A privatización da electromedicina provoca problemas nunha ducia de hospitais galegos

Vista do Clínico de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O 20 de xuño do pasado ano o Sergas adxudicoulle a IBERMAN S.A. o servizo de mantemento integral de equipamento electromédico por un período de tres anos e catro meses. Xa o pasado mes de novembro, ao pouco de comezar esta empresa a emprestar o servizo, CIG-Saúde denunciaba que a empresa estaba incumprindo "todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta", tanto no referido a persoal como a tempos de resposta, o que estaba a provocar que centos de citas fosen anuladas por problemas cos equipos.

O paso do tempo non fixo máis que agravar o problema, que estendeu por practicamente todos os centros hospitalarios de Galicia. A CIG denuncia que IBERMAN S.A. "non ten a solvencia que se precisa para asumir o seu mantemento" e reclama o "rescate urxente" do servizo para garantir o correcto funcionamento dos equipos. Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, responsables do sindicato en distintas áreas sanitarias do país sinalaron novamente que a empresa está a incumprir o contrato: "non respecta os protocolos dos fabricantes, non emprega pezas orixinais e non hai nin garantía das reparacións, nin protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos".

Segundo a CIG a empresa "non respecta os protocolos dos fabricantes, non emprega pezas orixinais e non hai nin garantía das reparacións, nin protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos"

O sindicato engade que "a falta de control é tal que o SERGAS descoñece a existencia de contratos de mantemento, en vigor, de equipos con terceiras empresas que a adxudicataria do servizo de electromedicina se adxudica como traballos realizados".

Nos últimos meses CIG-Saúde foi denunciando fallos en equipos médicos, incubadoras, arcos cirúrxicos, equipos de esterilización, mesas de quirófano, mamógrafos, berces térmicos, equipos de citoscopias, de raios, insufladores endoscópicos, electrocardiógrafos e camas eléctricas en diferentes centros hospitalarios. Por exemplo, o pasado mes de xaneiro o sindicato chamaba a atención sobre o feito de que en Lugo dúas incubadoras pasaron 15 días nun corredor á espera de que as levaran para amañar.

O sindicato conclúe que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel"

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denunciou, á vista dos feitos, que a privatización do servizo decretada polo Goberno galego “é un gran negocio para as empresas privadas e unha ruína para o sistema público, que está a pagar por un servizo que non ten”, e sinalou os prexuízos concretos que esta realidade está a ter, por exemplo "a descapitalización de todo o equipamento existente nos servizos, o incremento no custe para o erario público e un servizo de pésima calidade con incidencias directas sobre as e os pacientes". O sindicato conclúe que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel".

 

Problemas en todas as áreas sanitarias

En Santiago un dializador "ardeu mentres se dializaba a un paciente, como consecuencia de empregar pezas usadas doutros equipos que levaban bastante tempo retirados"

A seguir, os distintos responsables sindicais debullaron, hospital por hospital, distintos problemas xerados pola ineficaz xestión realizada pola empresa concesionaria. Por exemplo, denuncia que no CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña) os mantementos preventivos non están ao día, non hai equipos en depósito para substitucións por avaría, e un electrobisturí leva varias semanas fóra de servizo.

No CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) existen, segundo a CIG, graves problemas cun dializador, que "ardeu mentres se dializaba a un paciente, como consecuencia de empregar pezas usadas doutros equipos que levaban bastante tempo retirados". De igual xeito, asegura que no Hospital Gil Casares varios equipos de endoscopias levan tempo se reparar.

En Pontevedra hai problemas cos mesturadores de osíxeno de neonatos, que levan tempo sen células de osíxeno, sen coñecerse o motivo. Así memo os ventiladores e respiradores levan semanas fóra de servizo

Pola súa banda, no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti), habería problemas cos equipos de endoscopias, e coma nos outros centros non están ao día os mantementos preventivos e non existen equipos en depósito para substitucións por avaría. No Hospital da Costa (Burela) os principais problemas están relacionado co funcionamento dos equipos de radioloxía e con atrasos nas reparacións de aparellos endoscópicos. Ademais, non se fan as revisións dos aparellos de electroterapia. No Hospital do Barco houbo, segundo CIG-Saúde, problemas cun esterilizador, que estivo 15 días parado e houbo que chamar a outra empresa para amañalo. Ademais, a Sala de raios X leva 4 semanas parada.

No CHOP (Complexo Hospitalario de Pontevedra) hai problemas cos mesturadores de osíxeno de neonatos, que levan tempo sen células de osíxeno, sen coñecerse o motivo. Así memo os ventiladores e respiradores levan semanas fóra de servizo. No Hospital do Salnés (Vilagarcía de Arousa) a reparación das camas eléctricas está facéndoas outra empresa, e descoñécese o motivo. 

Rolda de prensa ofrecida pola CIG este luns © CIG
Protesta de persoal sanitario no Hospital de Burela CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.