Teis é o mellor exemplo de barrio popular e combativo na cidade de Vigo. O Teis de Ascón e Vulcano, o Teis das mobilizacións contra a empacadora de Guixar, o Teis de Dosinda Areses. De feito, a súa Asociación de Veciños foi a primeira que se creou na cidade, nos primeiros meses de 1976. Nos últimos 38 anos os veciños e veciñas do barrio mantiveron unha intensa actividade a través desta entidade, reivindicativa, social e formativa, denunciando as necesidades non satisfeitas do barrio, fiscalizando a xestión dos distintos gobernos municipais e corresponsabilizándose, ademais, da xestión dos servizos públicos no propio barrio. Foi así que dende o momento en que se costruíu o Centro Cívico de Teis, en 2002, a Asociación de Veciños participou na xestión do mesmo a través de dous traballadores pagados grazas a un convenio co Concello.
Isto foi así cos gobernos de Lois Pérez Castrillo, Corina Porro, Ventura Pérez Mariño e do propio Abel Caballero, que no momento en que chegou ao poder mesmo incrementou a dotación deste convenio dos 41 mil euros anuais até os 55 mil. Até este ano. O convenio rematou o pasado mes de outubro, pero non foi até hai unhas semanas, cando se coñeceron os detalles do acordo entre PSdeG-PSOE e PP para o goberno e os orzamentos municipais, que os veciños de Teis souberon que foran expulsados da xestión do seu propio Centro Cívico.
"Nós usamos, nós xestionamos" é xunto con "O Cívico é de Teis" o lema máis repetido nas numerosas mobilizacións convocadas até hoxe, a última este martes pola tarde, unhas protestas que os veciños e veciñas mesmo levaron até o pleno e algúns actos oficiais do alcalde Abel Caballero. Acusan o rexedor socialista de "reducir o investimento sociocultural no barrio" e de favorecer coa súa decisión a unha empresa que xestionará os catro centros cívicos existentes en Vigo. Ademais, cren que con esta medida busca "castigar" a actitude crítica e reivindicativa levada a cabo pola asociación. A Asociación conclúe que a medida reponde "ao afán represor e persecutorio do alcalde ao movemento veciñal e asociativo da cidade que se mostra crítico coa sua xestión".
"É simplemente unha medida de represalia contra esta asociación polo seu carácter reivindicativo e independente do goberno municipal, na mellor tradición histórica do movemento veciñal vigués"
Os responsables da asociación veciñal salientan que "a decisión de non manter o convenio non se debe nin a cuestións económicas, nin de mellora na xestión do centro. É simplemente unha medida de represalia contra esta asociación polo seu carácter reivindicativo e independente do goberno municipal, na mellor tradición histórica do movemento veciñal vigués". E citan por exemplo a posición mantida ante apertura instalacións deportivas da ETEA, a humanización da rúa Enrique Lorenzo, a rotura tubaxes no barrio ou o cemiterio.
O acordo orzamentario co Partido Popular permítelle a Caballero retirarlle á asociación veciñal a xestión do centro cívico, o único da cidade de Vigo que aínda non ten xestión privada
Xa finais do ano 2012 o goberno municipal anunciou a non renovación do convenio para 2013, pero a forte resposta social de Teis e a negociación dos orzamentos co BNG levou finalmente á inclusión desta partida. Agora, o acordo orzamentario co Partido Popular permítelle a Caballero retirarlle á asociación veciñal a xestión do centro cívico, o único da cidade de Vigo que aínda non ten xestión privada. Os concelleiros populares, por certo, manifestaran nos últimos anos e meses ante os veciños de Teis o seu apoio á súa demanda de que a xestión do centro debería seguir sendo veciñal. Porén, nas últimas semanas manteñen silencio e votarán a favor da modificación proposta polo alcalde.
A Asociación anuncia que manterá as mobilizacións até que o Goberno municipal mude a súa postura, e salienta que "non está todo perdido" e que o desenlace deste conflito dependerá da acción social e "da resistencia dos veciños e veciñas". Os responsables da entidade destacan que "están plenamente dispostos a reunirse" co Concello en calquera momento, unha xuntanza que o alcalde se vén negando nas últimas semanas a convocar. Engaden que "nós non temos nada que ocultar, aí están as contas", despois de que Abel Caballero sinalase que a Asociación de Veciños só buscaba "unha subvención persoal". "Non é unha cuestión de cartos nin de privilexios. Simplemente se trata dun intento de favorecer a unha serie de empresas dende o Concello", din dende a Asociación, "Caballero pode que non chegue a entender como se pode permanecer a unha asociación sen cobrar, por dedicación a veciñanza", conclúen.
39 anos de activismo veciñal
O xermolo da asociación, a primeira entidade veciñal que se constituíu en Vigo, saíu dunha comisión de veciños da Travesía de Vigo que en xaneiro do 76 denunciou o elevado número de accidentes de tráfico e atropelos que se producía nesta vía de acceso á cidade por falta de sinalizacións. O 5 de marzo de 1976 reuníuse un grupo de veciños para a constitución da asociación, que celebrou a súa primeira asemblea xeral o 20 de xullo de 1976.
Teis fóra sempre un barrio obreiro, un dos grandes focos (xunto con Lavadores) de resistencia ao golpe militar de 1936, e que creceu nas décadas seguintes á sombra dos guindastres de Ascón e Vulcano. Foi tamén o principal núcleo de actividade dos GRAPO, e un dos focos máis activos do movemento sindical e político de oposición á ditadura. Algúns dos militantes clandestinos máis coñecidos, coma Moncho Reboiras, Abelardo Collazo e o seu irmán Anxo, Alonso Riveiro ou Xosé González (Pepiño), vivían ou traballaban en Teis.
Os veciños e veciñas de Teis protagonizaron algunhas da mobilizacións máis importantes dos anos setenta, oitenta e noventa na cidade, alén das estritamente laborais ou de resposta á reconversión dos estaleiros. A perigosidade dos depósitos da CAMPSA, en Guixar, ou os extensos terrenos ocupados pola Armada na Escuela de Transmisiones y electricidad de la Armada (ETEA) foron algúns dos albos das protestas. O mesmo que a instalación dunha planta compactadora de lixo no peirao de Guixar ou o proxecto do porto deportivo da Lagoa.