0 Gardados para despois

Agresións sexuais, a parte silenciosa da violencia machista

Paz Vaello OlavePaz Vaello Olave | @pazenrojo


A Sara violárona cando tiña 19 anos. Sucedeu nun parque, hai máis de dúas décadas. "Eran as dez da noite. Pilláronme dous tíos. Deilles o diñeiro, pero tiráronme ao chan e espíronme. Cortáronme cunhas navallas e, cando empecei a berrar e a golpealos, déronme cunha pedra. Danáronme as cordas vocais ao apertarme o pescozo para que non berrase e rompéronme o nariz. Estou viva de milagre", conta, coa respiración entrecortada.

Segundo o macroinforme realizado pola Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e presentado recentemente, o máis amplo e detallado que existe, polo menos un 6% das mulleres residentes en España de entre 18 e 74 anos viviu algún suceso de violencia sexual despois dos 15 anos, isto é, ao redor dun millón. Un 11% declara sufrila na infancia; e un 1% nos 12 meses anteriores á enquisa, preto de 170.000.

Os delitos sexuais máis habituais son a agresión, o abuso e o acoso. A primeira é o atentado "contra a liberdade sexual doutra persoa, utilizando violencia ou intimidación". O abuso dáse cando non existe violencia ou intimidación e non hai consentimento "ou este está viciado", resume a avogada María José Varela, membro da Asociación de Asistencia a Mulleres Agredidas Sexualmente. En ambos pode haber penetración ou non. A violación sería unha agresión sexual con penetración.

Por último, o acoso sexual defínese como a solicitude de "favores sexuais, para si ou para un terceiro, no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos, continuada ou habitual", que lle provoca á vítima "unha situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante".

A culpabilización da vítima

Da enquisa da Axencia Europea despréndese que só unha media do 15% das mulleres comunican o incidente máis grave á policía. Coas cifras que dabamos ao comezo, habería unhas 25.500 denuncias ao ano. Un dato que coincide co que manexa Tina Alarcón, directora do Centro de Asistencia a Vítimas de Agresións Sexuais (CAVA).

As vítimas "dálles vergoña falar do tema e moitas veces séntense culpables, como se dalgún xeito o provocasen"

A experiencia de Alarcón permítelle afirmar que ás vítimas "dálles vergoña falar do tema e moitas veces se senten culpables, coma se dalgunha maneira o provocasen, por ir a tal sitio, non defenderse o suficiente... Incluso a contorna máis próxima axuda a esta culpabilización, dicíndoche aquilo de o estabas a buscar". Para ela, isto está na base de que moitos casos non se denuncien.

Marta é un bo exemplo. Aos 22 anos foi atacada mentres camiñaba por un parque ao mediodía, en 1996. "Un home lanzouse sobre min e tiroume ao chan. Deime cunha pedra e estiven un minuto semiinconsciente. Cando me recuperei, o tipo tiña as mans dentro das miñas bragas. Golpeeino co bolso como puiden. Agarrouno e saíu correndo. O terrible é que había un señor moi preto e non fixo nada; nin sequera me axudou a levantarme. Cheguei a cuestionarme, imbécil de min, se me agrediron por levar minisaia", recrimínase.

Acudiu a comisaría a denunciar o roubo do bolso. Foi o propio policía que a atendeu, cando a viu chorando e coas medias esnaquizadas, o que lle comunicou que fora vítima dunha agresión sexual. Marta non quixo contalo na casa "para que non sufrisen" e porque non levaba ben co seu pai.

"Até os consellos que che dan coas mellores intenciósn teñen que ver con esta vergoña: 'Non saias por aí', 'non poñas minisaia"

"Até os consellos que che dan, coas mellores intencións, teñen que ver con esta vergoña que sentimos ao falar diso: 'Non saias por aí', 'non vaias con descoñecidos', 'non bebas moito', 'non poñas minisaia", abunda Acracia Infante, de mehanviolado.com, unha web que recompila información sobre estas agresións. E conclúe: "Parece que somos nós as que temos que protexernos desa violencia, en lugar de que os homes aprendan a non violar".

Así o viviu Carmen. Cumpridos os 16, comezou a facerse pis na cama. Só entón a súa familia descubriu que un par de anos antes un mozo co que saía ocasionalmente a violara. "Os meus pais non me deixaban ir con el na moto, así que, cando o fixen e me forzou, non me atrevín a contarllo a ninguén", narra con tristura. Afortunadamente, houbo unha testemuña que fixo posible que o rapaz fose castigado.

