A Xunta reunirase cos alcaldes críticos co canon de Sogama tras o peche en San Caetano

Concellos de toda Galicia levan meses amosando o seu descontento pola suba das taxas que cobra Sogama © encomun.es

Unha representación de alcaldes e alcaldesas dos partidos da oposición parlamentaria mantiveron  na mañá deste xoves un peche nas dependencias administrativas da Xunta de Galicia en San Caetano. Fixérono en protesta pola suba do canon de Sogama e "contra a negativa do Executivo de Feijóo a negociar cos gobernos locais unha solución consesuada á imposición da suba da taxa do lixo, incumprindo unilateralmente as condicións de contrato entre a empresa e os concellos", tal e como adiantou o BNG.

Os alcaldes protestan contra a suba "unilateral" do canon e contra a negativa de Feijóo a negociar unha alternativa

Rexedores do Bloque -como Severino Rodríguez, alcalde de Monforte; Francisco García, alcalde de Allariz; Fernándo Suárez, de Ribadeo; ou Adolfo Muíños, alcalde de Zas-, socialistas ou de Anova, como David Rodríguez, alcalde de Manzaneda, concentráronse na área de Presidencia do Goberno galego para "pedirlle a Feijóo diálogo e solucións á suba unilateral, inxusta e desproporcionada do canon de Sogama, así como un cambio no modelo de xesitón de residuos de Galicia para adecualo á normativa da UE", segundo dixo o PSdeG, que estivo representado na concentración por Valentín Formoso, rexedor das Pontes e secretario de Política Municipal dos socialistas, ademais dos primeiros edís da Illa de Arousa, Piñor, A Fonsagrada, Vilaboa, A Guarda, Camariñas, Castroverde, Pol e Becerrera, e Ángel Rivas, do Concello de Vigo.

Logo do peche e das peticións dos rexedores, a Xunta aceptou unha xuntanza logo de que os rexedores ameazasen con converter en indefinida a protesta. Será o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, quen reciba os representantes dos alcaldes críticos o vindeiro martes. En concreto, estarán na reunión con Agustín Hernández os representantes dos concellos de Vigo (PSdeG), Ribadavia (PSdeG), Monforte (BNG) e Rianxo (BNG), ademáis de Alfredo García, alcalde socialista do Barco e vicepresidente da Fegamp.

O conselleiro de Medio Ambiente reunirase cos alcaldes críticos o vindeiro martes

Protestaron na Xunta arredor de vinte alcaldes que representan os case cen municipios que se opoñen á suba deste canon que se comezou a aplicar neste mesmo mes de marzo. É un incremento nun 34% da taxa do lixo que se lle impón aos concellos, que se manteñen firmes e que xa anunciaron a presentación dun recurso contencioso, manifestáronse en Compostela e advertiron de que non abonarán o incremento desta taxa, que será depositado nun xulgado á espera, cando menos, da resolución xudicial.

“O único que queremos é que se nos escoite, queremos consenso, pero a Xunta non pode esquecer que os alcaldes que estamos aquí representamos ao 50% da poboación galega e tamén o 50% do tratamento do lixo que fai Sogama”, manifestou aos medios de comunicación Marcos Blanco, alcalde socialista de Ribadavia.

Os alcaldes queren que a suba do canon sexa asumida “pola Xunta, os concellos e a propia Sogama, porque non podemos permitir que unha empresa privada sempre gañe e os nosos veciños perdan, o incremento do 34% é desproporcionado”, apuntou Blanco.

O canon de Sogama pasará dos 61,5 euros por tonelada de lixo aos 82,1, máis de 20 euros de diferenza por cada mil quilos, que terán que ser asumidos ou polos concellos, xa afogados economicamente e ameazadas pola reforma local, ou pola cidadanía en forma de impostos. Os alcaldes rebeldes -todos os que non son do PP- levan meses agardando negociar coa Xunta unha alternativa para reducir o impacto deste incremento e solicitaron unha xuntanza con Feijóo, que se negou a negociar con eles e que aclarou que a Fegamp sería o interlocutor válido.

Os rexedores críticos portaron unha pancarta na que se le Os concellos contra a suba do canon do lixo de Sogama, o mesmo lema que pendura nas fachadas das casas consistoriais dos 97 municipios contrarios á decisión da Xunta.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Concellos de toda Galicia levan meses amosando o seu descontento pola suba das taxas que cobra Sogama © encomun.es
Imaxe do peche publicada polo PSdeG Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.