0 Gardados para despois

Primavera de dignidade multicor

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Virginia UzalVirginia Uzal | @VirginiaUzal


eldiario.eseldiario.es | @eldiarioes


Primavera multicor na defensa da dignidade e por "pan, traballo e teito". Entre bochas nos pés polos moitos quilómetros andados, innumerables controis policiais e declaracións políticas con evidentes problemas de lateralidade as Marchas da Dignidade asolagaron este sábado as principais rúas de Madrid. Contra o mediodía a columna noroeste, na que se integra unha parte minoritaria da representación galega entraba na capital española. Case ao mesmo tempo, o tren que transportaba arredor de 500 activistas do país chegaba á estación de Chamartín, blindada pola policía igual que o resto da cidade, ao berro de "pan, traballo e teito".

Bandeiras galegas con e sen estrela, enseñas da II República e emblemas sindicais mesturáronse nos primeiros compases do percorrido cos traxes profesionais de bombeiros como os que impediron o desafiuzamento de Aurelia Rey, na Coruña. O ambiente reivindicativo mesturouse co son festivo das gaitas nunha comitiva na que se integraron representantes políticos como os deputados de AGE Antón Sánchez e Yolanda Díaz, o alcalde de Teo, Martiño Noriega ou Lidia Senra, entre outros.

Os dereitos á vivenda, ao traballo, aos servizos públicos ou á interrupción voluntaria do embarazo formaron parte das consignas desta columna, que comezou o percorrido polas rúas de Madrid achegándose á praza de Castilla, onde se xuntou coas persoas que viaxaron dende Galicia en autobús. Dende alí, e baixo o férreo control das numerosísimas unidades antidisturbios despregadas polo Goberno central, pero tamén entre aplausos dende as beirarrúas, dirixíronse ao punto de inicio da manifestación, o acto central deste sábado.

"Aquí está, aquí se ve, a clase obreira galega en pé", clamaban de camiño a Atocha, onde os bombeiros galegos foron recibidos cunha ovación. A unha hora do inicio da manifestación o Paseo del Prado era unha marea branca e azul, mestura de indignación e alegría e sen rastro dos incidentes que as autoridades madrileñas semellan agardar. Ás cinco da tarde, hora fixada para o inicio da manifestación unitaria, unha enorme marea comezou a marchar por tras dunha pancarta coa verba "dignidade" escrita nos idiomas cooficiais do Estado.

Numerosísima asistencia

As Marchas da Dignidade pretendían evidenciar na rúa a súa fartura coa situación social, económica e política que vive o Estado. Se o descontento se mide polo apoio popular que recibe unha manifestación, o seu obxectivo está cumprido.

Na multitudinaria manifestación destaca a pluralidade de bandeiras e siglas

Milleiros de persoas secundan marchas ideadas por diversos colectivos, aos que se foron sumando outros nos últimos días e mesmo nas últimas horas. Así, na protesta puidéronse ver bandeiras de diversos partidos políticos e sindicatos, de plataformas como a PAH, ou as insignias das distintas mareas cidadás.

O remate da comitiva comezou a andar unha hora e media despois da cabeceira

A asistencia foi tan maioritaria que a concentración previa á manifestación comezou moito antes das 17.00 horas, momento elixido para iniciar a marcha desde Atocha até Colón. Xa ás 16.30, os asistentes comezaron a baixar por Atocha, mentres ían acumulando apoios en zonas como os arredores ao Museo do Prado. A parte final da comitiva non puido comezar a camiñar ata unha hora e media despois de que comezase a andar a cabeceira.

Acto final e cargas policiais

A mestura de loita e festa caracterizou tamén o acto final das marchas, onde a música salferiu os discursos que, nunha liña pouco habitual, mesturaron o castelán co galego, o catalán e mais o euskera. Esa música e eses discursos tiveron que facerse ouvir, no treito final do acto, por riba dunha carga policial. Un reducidísimo número de individuos guindou obxectos contra as unidades antidisturbios mentres, dende o escenario, os organizadores advertían de que a Policía estaba a irromper "nun acto completamente legalizado".

Carreiras, proxectís de goma e feridas foron a faciana máis minoritaria dunha xornada que se caracterizou polo seu pacificismo na reivindicación. Resta saber que acontecerá nas rúas de Madrid durante a noite, especialmente na contorna de Recoletos, onde un grupo de persoas comezou a instalar unha acampada.

A columna galega, polas rúas de Madrid

Manifestantes galegos en Madrid

Bombeiros na comitiva galega

Representantes sindicais galegos

A prol dos dereitos das mulleres

Gaiteirada na estación de Chamartín

O tren galego sae á rúa

Chegada do "tren da dignidade"

Faixa da ODS de Coia

Antón Sánchez, deputado de AGE

Martiño Noriega e Lidia Senra

Pola liberdade do Sáhara dende a columna galega

Aplausos ao paso da columna galega pola Praza de Cibeles

No Paseo del Prado, a unha hora do inicio da manifestación

Faixa da manifestación principal

Cabeceira da manifestación tras unirse as columnas

#22M Marchas da Dignidade

Os bombeiros galegos chegan a Atocha entre aplausos

CC BY-SA El Diario

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Pero, canta xente foi?

