Cáritas demanda que a RISGA se converta nun "dereito obxectivo" das persoas sen recursos

Cáritas leva a cabo un gran número de accións formativas para desempregados © Cáritas

296.900 persoas sen emprego, 160.000 deles desempregados e desempregadas de longa duración, 101.500 familias con todos os seus membros en paro, 34.300 familias que non perciben ingreso ningún, 465.000 pobres, 120.000 deles en situación de pobreza severa. Son as cifras da crise en Galicia, a foto fixa da sociedade tirada pola estatística do INE, unha realidade sobre a que esta semana Cáritas quixo volver chamar a atención, a través do seu documento Coidemos os dereitos.

Neste informe a entidade subliña as consecuencias da "fonda crise de paro" que está a producir ademais "unha situación de empobrecemento e exclusión social para moitos millóns de cidadáns e cidadás". O texto lembra que neste tipo de contextos "as persoas en situación de especial vulnerabilidade son as primeiras excluídas do mercado laboral e/ou as que se sitúan nunha posición máis lonxana para acceder ao mesmo". Cáritas demanda "o compromiso e a solidariedade" da sociedade civil coa "multitude de dramas cotiáns que está a xerar esta crise" e, sobre todo, a implicación das administracións públicas, nun momento en que "os recortes orzamentarios nas políticas sociais están a provocar a perda de dereitos sociais e cidadáns para moitas persoas, dereitos que configuran a base do chamado Estado Social do Benestar, que corre serio perigo de desaparecer na práctica".

O voceiro de Cáritas-Santiago, Miguel Fernández, destaca que “cando o desemprego afecta a un número tan grande de persoas, e cando hai persoas que levan tanto tempo nesta situación, acaba xerando situacións de exclusión social. Porque as persoas van entrando nunha serie de dinámicas que lles impiden levar unha vida normalizada. En toda España hai dous ou tres millóns de persoas que ao longo destes anos de crise foron pasando dunha situación de desemprego a unha situación de exclusión social”.

“Cando o desemprego afecta a un número tan grande de persoas, e cando hai persoas que levan tanto tempo nesta situación, acaba xerando situacións de exclusión social"

Cáritas alerta tamén do "dobre proceso de empobrecemento da sociedade española: caída das rendas e aumento da desigualdade no seu reparto, cun afundimento das rendas máis baixas". De feito, dende 2007, segundo o INE, o grupo de renda baixa pasou de concentrar do 32% ao 40% da poboación; o grupo de renda media pasou do 60% ao 52%; e o grupo de renda máis alta pasou do 9% ao 8% da poboación. O informe lembra que 6 de cada 10 familias galegas (o 56%, exactamente) chegan con dificultades a fin de mes, segundo datos do IGE, e que o 45 % dos fogares galegos teñen como principal fonte de ingresos ás prestacións. E Cáritas chama a atención sobre a realidade crecente de persoas que a pesar de traballar a tempo completo viven en situación de pobreza, ante o descenso dos salarios. Tamén sinala que os propios datos oficiais da Xunta revelan un aumento dun 24% entre as persoas perceptoras da RISGA, "a pesar do farragoso e lento que é o proceso para chegar a obter esta prestación".

O perfil da persoa excluída ou en risco de estalo sería unha muller maior de 35 anos, especialmente con cargas familiares non compartidas, con escasa formación ou vítima da violencia de xénero

A partir dos datos estatísticos analizados, correspondentes aos efectos económicos e sociais da crise, Cáritas elabora un perfil da persoa excluída ou en risco de estalo, que sería unha muller maior de 35 anos, especialmente con cargas familiares non compartidas, con escasa formación e experiencia laboral, e/ou vítima da violencia de xénero. No perfil máis habitual tamén entrarían persoas con situación de desemprego longo e estrutural, persoas con diferentes graos de discapacidade física ou intelectual ou persoas que sofren enfermidades mentais, reclusas e exreclusas.

 

Perda de dereitos

No informe Cáritas denuncia a perda de dereitos sociais provocada polos recortes e as políticas de austeridade e subliña que "só poderemos considerar o noso sistema como democrático se garantimos os dereitos dos máis vulnerables". Denuncia, en concreto "o cambio do modelo sanitario acompañado dun claro proceso de privatización da sanidade pública" e "a exclusión sanitaria das persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa, que probablemente sexa a maior e a máis significativa das eliminacións de dereitos básicos constitucionais e humanos que se teñen producido no Estado Español nestes últimos anos".

