Maioría de alumnas, minoría de profesoras

Reunión do claustro da USC © USC

En España dende hai anos licéncianse nas universidades moitas máis mulleres que homes. Concretamente, en 2011, completaron os seus estudos 134,7 mulleres por cada 100 homes, estreitando lixeiramente o desequilibrio que se advertía en 2010 (137,1 por cada 100) ou en 2008 (140,1 por cada 100). Porén, este claro dominio feminino nas aulas das universidades, segue sen ter aínda un reflexo nunha proporción semellante de profesoras, e moito menos de profesoras titulares ou de catedráticas. Son algúns dos datos que forman parte da publicación Mujeres y Hombreselaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), e que vén de actualizar o seu campo dedicado á educación.

A medida que se ascende nos distintos niveis de escolarización: educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, universidade..., a presenza feminina entre as docentes vai diminuíndo

Na información estatística, que non só se refire á universidade, senón que abrangue todo o sistema educativo, advírtese que a medida que se ascende nos distintos niveis de escolarización: educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, universidade..., a presenza feminina entre as docentes vai diminuíndo. Así, se en educación infantil o 97,2% das mestras son mulleres e estas porcentaxes son igualmente contundentes en educación primaria (80,2%) e especial (81,6%), cando chegamos a secundaria, bacharelato e formación profesional as cifras iguálanse (56% de mulleres), e a realidade dá unha volta ao entrar nas ensinanzas artísticas (45,5% de mulleres) e, sobre todo, na etapa universitaria (38,6% de profesoras).

Dentro deste porcentaxe do 38,6%, ademais, cómpre salientar que a presenza feminina vai reducíndose a medida que se ascende de escala: no profesorado contratado elas son o 41,5%, entre os titulares a súa presenza baixa até o 39,3%, e só o 19,5% dos catedráticos son mulleres. En Galicia, como lembraba GCiencia hai uns días, as cifras son mesmo menores: Vigo (18,5%), Santiago (12,4%) e A Coruña (11,1%). En canto ao profesorado titular, a de Santiago é a universidade que máis se achega á igualdade, cun 43,6% de mulleres, mentres que Vigo (38%) e A Coruña (37,3%) baixan do corenta por cento.

Tamén se advirte un gran desequilibrio no número de mulleres graduadas nos estudos de ciencias, matemáticas e tecnoloxía, un indicador no que no ano 2011, por vez primeira, os homes españois superaron a media da UE

Tamén se advirte un gran desequilibrio no número de mulleres graduadas nos estudos de ciencias, matemáticas e tecnoloxía, un indicador no que no ano 2011, por vez primeira, os homes españois superaron a media da UE. Así, nese ano había en España 23 licenciados nestas áreas por cada mil homes entre 20 e 29 anos, fronte a unha media europea de 22,3. Esta taxa foise incrementando con rapidez dende o ano 2008, cando se rexistraban 15,8 licenciados por cada mil persoas nesa franxa de idade (fronte a unha media europea de 19 por cada mil).

As mulleres son máis en practicamente todas as áreas de estudo, comezando por educación (77%), saúde (76%), ciencias sociais e dereito (62%) e humanidades e arte (61%), pero non en ciencias, matemáticas e informática (36%) e enxeñaría (27%)

Porén, a presenza feminina segue moi por debaixo desas cifras e non chega nin á metade. Así, en España había en 2011 10,4 mulleres licenciadas en ciencias por cada mil, por debaixo da media europea (11,1%). A pesar de que se produciu un notable incremento dende 2008 (7,2), o diferencial cos homes mesmo aumentou neste tempo. Romanía, Dinamarca e Polonia son os países da UE coas taxas máis altas de mulleres graduadas en ciencia, matemáticas e tecnoloxía. Pola contra, Chipre, Hungría, Holanda e Luxemburgo sitúanse nos tres últimos postos.

Estas cifras compleméntanse co dato sinalado ao comezo deste texto, que facía referencia á clara maioría feminina entre os estudantes universitarios. As mulleres son máis en practicamente todas as áreas de estudo, comezando por educación (77%), saúde (76%), ciencias sociais e dereito (62%) e humanidades e arte (61%), pero non en ciencias, matemáticas e informática (36%) e enxeñaría (27%). As proporcións por xénero en todas as áreas mantéñense, ademais, inalteradas dende 2008. Nas tres universidades galegas, as mulleres son maioría en todos os campos, agás nas carreiras técnicas, nas que se detecta unha clara maioría masculina: 4.300 mulleres por 9.700 homes.

Reunión do claustro da USC © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.