"Gallardón é un iluminado que quere mudar a Xustiza sen contar con quen sabe disto"

Félix Mondelo © Colexio de Avogados de Lugo

Os proxectos lexislativos que emanan do Ministerio de Xustiza estanse a converter en todo un elemento aglutinador. Mentres os movementos feministas e boa parte da cidadanía continúan a clamar para que a contrarreforma da lei do aborto fique sen efecto o Goberno de España conseguiu, de novo a través do ministro Alberto Ruiz-Gallardón, sacar o sector da Xustiza á rúa. Como acontecera coa lei de taxas, todos os actores deste ámbito e, con eles, representantes políticos e sociais de múltiples signos, esixen que non chegue a facerse realidade a reforma que ten na supresión dos actuais partidos xudiciais unha das súas repercusións máis significativas. Neste contexto, o decano do Colexio de Avogados de Lugo e secretario do Consello da Avogacía Galega, Félix Mondelo, prende as alertas ante unha "involución que vai acabar coa xustiza".

A reforma trae consigo un modelo que pouco ou nada se parece á realidade do país...
Nós pensamos que é unha reforma totalmente desafortunada, socialmente prexudicial tanto para a cidadanía como para as localidades que se van ver privadas dos partidos xudiciais. As sedes nas que están actualmente os partidos xudiciais van quedar baleiras e no canto de ir os cidadáns á xustiza, cada vez a afastan máis. Non se valorou o custo que vai supoñer ubicar os tribunais provinciais de instancia que din que van crear. Van vir os xuíces de toda unha provincia á capital e, polo menos eu nas que coñezo, non teñen capacidade para absorber ese número de persoas e ubicalas.

Ten repercursións no ámbito xudicial, pero tamén co económico. Que acontecerá cos xulgados?

"Gallardón demostrou reiteradamente a súa incapacidade, non hai máis que ver como deixou a Alcaldía de Madrid"

O que se bota en falta neste anteproxecto de lei é unha memoria económica. Gustaríame saber cal é porque xa me dirán como se pode avaliar economicamente os prexuízos que se lle van ocasionar á cidadanía e ás localidades das que desaparecen os xulgados. Pero non me estraña nada vindo de quen vén, porque o señor Gallardón é un xestor que demostrou reiteradamente a súa incapacidade. Non hai máis que ver como deixou a Alcaldía de Madrid cando marchou de alí. É completamente inviable e pensamos mesmo que non ten por tras un soporte ecnómico. Se cadra todo o que van gastar sería inferior ao que custaría dotar as localidades de xuíces e de material indispensable.

Dado o amplo consenso existente en contra da reforma, a que atribúen que o Goberno siga adiante con ela?
Eu penso que é o seu xeito de actuar [do ministro]. Fixo o mesmo coa lei de taxas, que non a confesara con ningúen. Dixo que só as ía aumentar en apelación e despois virou completamente a súa postura. El crese un iluminado, un revolucionario da reforma. Pero isto non é unha revolución, é unha involución que vai acabar coa xustiza. Non podo dar a razón, a non ser que se trate de que quere pasar á historia como o ministro que modificou toda a xustiza sen contar con quen entende disto. Ten a virtude de poñer a todo o mundo na súa contra.

Cal sería, ao seu xuízo, o modelo axeitado?

"Pode haber xulgados que non pague a pena manter, pero non se pode facer tábula rasa"

O que tiña que ter é un soporte económico. Pode haber disfuncións e pode haber algún xulgado que non pague a pena manter polo escaso número de asuntos que leva. Pero o que non se pode é facer tábula rasa e dicir que en Pontevedra, por exemplo, imos instalar un único partido xudicial. E que facemos con Vigo? E na Coruña, que facemos con Santiago? Está previsto que haxa só 50 tribunais de primeira instancia e, excepción tras excepción, ímonos achegar aos 80 ou 90, porque non queda máis remedio que respectar as peculiaridades de cada territorio.

Que implica que os xulgados estean máis lonxe da cidadanía, alén do evidente custo de desprazamento?

"A moitas localdades só lles quedará o centro médico e a algunhas, nin iso"

Máis lonxe dos cidadáns e de todos os profesionais que exercen nesas vilas e nos seus arredores. Iso implica que teñan que abandonar o seu lugar de traballo para pasar as mañás ou as tardes na capital de provincia. Teñen que abandonar os seus despachos. Ademais, se o que se pretende é achegar cada vez máis a cidadanía para que ocupe o medio rural, o que se está facendo é baleiralo todo. A moitas localidades śo lles quedará o centro médico e a algunhas, nin iso.

Isto agrávase en Galicia, dado o noso espallamento poboacional...
O anteproxecto contempla unha serie de peculiaridades e, dependendo de como regule a Xunta a pranta xudicial, poderán ter instalados nalgunhas localidades un xulgado de primeira instancia ou unha delegación destes. Pero iso van ser excepcións que terán que ser aprobadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Moito me temo que aínda que a Xunta teña boa vontade para manter os 7 partidos xudicais, o Consello o impedirá.

Esta reforma únese á das taxas no que semella unha mestura explosiva para o futuro da Xustiza...

"Estamos vendo barbaridades, xente que por motivos económicos non pode acudir ao xulgado"

Estamos todos en contra. Este señor ten a virtude de poñer de acordo a todos os estamentos que estamos implicados na xustiza e que moitas veces non conectáramos. Sobre a reforma das taxas agardemos que o Tribunal Constitucional ditamine para deixar iso sen efecto. Estanse vendo verdadeiras barbaridades, con xente que por motivos económicos non pode acudir aos xulgados ou aos recursos de apelación, que son un dereito.

Félix Mondelo © Colexio de Avogados de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.