Case 160.000 persoas mozas deixaron de vivir en Galicia dende o inicio da crise

Protesta de mocidade emigrada en Berlín CC-BY-SA Cadernos.net

"Temos un problema demográfico evidente, pero non temos un problema de emigración de mozos". Con esta rotundidade o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentaba zanxar o pasado xoves a controversia aberta ao longo desta semana polos datos do padrón continuo que, publicados polo INE, acreditan unha perda de case 30.000 persoas mozas en Galicia no último ano. En plenas conmemoracións oficiosas polos cinco anos da súa chegada ao poder o líder da dereita en Galicia mantén que o seu cuestionado plan demográfico é o roteiro correcto porque centra as políticas na natalidade. A perda de poboación xuvenil débese "ao baixón demográfico que sufrimos entre 1979 e 1997" pero non á emigración, afirma o presidente. Pero, que é o que din eses datos, máis guindados ás cabezas contrarias que explicados nos últimos días?

Os padróns municipais reflicten que actualmente residen en Galicia 569.955 persoas de entre 15 e 34 anos, 27.207 menos que doce meses antes. Aínda que o asunto está a ser desta volta moito máis mediático que en anos pasados, o certo é que só cómpre ir un chisco atrás para atopar outras caídas maiores: entre 2012 e 2013 a poboación xuvenil galega caeu en 29.164 persoas e entre 2011 e 2012 reduciuse en 29.138. Estes dous intervalos foron os de maior mingua da mocidade galega no período analizado, aínda que tamén houbo descensos entre 2010 e 2011 (24.746), 2009 e 2010 (21.489), 2008 e 2009 (14.085) e 2007 e 2008 (12.662). En total, a perda foi de 158.491 mozos e mozas.

Feijóo: "Temos un problema demográfico, non de emigración de mozos"

É posible atribuírlle estes descensos demográficos unicamente á natalidade? Os datos din que non. Segundo consta no Instituto Galego de Estatística (IGE) entre 1980 e 1999, é dicir, entre hai 15 e 34 anos, naceron en Galicia 501.262 persoas. Dado que na actualidade residen no país os devanditos 569.955 homes e mulleres nesta faixa de idade, hai un continxente de case 70.000 mozos e mozas que non naceron en territorio galego pero que forman parte da súa poboación xuvenil na actualidade. Polo tanto, se ben é certo que neses anos a natalidade baixou de maneira continuada -entre os nacementos de 1980 e os de 1999 hai unha diferenza do 52%- non o é menos que eses nenos e nenas nacidos no país non foron a única fonte de poboación xuvenil. 

Entre 1980 e 1999 naceron en Galicia 70.000 mozos e mozas menos dos que viven actualmente no país

Chegados a este punto, cabería preguntarse canta desa poboación máis nova deixou de constar no padrón non porque marchase vivir a outro lugar, senón porque faleceu. Como é de agardar, os datos de mortalidade xuvenil non só son residuais en termos poboacionais, senón que ademais descenden ano a ano. Entre 2007 e 2012 -último ano dispoñible- morreron en Galicia 1.819 persoas de entre 15 e 34 anos, polo que a influencia deste factor na mingua da poboación xuvenil é minúscula.

Así as cousas, e mentres os datos migratorios indican que unhas 25.000 persoas constan como emigrantes galegos entre 2008 e 2012, dos cales arredor da metade son mozos e mozas, é posible afirmar que agora hai en Galicia case 160.000 persoas mozas menos que ao principio da crise. Esta estatística non indica, obviamente, o motivo polo que xa non constan no padrón, pero o certo é que apenas o 1% dos que faltan faleceron e o resto, pola razón que sexa, xa non están.

Unha moza nun aeroporto CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.