O cárcere da Coruña esmorece ante o desleixo das administacións

Antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-NC-SA BorjaRS

O cárcere da Torre, abandonado dende hai anos, ten miles de historias que contar, historias de sufrimento e represión, durante as décadas nas que funcionou como cárcere provincial da Coruña, e nas que por exemplo acolleu os traballadores detidos na represión da folga de Ferrol de 1972 e moitos outros loitadores pola democracia. Unha memoria colectiva que xa por si soa esixiría a recuperación deste espazo, situado no final do barrio de Montealto, fronte á Torre de Hércules e o Campo da Rata, e que ademais posúe un innegable valor patrimonial e arquitectónico.

Pasan os anos sen que dende as administracións se presenten solucións. A caída, esta semana, do revestimento de cemento dunha parede de oito metros volveu poñer a situación do cárcere de actualidade. E de novo chegaron as acusacións cruzadas e as xustificacións. O edificio é propiedade da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, dependente do Goberno central, que se nega a cederllo gratuitamente ao Concello, esixindo un pagamento de 3,32 millóns de euros. O Goberno municipal herculino, pola súa banda, bota balóns fóra e culpa a anterior corporación de ter aceptado estas condicións, no canto de ter esixido o cambio de titularidade de balde.

A asociación de veciños de Monte Alto criticou hai uns días o "desleixo" das administracións e reclamou un "uso social" para o inmoble

Pola súa banda, tanto PSdeG-PSOE ("a prisión esixe una solución e un proxecto para poñer en valor o inmoble. Despois de dous anos de Goberno de Rajoy e Negreira non hai escusas"), coma BNG ("O Estado ten que velar pola súa conservación e non está a cumprir coas súas obrigas legais") e EU ("o desprezo de Negreira fronte as iniciativas cidadás, coma o Proxecto Cárcere, que pretende darlla e a este edificio emblemático un uso sociocultural alternativo") critican a inacción do Concello e do Executivo central. Tamén a asociación de veciños de Monte Alto criticou hai uns días o "desleixo" das administracións e reclamou un "uso social" para o inmoble.

 

O Proxecto Cárcere

O obxectivo principal do Proxecto Cárcere é conseguir que o espazo sexa cedido e facer deste "un espazo de convivencia e liberdade, onde primen os usos sociais, culturais e educativos"

A Plataforma Proxecto Cárcere foi creada a finais de 2010 por distintas persoas e colectivos cidadáns, recollendo as inquedanzas das veciñas e veciños de Atochas, Montealto e A Torre, barrios próximos á cadea, que levaban xa tempo reivindicando que este espazo fora posto ao servizo da cidadanía da Coruña. O obxectivo principal da Plataforma dende entón foi conseguir que o cárcere fose cedido e facer deste "un espazo de convivencia e liberdade, onde primen os usos sociais, culturais e educativos e, dada a significación do propio edificio, onde a memoria histórica estea sempre presente". Ademais, dende o comezo entendeu este proceso como "unha oportunidade de transformación social e urbana no que a cidadanía coruñesa sería a máxima protagonista".

O colectivo realizou xornadas de portas abertas, para que a cidadanía puidese coñecer o inmoble e organizou actividades culturais. Entre 2010 e 2011 mo cárcere mesmo acolleu algunhas sesións do festival de cinema S8 ou un concerto en homenaxe a Lois Pereiro. Tamén se alborou un Plan de Viabilidade onde se propuxeron as liñas xerais de recuperación paulatina e sustentable do inmoble, das actividades a ser acollidas nel e da xestión e viabilidade económica para o cárcere. Recolléronse sinaturas, solicitáronse entrevistas coas responsables municipais de Cultura e Urbanismo e denunciouse a situación de abandono e desleixo ante o Concello e a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, "que non moveron nin un só dedo ata que un grupo de 15-20 persoas decidimos entrar no cárcere armadas de luvas e vasoiras. Nese momento si enviaron unha brigada desproporcionada da policia nacional, tapiaron as entradas principais e contrataron os servizos de seguridade privada 24 horas ao día".

Proxecto Cárcere aposta pola "acción directa na rúa á marxe de institucións incapaces de asumir a súa responsabilidade de servizo á cidadanía"

A plataforma sinala que "recibimos noticias confusas a través da prensa sobre o proceso de devolución ao Concello da Coruña do solar e por tanto da antiga prisión xa tristemente en ruinas". E denuncian "o que parece mais unha carreira de lebres do que unha negociación entre institucións xeridas por representantes da cidadanía desta cidade e deste Estado", apostando pola "acción directa na rúa á marxe de institucións incapaces de asumir a súa responsabilidade de servizo á cidadanía".

 

Coruña Baleira

A convocatoria fotográfica Coruña Baleira busca visibilizar os espazos, que como o antigo cárcere da Torre, están en desuso na cidade

"Cantos espazos baleiros existen na nosa cidade? Cantas persoas precisan dun espazo para iniciar unha actividade profesional, social, cultural, ou simplemente para vivir?". Hai unhas semanas Proxecto Cárcere lanzou estas preguntas xunto cunha convocatoria fotográfica titulada Coruña BaleiraA iniciativa, aberta até o 13 de maio, busca visibilizar os espazos, que como o antigo cárcere da Torre, están en desuso na cidade. As imaxes recibidas serán expostas no blog e redes sociais de Proxecto Cárcere e unha vez remate a convocatoria serán utilizadas en accións reivindicativas organizadas pola Plataforma, que dende sempre vén defendendo "a sustentabilidade e o aproveitamento dos recursos xa existentes".

Xornada de portas abertas realizada no cárcere coruñés hai uns anos CC-BY-SA nosolosw
Outra imaxe do cárcere da Torre CC-BY-SA nosolosw
As reixas do antigo cárcere CC-BY-SA nosolosw

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.