A privatización da loxística provoca desabastecementos no CHUAC

Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) Dominio Público Praza Pública

Hai unhas semanas completouse a privatización do centro loxístico que lles subministra material a todos os centros sanitarios de Galicia. Apenas dúas semanas despois comezaron a producirse as primeiras consecuencias desta decisión. A Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) denunciou este mércores graves problemas de reposición de material sanitario, que provocaron que ao redor de 400 mostras depositadas no laboratorio de Bioquímica no puidesen ser analizadas por falta de varios reactivos, entre eles sodio, potasio ou cloro. As 400 mostras foron remitidas de volta aos médicos peticionarios por “falta de reactivo por desabastecemento do provedor”. Na sección de Hormonas tamén faltaron reactivos durante tres ou catro días. E o desabastecemento afectou tamén a Urxencias, onde non se puideron realizar análises que os traballadores consideran imprescindibles.

A situación foi denunciada polo sindicato médico Omega, maioritario na Xunta de Persoal, e polos restantes sindicatos con representación: UGT, CIG e CCOO. Todos culpan deste problema á externalización do servizo de loxística e pregúntanse que pasará cando outros servizos esenciais, coma o de esterilización, sexan privatizados. Nun comunicado, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña cualificou de "gravísima" a "situación que se está dando nos laboratorios do CHUAC dende a posta en marcha o pasado 19 de marzo da central loxística, isto é, dende a privatización do servizo de compras de material". O desabastecemento, curiosamente, coincidiu cunha visita ao CHUAC de Alberto Núñez Feijoo, para inaugurar as novas instalacións do servizo de urxencias que se porán en marcha antes do verán. 

Hai dous anos a Xunta sacou a concurso o servizo loxístico integral do Servizo Galego de Saúde, que foi adxudicado a Severiano Servicio Móvil, S.A. por un importe total de 88.317.631,3 euros. Uns meses máis adiante o SERGAS encargoulle a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. o seguimento do servizo loxístico integral "para o control, seguimento, supervisión e coordinación do correcto cumprimento da execución do contrato".

Os sindicatos salientan que nos últimos anos, mentres a loxística dependía directamente do SERGAS, xestionada por persoal do servizo público de saúde nas súas respectivas áreas sanitarias, nunca se produciu carencia ningunha nos subministros que impedise a realización de probas diagnósticas. E, ademais, non tiña custe engadido. 

 

A privatización que non cesa

A metade do orzamento do SERGAS para o ano 2014 está destinado a pagar as sucesivas privatizacións de servizos realizadas nos últimos anos

A metade do orzamento do SERGAS para o ano 2014 está destinado a pagar as sucesivas privatizacións de servizos realizadas nos últimos anos. Así, dos 3.326 millóns de euros cos que conta o servizo público de saúde (un 16% menos que en 2010), 1.624 millóns pasan directamente ás empresas privadas beneficiadas dos concursos de externalización, e outros 289 millóns van a concertos e empresas públicas de xestión privada.

Algunhas destas cesións á empresa son o novo Hospital de Vigo, a actividade da empresa privada de xestión sanitaria Galaria (que en Vigo, por exemplo, se ocupará dos servizos de Hemodinámica e Cirurxía cardíaca, a Radioterapia e Medicina Nuclear ou a Resonancia Magnética), a renovación do concerto con Povisa, a concesión da ampliación do Hospital do Salnés á multinacional francesa Cofely-Suez, socia de La Caixa/Adeslas, a privatización do servizo de hemodiálise ou a xestión privada do centro oncolóxico de Galicia

Algúnas das decisións do Goberno galego, coma a concesión do servizo de mantemento á empresa zaragozana Ibérica de Mantemento, xa están a xerar problemas, coma o adiamento de centos de citas de radioloxía ou diálise, ou a falta de incubadoras no Hospital Universitario Lucus Augusti.

"Tras rematar a privatización dos servizos non sanitarios, o principal obxectivo do goberno de Feijóo nos últimos anos é a privatización da asistencia sanitaria, acudindo á chamada colaboración público privada"

Tamén foi moi sinalada a privatización dos servizos de alta tecnoloxía por 88 millóns de euros anuais, tanto polo seu elevado custe económico, coma polo que implicaba, "a supresión definitiva da idea de que unha empresa pública sexa a encargada de definir as necesidades tecnolóxicas do SERGAS", en palabras de Ana Luísa Bouza. No Parlamento a deputada de AGE Eva Solla aseguraba que a renovación da maquinaria lle custaría ao Sergas uns 50 millóns de euros, e os aparatos "serían da súa propiedade".

A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública denunciou recentemente que "tras rematar a privatización dos servizos non sanitarios, sen reparar na forte vinculación que existe entra e a súa labor e a calidade da asistencia, o principal obxectivo do goberno de Feijóo nos últimos anos é a privatización da asistencia sanitaria, acudindo á chamada colaboración público privada (CPP)". A CPP, segundo o Consello de Contas, permite realizar investimentos públicos sen que se vexa afectada a débeda pública, trasladando a orzamentos futuros un volume de cartos que pode ser ilimitado, sen control parlamentario, e polo tanto, moi exposto á fraude

Contra as privatizacións, na Coruña CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos
Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.