"Galicia será a próxima autonomía en abolir as touradas"

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Leonardo Anselmi é director da Fondation Franz Weber para o Sur de Europa e América, organización con máis 250.000 socios e á que está adherida Galicia Mellor Sen Touradas. Reúnese este venres coa presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, á que trasladará as súas inquedanzas sobre as ridículas sancións por maltrato animal en Galicia, o reclamado veto á presenza de nenos nas touradas ou a problemática do masivo uso de pexas no país. Impulsor da ILP que acabou coas corridas de touros en Cataluña, este líder animalista arxentino está convencido de que Galicia será a próxima autonomía en prohibir os festexos taurinos no Estado. "O apoio á abolición é maioritario na sociedade e o movemento organizativo e asociativo é moi activo; só nos falta a aritmética parlamentaria", di.

Cales son as súas reivindicacións?

Tratamos varios asuntos coa presidenta do Parlamento. O primeiro deles, reclamar que se endurezan as penas por maltrato animal. Coas multas actuais, case paga máis a pena maltratar un animal que non facelo. A petición está avalada por máis de 100.000 sinaturas na Rede e non hai moitas iniciativas que consigan este apoio. Os gobernantes deberían escoitar porque esta petición non vai contra parte ideolóxica ningunha, tampouco do PP, e é unha demanda da inmensa maioría dos cidadáns.

"Coas multas actuais por maltrato animal en Galicia, case paga máis a pena maltratar que non facelo"

Tamén pedirán que se vete a presenza de nenos nas corridas de touros...

O Comité de Dereitos do Neno da ONU xa fixo reclamacións a Estados parte para que se afastase os máis pequenos da "violencia da tauromaquia". As Nacións Unidas non instan, senón que recomendan directamente que se tomen medidas e o propio Valedor do Pobo comprometeuse coa causa. Teñamos en conta que este Comité da ONU é o encargado de facer cumprir a Declaración Universal dos Dereitos do Neno, que é unha das oito convencións de Dereitos Humanos que hai. Isto xa non é un debate sobre se touros si ou touros non, senón de non vulnerar os dereitos humanos ou non vulneralos.

Tamén piden unha solución para o uso masivo de pexas en Galicia.

Pedimos á presidenta da Cámara que execute o seu control político para que se cumpran as normativas que dificulten o uso destas pexas, un tema que é sangrante e negativo para a imaxe de Galicia, porque é o lugar onde é máis popular esta práctica, algo que non lle fai ben ao país. Hai xa máis dun ano que se aprobou unha ILP que instaba a Consellería a que arranxase este problema, pero a día de hoxe non se executou expediente sancionador ningún.

"O uso masivo de pexas é sangrante e moi negativo para a imaxe de Galicia"

O PP en Galicia parece favorable a acceder a estas reivindicacións, pero non a debater a abolición das touradas...

A aritmética parlamentaria actual fai difícil avanzar nese ámbito. Obviamente, que non esteamos de acordo nun tema non quere dicir que non nos poidamos poñer de acordo noutros. Pero as aritméticas parlamentarias cambian. Máis tarde ou máis axiña.

Vostede sempre asegura que Galicia está moi preto de abolir as touradas.

En Galicia danse dúas cosas moi importantes: hai un apoio maioritario á causa abolicionista entre a sociedade e hai un movemento social, civil e organizativo moi activo, con moitos grupos coordinados que fan un excelente traballo. Hai vontade e hai organización e o único que nos falta é a aritmética parlamentaria. En canto haxa un cambio político, Galicia sería a próxima autonomía en abolir as touradas. Estou convencido.

"Galicia abolirá as touradas en canto haxa cambio político. Hai vontade e hai organización, só falta a aritmética parlamentaria"

Son moitos os membros do PP que recoñecen que non lles gustan as touradas pero seguen a votar a favor de non vetalas. Por que esa disciplina de voto?

A defensa das touradas ten unha carga ideolóxica nacionalista española que é moi utilizada polo PP. Este debate para o partido é moi bo a curto prazo, pero moi malo a longo para os taurinos. Cargan o seu voto a favor dos touros no nacionalismo e patrioteirismo máis rancio, pero haberá outro público que rexeitará iso e que acabará tamén por renegar de ideas tan medievais. O matrimonio PP-taurinos acabará mal porque ambos se están a utilizar mutuamente. Eu non creo que o PP dea liberdade de voto aos seus deputados en Galicia, pero bastará con que si a desen no PSdeG para a futura abolición. O 70% dos representantes socialistas están a favor da abolición, fáltanos o resto.

Por que cre que ese 30% non aposta por abolir as touradas?

Quizais sexa por gustos persoais, pero non o sabemos.

"A Fronte Antitaurina no Parlamento foi un paso moi poderoso porque provoca que os deputados teñan que expoñerse publicamente"

Que balance fai da creación da Fronte Antitaurina no Parlamento galego?

Foi un paso importantísimo, moi poderoso. Esta fronte fai que poñamos os pés na terra porque temos un compromiso real dos partidos. Situarse na Fronte Antitaurina supón expoñerse publicamente nun posicionamento que será o que estes deputados manteñan na hora que haxa que votar pola abolición. Os animalistas somos activistas políticos sen partido e temos que politizar os temas para poder debatelos. É ridículo pensar que as corridas de touro van desaparecer cando desaparezan os taurinos, porque sempre os vai haber, aínda que sexan vinte ou trinta. En Catalunya, no momento da abolición, entre 4.000 e 5.000 persoas seguían asistindo acotío ás touradas, pero o Parlament tomou unha decisión política que non entra no individual. Optamos por un xeito de decidir a través da lei. Ese é o camiño. A Fronte Antitaurina tamén mostra que, ante  unha aritmética parlamentaria favorable, as touradas desaparecerán en Galicia porque o debate xa está aberto e asentado.

A abolición das touradas en Cataluña creou unha forte polémica que agora parece calmada. Segue a haber tanto ruído?

Hai pouco polémica xa. Parecía que se nos viña o mundo abaixo cando se prohibiron os touros, pero o statu quo afianzouse axiña ao noso favor. Un ano despois da abolición, PP e Ciutadans intentaron revogala e a súa iniciativa foi rexeitada polo 83% do Parlament, cando a prohibición das corridas conseguirase pola metade máis un e nunha votación moi axustada. Xa que logo, a abolición está moi asentada en Cataluña e o proceso que levamos a cabo provocou un debate moi positivo fóra.

En que sentido?

O debate e posterior abolición das touradas no Parlament abriu a posibilidade de que se falase do tema dunha maneira seria. Aquí xa non vale o debate sobre se os touros son cultura ou tortura; o que importa é se os permitimos ou non. Se os seres humanos non se autoconteñen, tenos que conter a lei. Cataluña abriu o melón e o máis interesante é o que se deu fóra despois, sobre todo en Latinoamérica. Desde aquela, a velocidade de abolición en Suramérica foi exponencial. Hai dous Estados en México e trinta municipios que prohibiron as corridas, varios concellos e a propia capital en Colombia, catro ou cinco cantóns do Ecuador... E así en moitos máis sitios.

"O tema das touradas pasou de ser un debate moral e de café a ser un debate político, que é o que debe ser"

Normalizouse o debate sobre a abolición?

Houbo un espertar da abolición, que pasou de ser un debate moral e de café a un debate político, que é o que debe ser. O que ocorreu no Parlament de Cataluña animou a outros lugares a debater sobre esta cuestión. E cada vez que se dá o debate, a abolición acaba gañando. E iso é moi importante.

Leonardo Anselmi, nun acto en Barcelona CC-BY-ND Esquerra Barcelona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.