16 construtores irán a xuízo contra a Xunta ao abeiro da sentenza de Barreiros, aplaudida polo PP

A costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Serenito

Está por ver que a sentenza do Tribunal Supremo sobre o urbanismo ilegal de Barreiros, coñecida hai dez días, vaia ter efectos prácticos. Pero o que é seguro é que lles veu dar unha alegría aos empresarios da construción cuxos proxectos para levantar edificacións en solo non urbano foran paralizados en 2007. De feito, 16 destes construtores veñen de anunciar a súa intención de presentar recursos xudiciais contra a Xunta de Galicia para demandarlle indemnizacións polos proxectos anulados, para esixirlles "responsabilidades xudiciais" aos altos cargos do Goberno galego entre 2005 e 2009 ou para recuperar os avais depositados para financiar a rede de augas, non executada.

Quen tamén celebrou abertamente a sentenza foi o alcalde popular da vila, Alfonso Fuente Parga, o mesmo que outros representantes do Partido Popular, como os deputados José Manuel Balseiro, Román Rodríguez e Vidal Martínez-Sierra. Román Rodríguez acusou a BNG e PSOE de crer un “problema urbanístico" e de buscar a creación dun "chibo expiatorio no Concello de Barreiros". Tamén sinalou que a decisión provocara “as graves consecuencias económicas, administrativas, sociais e urbanísticas" e interpretou que o fallo “confirma que se trataba dunha decisión arbitraria, discriminatoria e agora sabemos que ilegal”.

O fallo do Supremo non ampara agora a súa legalización nin abre a vía para que os seus construtores poidan recibir unha indemnización económica

Porén, o fallo non entra no fondo do tema e non se contradí coas anteriores sentenzas xudiciais, mesmo do TSXG, que deixaban clara a ilegalidade destas construcións, ao levantarse en terreos que, pola súa insuficiencia de servizos ou falla de inserción na malla urbana, non podían ser considerados como solo urbano. E, por suposto, o fallo do Supremo non ampara agora a súa legalización nin abre a vía para que os seus construtores poidan recibir unha indemnización económica.

 

Unha sentenza que invade competencias de Galicia

A sentenza do Tribunal Supremo só se refire a un aspecto técnico, relativo á presunta obriga do Goberno galego en 2007 de incorporar un período de información pública da ordenación urbanística provisional. En efecto, se isto é así, o decreto queda invalidado, aínda que isto non supón a legalización das obras, non amparadas pola normativa vixente. 

Foron varias as ocasións en que gobernos galegos presididos polo PP, tamén nos executivos presididos por Alberto Núñez Feijoo, aprobaron suspensións de planeamentos sen este trámite de información ao público

Pero mesmo a obriga legal do trámite de información pública é posta en dúbida por distintos actores. O artigo 96 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística de Galicia, aprobada polo PP, non prevé o trámite de información ao público. E foron varias as ocasións en que gobernos galegos presididos polo PP, tamén nos executivos presididos por Alberto Núñez Feijoo, aprobaron suspensións de planeamentos sen este trámite de información ao público. Por exemplo, en setembro de 2011 a Xunta suspendeu parcialmente a vixencia do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Ourense a través dun decreto, que aprobou tamén a ordenación urbanística provisional até a entrada en vigor do novo planeamento, e tampouco incorporou este trámite de información ao público.

A sentenza do Tribunal Supremo racha coa xurisprudencia anterior, que ate o de agora viña confirmando a falla de necesidade do trámite de información pública nas suspensións do planeamento, e ignora a aplicación deste artigo 96 da LOUG en base a unha norma estatal posterior, a pesar de que o Supremo non ten competencia para deixar de aplicar unha lei autonómica. Mesmo dende AGE, o seu deputado Antón Sánchez sinalaba hai días que o procedente sería que o tribunal formulase unha cuestión de inconstitucionalidade contra ese artigo e que, no caso de ser estimado polo Tribunal Constitucional e expulsado do ordenamento xurídico, procedese entón a anular o decreto de suspensión do planeamento de Barreiros de 2007.

O Supremo ignora a aplicación deste artigo 96 da LOUG en base a unha norma estatal posterior, a pesar de que non ten competencia para deixar de aplicar unha lei autonómica

O que si fixo AGE foi rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego instando á Xunta de Galicia a interpoñer recurso de inconstitucionalidade contra a sentenza ditada. “O Partido Popular ten que definir de que lado se atopa, si xunto coa especulación e o urbanismo salvaxe ou do lado da protección do interese público e do urbanismo racional”, sinalaba Antón Sánchez.

 

O novo PXOM

En calquera caso, o novo PXOM, que substituirá ao de 1994, atópase en fase de redacción, e segundo fontes do Concello de Barreiros está xa "moi avanzado". Nos últimos días o grupo municipal do BNG en Barreiros solicitoulle ao goberno municipal que lle facilitase unha copia do informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente a respecto do borrador inicial do PXOM presentado polo goberno municipal, un informe que poría en dúbida "o modelo de desenvolvemento urbanístico co que se pretende continuar en Barreiros, por non ser lóxico nen estar adaptado á realidade municipal".

Segundo o BNG, “o informe da Xunta vén a confirmar que o modelo proxectado polo Partido Popular en Barreiros segue a ser o do boom urbanístico con recualificacións de terreos que non atenden ás necesidades da poboación, mentras se deixa a zona interior sen solo onde poder construír vivendas unifamiliares; ademais de pretender legalizar o desastre urbanístico que se permitiu hai case dez anos".

Parece que a batalla que Concello e construtores están dando (armados coa cuestionada sentenza do Supremo) contra o decreto de 2007 ten máis que ver con outra batalla, no presente, sobre a definición do novo PXOM, e sobre o número de novas edificacións que permitirá

Barreiros ten 3.200 habitantes, e ao redor de 3.500 casas baleiras ou segundas vivendas, ademais dun gran número de edificacións a medio construír. É por iso que Medio Ambiente determinou no informe que “non se xustifica a necesidade de programar novos desenvolvementos residenciais”. Este informe de Medio Ambiente pide tamén a modificación da proposta de PXOM instando a "promover a recuperación paisaxística do eixo visual conformado pola estrada N-634, ruta con valor panorámico actualmente degradado polas numerosas edificacións nas beiras". Esta "acumulación de edificacións" era outro dos aspectos nos que se baseou o decreto do bipartito para anular en 2007 o plan de urbanismo.

En realidade, ben parece que a batalla que Concello e construtores están dando (armados coa cuestionada sentenza do Supremo) contra o decreto de 2007 ten máis que ver con outra batalla, no presente, sobre a definición do novo PXOM, e sobre o número de novas edificacións que permitirá

Anuncios de pisos e parcelas, na costa de Barreiros © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.