A esta "cultura da violación", como a denomina Infante, "que responsabiliza ás sobreviventes destes sucesos", axudan algunhas resolucións xudiciais. Neste sentido, Varela cita unha sentenza que dicía que "a vítima coa súa actitude de facer autoestop na autoestrada ao tres da mañá propiciara ese desenlace".

Sara tivo que escoitar algo parecido: "Recordo que alguén da miña contorna, cando se decatou do que me ocorreu, díxome: 'Normal, sempre estás pola rúa, algunha vez tíñache que pasar'. Boteime a chorar".

Avances lexislativos en poucas décadas

Lola superou a vintena en 1978. Aquel ano agredírona nun corredor do metro: "Un tipo tiróuseme encima a tocarme os peitos. Resistinme e rachoume a blusa. Berrei. Non sei se se asustou ou que, pero marchou. Impresionoume moito que ao baixar á plataforma, chorando e coa roupa rota, ninguén dixo nin fixo nada, e iso que deberon de ouvilo todo. Miráronme coma se fose unha tola ou unha extraterrestre". Lola non denunciou o ocorrido. "Entón, o que non era violación non estaba considerado agresión sexual. Aínda hoxe moitas mulleres cren que isto é así", argumenta.

"O tipo penal que configuraba a acción punible no antigo Código Penal viraba ao redor da acción de 'xacer coa muller' con forza ou intimidación, cando estaba privada de razón ou sentido ou con menor de 12 anos", aclara Varela, que en 1987 conseguiu a primeira sentenza do Tribunal Supremo que recoñecía que esixir ás mulleres vítimas dunha agresión sexual a demostración de resistencia supuña unha discriminación por razón de sexo.

Sara teno claro: "Se me volvesen atacar, baixaría directamente as bragas para evitar as lesións". Ela si acudiu á policía e asistiu a varias roldas de recoñecemento, pero nunca deu con quen lle introduciron o pene na boca á forza. De facelo, polo menos nese momento poderían xulgalos por violación. Non sempre foi así.

"No momento no que decidimos que os xuízos de violación tiñan que ser a portas abertas e entrastes os xornalistas e explicastes o que pasaba, iso fomentou o debate. E iso levou ao cambio lexislativo e ao cambio de actitude dos xuíces"

Ese "xacer con muller", detalla Varela, interpretábase "exclusivamente como coito vaxinal. As penetracións bucais ou anais eran consideradas abusos deshonestos e tiñan unha pena moito menor". A lei cambiou moito. Primeiro equiparáronse as penetracións vaxinais, anais e bucais, en 1989. Seis anos despois, as realizadas cun obxecto "por algunha das dúas primeiras vías". E por fin, coa reforma de 2003, introduciuse a violación vaxinal ou anal con calquera "membro corporal", o que incluía os dedos, utilizados "sobre todo con nenas", continúa a avogada.

Ademais, no Código Penal de 1995, aínda vixente coas súas sucesivas reformas, foi no que se realizou "a reestruturación total dos delitos de violencia sexual, partindo de dous grandes grupos: as agresións e os abusos". Nos dous, "as penas son maiores se hai penetración", matiza esta experta, que obtivo a primeira sentenza en España que condenaba o acoso sexual como delito, en 1998.

Estes avances legais non se traduciron inmediatamente nun cambio "na percepción dos xuíces", que en opinión de Varela si se pode apreciar na actualidade: "Polo menos agora á muller créselle". Logro que esta avogada adxudica ao traballo de denuncia que se veu facendo desde os foros feministas e ao labor da prensa. "No momento no que decidimos que os xuízos de violación tiñan que ser a portas abertas e entrastes os xornalistas e explicastes o que pasaba, iso fomentou o debate. E iso levou ao cambio lexislativo e ao cambio de actitude dos xuíces", recalca.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A violación é só "a punta do iceberg"

A violación por parte de descoñecidos ou de violadores múltiples é a forma de violencia sexual máis visible, da que máis se fala nos medios de comunicación, pero "é só a punta do iceberg", en palabras de Sonia Cruz, psicóloga experta en violencia sexual da Fundación Aspacia-

Tanto na súa organización como en CAVAS a gran maioría das demandas de atención que recibiron historicamente foron por feitos nos que os agresores pertencían á contorna da muller (veciños, amigos, compañeiros de traballo, educadores, parellas, ligues...), nos que elas se senten " especialmente culpables por confiar nesa persoa, e iso as retrae de denunciar", matiza Alarcón.