Como acontece na maioría das manifestacións, a mobilización central das Marchas da Dignidade aínda non rematara e os medios de comunicación e internet xa fervían nun intercambio de cifras de asistencia con escasa xustificación. Dende o escenario da madrileña Praza de Colón asegurouse que a manifestación congregara dous millóns de persoas, mentres que algúns medios rebaixaban a asistencia a 50.000. Unha e outra cifra semella que estaban máis apoiadas en desexos que en realidades.

Dando por bo que nunha multitude pode haber 4 persoas por metro cadrado, a convocatoria foi secundada por máis de 500.000 manifestantes

Segundo relatan xornalistas que seguiron a marcha a pé de rúa, no momento no que a súa extensión foi maior a comitiva tiña unha lonxitude duns dous quilómetros e medio, os que separan Atocha da Praza de Colón e a súa contorna. Botando man dun medidor de áreas é posible coñecer que, cunha estimación conservadora, este percorrido supón unha superficie duns 140.000 metros cadrados.

Dando por bos os cálculos que, ordinariamente, falan de que nunha marcha multitudinaria pode haber ata catro persoas por metro cadrado, a convocatoria do 22-M foi secundada, cando menos, por máis de medio millón de persoas. Outros cálculos difundidos nas últimas horas explican que a área que chegou a ocupar a marcha foi maior, chegando case aos 300.000 metros cadrados e indican que, polo tanto, a asistencia roldaría o millón de persoas, lonxe tamén das consignas e desexos aparte.

Canto da Liberdade con disparos de fondo

Por Olga Rodríguez

O carácter heteroxéneo das Marchas da Dignidade, así como a ausencia dun gran aparello detrás na súa organización, son características que fan deste movemento algo novo e imprevisible. Nelas conflúen persoas de diversos colectivos e procedencias, coordinadas de forma transversal, de abaixo arriba, con ganas de participar.

O que están a reivindicar son dereitos fundamentais e o empoderamento da xente que se quedou sen lugar nesta sociedade. Diso falouse onte nas marchas.

Pediuse traballo e teito, o pan e as rosas, o dereito a decidir de todos, a unidade da xente afectada por isto que algúns chaman crise, e unha democracia real, cunha economía ao servizo das persoas.

Houbo emoción, poesía, música e moita dignidade. "Isto foi un éxito, temos que repetilo de cando en vez", dicía un representante dun dos colectivos organizadores.

A Solfónica, o coro xurdido co movemento 15M, subiu ao escenario levantado en Colón, ante unha marea humana que participou na manifestación. "Nacemos co 15M e agora estamos aquí para unirnos a este movemento pola dignidade", dixeron ante o micrófono.

Os seus integrantes interpretaron Nabucco de Verdi e o Canto a la Libertad de Labordeta. A praza estaba chea. A xente, mirando ao escenario, cantaba ou tarareaba. Eran as oito e media da tarde. Foi entón cando os antidisturbios entraron en escena e se produciu a primeira carga policial.

Os axentes irromperon na concentración, avanzaron até a metade da praza e escorrentaron a parte dos manifestantes

Os axentes irromperon na concentración, avanzaron até a metade da praza e escorrentaron a parte dos manifestantes. Visto desde o alto, a súa intervención asemellouse á entrada dunha mancha escura, debido á cor dos seus uniformes, que foi apagando o ambiente colorido creado polas camisetas e chalecos reflectores de moitos participantes nas marchas.

A Solfónica deixou de cantar, a xente levantou as mans, os integrantes do coro alzaron os seus violíns e partituras e todos corearon ao unísono: "Estas son as nosas armas, estas son as nosas armas". De fondo, escoitábanse os disparos das pelotas de goma da policía. A manifestación tiña permiso até as nove da noite, pero os axentes non quixeron esperar a que terminase para provocar a súa disolución. Alguén desde o escenario falou:

"Lembramos á policia que está a interferir un acto totalmente legalizado e que abandone a praza, que está a ser obxecto dunha agresión ilegal. Estamos concentrados legalmente, fagan o favor de abandonar inmediatamente a praza por favor, non terminou este acto, e está totalmente legalizado".

A xente gritou "fóra" e "vergoña". As mulleres da Solfónica volveron cantar: "Habrá un día en que todos, al levantar la vista, veremos una tierra que ponga libertad". O contraste da música, a xente fuxindo e o son dos disparos foi unha estremecedora metáfora.

O contraste da música, a xente fuxindo e o son dos disparos foi unha estremecedora metáfora.

Topeime nun dos laterais da praza cunha familia que saía correndo asustada ante a carga. Foi así como a manifestación quedou practicamente disolta antes de tempo, cunha despedida atropelada. A noticia do día, a dunha protesta multitudinaria en reivindicación da dignidade, viuse embazada nos informativos do nove da noite por imaxes das cargas policiais.

Nalgunhas portadas dos diarios deste domingo as Marchas da Dignidade aparecen recortadas, estigmatizadas ou ninguneadas. Mentres, unha morte que aínda non se produciu acaparou máis atención que as marchas.

O discurso dominante móstrase máis preocupado pola restrición do uso do coche en día de manifestación que polo seis millóns de parados e o tres millóns de nenos en risco de pobreza. Importan máis as marquesiñas e os colectores das rúas que o medio millón de desafiuzamentos e as persoas ameazadas con perder a súa casa. O xornalismo leva unha estraña deriva.