O informe denuncia a perda de dereitos sociais provocada polos recortes e as políticas de austeridade e subliña que "só poderemos considerar o noso sistema como democrático se garantimos os dereitos dos máis vulnerables"

Tamén sinala "o cambio de modelo dos servizos de benestar social, pasando da súa concepción moderna como dereitos cidadáns á súa consideración como mero  asistencialismo dirixido ás persoas en situación de pobreza".

 

Solucións propostas

Entre as medida que Cáritas reclama para paliar esta situación, Miguel Fernández destaca a necesidade de que existan "rendas mínimas" garantidas por lei, de xeito que "por exemplo o que temos en Galicia, a RISGA, deixe de ser unha prestación de servizos sociais, que necesita un informe dun traballador social e que está suxeito a limitacións orzamentarias, para pasar a ser un dereito obxectivo". "Ademais" -engade- "así evitaríase o grave problema que está sucedendo e que a mesma Xunta recoñece, o atraso de varios meses á hora de conceder estas axudas, por mor do procedemento administrativo. Estas rendas mínimas son imprescindibles para evitar situacións de exclusión social".

Cáritas demanda a "definición e posta en marcha dun novo modelo económico e produtivo", centrado sobre todo no "decrecemento económico, que permitiría propoñer políticas de redistribución do traballo"

Cáritas demanda así mesmo a "definición e posta en marcha dun novo modelo económico e produtivo", centrado sobre todo no "decrecemento económico, que permitiría propoñer políticas de redistribución do traballo". A entidade lembra a este respecto que "en épocas de bonanza económica e de forte crecemento económico, como o período 2002-2007, mantívose un alto nivel de pobreza entre a poboación española e un alto índice de precariedade laboral". Deste xeito, Cáritas sinala que "o emprego non se xera exclusivamente dende as políticas de emprego" senón que é "o resultado dunha acción integral que inclúe: políticas de fiscalidade con criterios claramente progresivos; regulación dos sistemas financeiros que eviten abusos e fugas de capitais a paraísos fiscais; desenvolvemento de hábitos de consumo responsable e ético que nos obriguen a preguntarnos en que condicións laborais se producen os bens e servizos que consumimos".

Cáritas pide "que o problema da pobreza e da exclusión social deixe de ser un apartado marxinal das políticas públicas e dos orzamentos. Ten que ser unha prioridade de calquera goberno"

Miguel Fernandez tamén reclama "que se manteñan os recursos públicos para programas coma o que levamos adiante dende Cáritas, que buscamos alternativas de tipo laboral para estas persoas: accións formativas, autoemprego...", pois "as axudas de tipo asistencial son necesarias, pero non cambian a vida da xente". Por último, o voceiro de Cáritas-Santiago pide "que o problema da pobreza e da exclusión social deixe de ser un apartado marxinal das políticas públicas e dos orzamentos. Ten que ser unha prioridade de calquera goberno, porque agora mesmo é o primeiro problema da sociedade".

 

"Rebelión cidadá" contra o desemprego

Cáritas lanza este documento como base dunha campaña para promover "unha rebelión cidadá e solidaria fronte ao mantemento de altas taxas de desemprego"

Cáritas lanza este documento como base dunha campaña para promover "unha rebelión cidadá e solidaria fronte ao mantemento de altas taxas de desemprego". Dentro desta campaña a entidade levará a cabo un acto, o vindeiro sábado 10 de maio na praza do Toural, en Santiago de Compostela. Cáritas sinala que "diante dunha realidade dura e difícil, a alternativa é a solidariedade activa e comprometida das persoas de boa vontade, xunto coa esixencia clara aos responsables políticos que as políticas sociais son unha prioridade absoluta neste momento de crise económica".

A entidade quere tamén potenciar o labor de apoio ás persoas sen emprego que xa vén realizando nos últimos anos, a través de formación ocupacional, itinerarios de Inserción e Integración socio-laboral, empresas de inserción, obradoiros prácticos de emprendemento e apoio a proxectos de autoemprego.

Cáritas leva a cabo un gran número de accións formativas para desempregados © Cáritas
Varias persoas ante unha oficina de emprego CC-BY-SA Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.