Cruz cualifica tamén como "moi complicadas" as situacións que teñen lugar baixo os efectos do alcol ou as drogas, comúns entre os máis novos. "Se un descoñecido te viola nunha calella escura non hai ningunha dúbida, pero moitas mozas non son conscientes de que foron vítimas dunha agresión sexual cando o fai un amigo co que estiveron tonteando ou estaban tan bébedas que non eran conscientes de nada",  comenta Infante, que recibe numerosas consultas nesta liña a través da web.

"Moitas mozas non son conscientes de que foron vítimas dunha agresión sexual cando o fai un amigo co que estiveron tonteando ou estaban tan bébedas que non eran conscientes de nada"

Pola súa banda, o acoso non sempre se pode demostrar, e normalmente é un proceso progresivo. "Adoito estas vítimas necesitan a axuda de profesionais para detectar o problema e asumir que non é a súa culpa e que se trata dun delito. Por iso estes casos chégannos menos: son máis invisibles", explica Cruz.

Nos últimos tempos, en Aspacia viron como se incrementaban as consultas por abuso, chegando a superar ás de agresión, o que para Cruz é "un bo indicador, porque significa que algo está a cambiar e estanse detectando máis estas formas de violencia máis sutís".

A psicóloga destaca que, a pesar de que a agresión sexual -con penetración ou non- é a forma de violencia sexual máis penada, "iso non significa que sexa a máis grave". E pon como exemplo o abuso dunha menor de 13 anos (a idade legal mínima para considerar que houbo consentimento) por parte dun coñecido, que utiliza a manipulación ou o engano en lugar da forza, "co que este feito, tan terrible e de consecuencias tremendas, ten unha pena menor".

Falta de información e poucas medidas específicas

Estas organizacións quéixanse da pouca información e da carencia de medidas específicas con respecto a este tipo de violencia de xénero. "Desde Aspacia reivindicamos que se contemple a violencia sexual dentro da lei integral. Neste tema estamos como se estaba hai 30 anos na loita contra a violencia de xénero no ámbito da parella", declara Bárbara Tardón, responsable de Incidencia Política e Sensibilización Social de Aspacia.

De feito, resulta case imposible coñecer os casos ocorridos e os denunciados en España cada ano. O Instituto da Muller recompilaba cifras das provincias españolas até 2009, cando deixou de facelo ante os cambios na xestión dos datos. As distintas categorizacións impiden comparar estes números cos que recolle o Anuario Estatístico do Ministerio do Interior ou a Memoria Anual da Fiscalía Xeral do Estado.

Á demanda de dar máis visibilidade a un problema que en 2013 a Organización Mundial da Saúde cualificou como "de proporcións epidémicas", as asociacións engaden a preocupación polos novos métodos de acoso -a través da Rede ou dos teléfonos móbiles-, cada vez máis comúns sobre todo entre os adolescentes. Para loitar contra todas estas formas de violencia, "que teñen a súa orixe na estrutura patriarcal do sistema no que vivimos", como describe Cruz, é necesario "detectar os micromachismos que se dan nas relacións e traballar desde a prevención".

Marta levaba postos uns auriculares cando aquel home a asaltou. Durante algúns anos non foi capaz de volver utilizalos e levou un bote de laca no bolso para poder defenderse ("o policía díxome que levar spray antivioladores era ilegal", puntualiza), ata que conseguiu perder o medo a camiñar soa polas rúas. Moi poucas persoas souberon o que lle pasou.

Sara mantivo un longo tempo un rexeitamento incontrolable aos parques, e até o día de hoxe recoñece "un medo atroz á violencia". No seu momento contouno no traballo, pero moitas das súas amigas non saben que a cicatriz no seu brazo e o seu nariz roto son o resultado dunha violación.

As catro son mulleres fortes, que queren contar a súa experiencia para romper o tabú que pesa sobre a violencia sexual. Como elas, no Estado español até 170.000 mulleres poderían sufrir este ano unha agresión que, dunha ou outra maneira, marcará as súas vidas.