As Fragas do Eume convertéronse oficialmente en parque natural no verán de 1997. Van xa case 17 anos de protección deste espazo, unha xestión que para a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) se vén caracterizando pola súa ineficacia, dando como resultado "un parque baixo mínimos, cunha pésima gobernanza e no que a deterioración da biodiversidade se impón fronte á súa conservación". Nun completo informe, a SGHN conclúe que o Parque Natural das Fragas do Eume "é un mal exemplo da xestión dun Espazo Natural protexido" e un "fiel reflexo dunha política incapaz de cumprir e facer cumprir as normativas ambientais, de apoiar e impulsar actividades de carácter sostible nas áreas de influencia socioeconómica, que promovan o seu desenvolvemento e revertan o abandono que sofre o rural galego". A entidade esixe en consecuencia "un cambio substancial na forma de dirixir e xestionar este emblemático espazo natural, fomentando unha xestión máis técnica, acorde coas necesidades de conservación do espazo, e que promova a participación dos cidadáns que viven no Parque".
Esta situación leva, ademais, a incrementar o risco de que se reproduzan os lumes que hai dous anos arrasaron parte do parque, un perigo que sempre está ás portas, como se puxo de manifesto hai uns días cando se rexistrou un incendio nun dos espazos exteriores das fragas, no Concello da Capela.
A entidade esixe "un cambio substancial na forma de dirixir e xestionar este emblemático espazo natural, fomentando unha xestión máis técnica, acorde coas necesidades de conservación do espazo, e que promova a participación dos cidadáns que viven no Parque"
A SGHN chama a atención sobre as distintas ameazas que sofre o parque e actuacións que revelarían unha xestión deficiente. Por exemplo, denuncia a inexistencia de medidas de control das especies invasoras, nomeadamente do eucalipto, a crocosmia e a mimosa e sinala que se detectaron varios casos "nos que despois da curta a matarrasa dun bosque de caducifolias se permitiu a plantación de eucaliptos". Tamén subliña a tala continua e excesiva de árbores autóctonas, coma carballos, a destrución de "superficies importantes" de brañas, breixeiras húmidas e breixeiras secas para a realización de plantacións artificiais ou para a apertura de devasas "de reducida efectividade, máis aínda cando se rodean de grandes superficies continuas de piñeirais e eucaliptais". Así mesmo, critica que a Xunta posúe no interior do parque varias parcelas forestais "nun estado ecolóxico claramente mellorable" pois na maioría medran especies exóticas competindo directamente coas especies arbóreas autóctonas.
De igual xeito, alerta da contaminación que sofre o río Eume, no quese poden observar "milleiros de plásticos flotando ou depositados nas beiras", ademais dos prexuízos provocados polos numerosos aproveitamentos hidroeléctricos no seu curso.
Tamén se critica o mal funcionamento e as escasas horas de apertura do centro de interpretación do parque situado na entrada de Pontedeume. Ademais, lémbrase que outro centro de interpretación na zona de Monfero, no que o Ministerio de Agricultura investiu 420 mil euros, nunca foi aberto e leva anos degradándose. Chámase a atención, ademais, sobre o feito de que na cristaleira da fachada principal do Centro de Interpretación aparece propaganda de actividades "que resultan contraditorias cos obxectivos e a normativa de aplicación no Parque Natural", coma por exemplo o anuncio dunha proba deportiva de 4x4.
Denuncia a inexistencia de medidas de control das especies invasoras, nomeadamente do eucalipto, a crocosmia e a mimosa
Entre as numerosas denuncias do actual estado do parque enumérase tamén a existencia de vertedoiros incontrolados, de construcións abandonadas feitas de ladrillo ou formigón, ou as ao redor de 500 fochas nos escasos 9 quilómetros do vial que dende Pontedeume se dirixe ao Mosteiro de Caaveiro.
Os responsables da xestión
No informe a SGHN fai un repaso por estas case dúas décadas de xestión, facendo fincapé na acción dalgún dos seus responsables, como Roxelio Fernández, Jorge Vázquez ou Carlos Muñoz
No informe a SGHN fai un repaso por estas case dúas décadas de xestión, facendo fincapé na acción dalgún dos seus responsables, como Roxelio Fernández, que como Subdirector Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade "deixou un gris historial de destrución no que destacan a acusación pola Fiscalía debido á irregular tramitación ambiental do dragado da ría de Ferrol e tamén a viaxe a Colombia en plena vaga de lumes nos espazos naturais galegos". Tamén se sinala o traballo de Jorge Vázquez, "sen experiencia na xestión de áreas protexidas" ou do actual responsable (en ausencia dun director), o Xefe do Servizo Provincial da Coruña, Carlos Muñoz, "denunciado pola Fiscalía pola autorización irregular do dragado da Ría do Ferrol, ademais de responsable das aperturas reiteradas da lagoa de A Frouxeira sen criterios hidrolóxicos nen ambientais".
Tamén critican que o presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, Ricardo García Mira, "que deixara constancia da súa implicación en resolver os graves problemas do Parque Natural e en apoiar moitas das medidas propostas polos Concellos e as persoas que viven no Parque Natural", foi cesado en abril do pasado ano e substituído "por unha persoa que dende o seu nomeamento apareceu en contadas ocasións no Parque".