rústico, até os case 300 euros que se chegaron a pagar polo solo urbanizable.
O alcalde afirmou que é “lícito” que “todo o mundo queira ter unha vivenda na costa, unha segunda residencia. Agora estamos nun momento delicado, pero se volverá nalgún momento e iso é algo que todo o mundo quere ter”
En declaracións á Cadena Ser engadiu que "Barreiros ten 3.200 habitantes, pero é un concello que no verán multiplica este censo por case catro, e chega aos 12 mil habitantes. Aínda que estean dous meses nós temos que cubrir os servizos para doce mil habitantes, non para 3.200 e cando se constrúe a segunda residencia faise porque hai unha demanda”. O alcalde afirmou igualmente que é “lícito” que “todo o mundo queira ter unha vivenda na costa, unha segunda residencia. Agora estamos nun momento delicado, pero se volverá nalgún momento e iso é algo que todo o mundo quere ter”.
Antón Sánchez insta ao PP que defina "de que lado se atopa, se xunto coa especulación e o urbanismo salvaxe ou do lado da protección do interese público e do urbanismo racional”
Este mércores AGE denunciou que o PP "estea a xustificar o urbanismo salvaxe de Barreiros botando man dunha sentenza que declara nulo o decreto que suspendía de xeito preventivo o plan municipal nun concello no que as agresións ao medio ambiente e o roubo as arcas públicas é unha constante". O deputado Antón Sánchez lembrou que a causa de anulación do decreto de 2007 é a ausencia de trámite de información ao público, e que polo tanto non cuestiona a suspensión das normas subsidiarias do planeamento municipal nin o outorgamento fraudulento de licencias polo Concello de Barreiros ao se outorgar en terreos que pola súa insuficiencia de servizos ou falla de inserción na malla urbana non podían ser considerados como solo urbano. Sánchez insta ao PP que defina "de que lado se atopa, se xunto coa especulación e o urbanismo salvaxe ou do lado da protección do interese público e do urbanismo racional”.