A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) vén de presentar ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental unha denuncia contra ENCE polo incumprimento da Lei de Augas de Galicia. A APDR sinala que nunha das inspeccións realizadas por Augas de Galicia os representantes da empresa recoñeceron que "habitualmente proceden a mesturar augas limpas procedentes da captación da empresa no Río Lérez (almacenadas nas denominadas agora balsas de emerxencias) coas augas residuais contaminadas procedentes da depuradora da empresa antes do seu vertido".
A asociación lembra que esta práctica está "expresamente prohibida pola Lei de Augas de Galicia", pero "está sendo permitida pola administración, que está a mirar para outro lado mentres ENCE incumpre a lei". Salienta que "ENCE engana con esta práctica ilegal á Adminsitración e á cidadanía, á que pretende facer crer que a contaminación é menor da real" e engade que ademais malgasta a auga limpa, "un recurso valioso na nosa bisbarra que se estraga de forma inxustificada".
A APDR esixe a apertura dun expediente sancionador e a adopción de medidas que impidan esta práctica, fundamentalmente "o bloqueo de calquera posibilidade de transvase de auga limpa áo canle polo que discorren as augas contaminadas de ENCE antes da súa entrada ao emisario submarino e a intensificación da vixilancia para evitar esta dilución ilegal que falsea os resultados das analíticas que se realizan".
Contaminación diluída
Esta mestura ilegal de augas limpas e contaminadas realizaríase, segundo ENCE, para rebaixar a temperatura do vertido cando esta é moi elevada, unha xustificación que para a asociación resulta "sorprendente" xa que a Autorización Ambiental Integrada da empresa non establece ningún límite para a temperatura do vertido. Para a APDR, "coñecendo o desprezo que ENCE ten polo cumprimento da lexislación, que a leva a non facer ningún esforzo por rebaixar a concentración dos contaminantes realmente daniños, resulta absolutamente absurdo e incríbel este afán por controlar a temperatura dos vertidos".
Para a APDR sempre resultaron "sorprendentes" algúns dos resultados aportados por ENCE á Xunta para algún dos parámetros que miden a calidade de vertido, "uns valores que aínda estando por riba do permitido pola lexislación para as augas residuais, resultan contraditorios cos obtidos por augas de Galicia, que refire sempre concentracións mais elevadas para estes parámetros". A asociación entende que "co recoñecemento expreso dos responsábeis da empresa da manipulación dos caudais, manipulación constatada polos inspectores de augas de Galicia, explícase definitivamente esta contradición: ENCE rebaixa mediante dilución os valores da carga contaminante dos seus vertidos".