"Caballero quere aproveitar a debilidade do movemento veciñal de Vigo para facerse co seu control"

Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis

Veciños e veciñas de Teis levan semanas protestando contra a intención do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que privatizar o funcionamento do Centro Cívico do barrio, que dende a súa creación hai doce anos, é xestionado pola Asociación de Veciños a través dun convenio co Concello. Nos orzamentos municipais que socialistas e populares veñen de pactar este convenio desaparece, polo que o único Centro Cívico que na cidade non ten xestión privada podería pasar a unha concesionaria. A Asociación denuncia que detrás desta manobra está tamén o obxectivo de "castigar" unha asociación reivindicativa e crítica coa xestión municipal e, máis alá diso, un intento de controlar o movemento veciñal vigués no seu conxunto. Falamos con Anxo Iglesias, secretario da asociación.

Como está a situación? Credes que ides poder manter a xestión do Centro Cívico?

A pesar da intención do alcalde de expulsarnos, seguimos estando no Centro Cívico, na oficina que dende sempre tivo alí a Asociación de Veciños, pero este xoves xa nos cortaron o teléfono e a conexión a Internet. Nós imos seguir coas mobilizacións e de feito o martes que vén temos convocada outra manifestación. Estamos agardando a ver que sucede no vindeiro pleno municipal, que ten que ser o da aprobación definitiva dos orzamentos e aí imos aproveitar ao máximo as opcións que temos. Hai un período de alegacións aos orzamentos municipais e nós imos presentalas.

"Quen mellor que os veciños pode coñecer as necesidades do barrio? Sobre todo neste caso, no que se conta cunha asociación dunha longa traxectoria de traballo e de reivindicación"

A base do que defendedes é que o centro está mellor xestionado polos veciños que por unha empresa privada?

Hai que destacar que é o único centro cívico de Vigo que tiña un modelo de xestión veciñal, o resto era un modelo de concesión a unha empresa privada. Nós imos seguir loitando, defendendo a xestión veciñal do centro cívico, e denunciando o plan de privatización do centro iniciado polo Concello. Hai dúas diferenzas importantes na xestión do centro: a primeira é o nivel de actividade, que no de Teis é moi superior o de calquera dos outros centros cívicos da cidade. E a segunda é o modelo de xestión. Quen mellor que os veciños pode coñecer as necesidades do barrio? Sobre todo neste caso, no que se conta cunha asociación dunha longa traxectoria de traballo e de reivindicación.

"A intención de botarnos do centro cívico débese unica e exclusivamente a un intento de controlar o movemento veciñal de Vigo, a que Caballero non quere participación veciñal nos centros cívicos"

Que argumento emprega o Concello para privatizar a xestión do centro?

O argumento que utiliza Abel Caballero é basicamente un: “que somos uns privilexiados”, porque o Concello nos dá todos os anos 55 mil euros. Pero eses 55 mil euros non son para a asociación, son para pagar os soldos das persoas que xestionan o centro e toda a actividade que alí se realiza. Ti tes que xustificarlle ao Concello cada céntimo que gastas, e hai unha fiscalización de todo o que se fai. Tamén dixo que “defendemos intereses particulares”, cando na asociación ningunha persoa cobra absolutamente nada.

Credes que a manobra de Caballero obedece a un intento de "castigar" a vosa asociación?

O problema non é económico nin de xestión. A intención de botarnos do centro cívico débese unica e exclusivamente a un intento de controlar o movemento veciñal de Vigo, a que Caballero non quere participación veciñal nos centros cívicos, e a unha política de castigo á nosa asociación, porque somos unha entidade reivindicativa e que non calamos, nin ante este alcalde nin ante calquera outro. Curiosamente este mesmo convenio que el tanto critica, e que considera un privilexio, non só o mantivo durante os últimos sete anos, senón quen 2008 mesmo incrementou a súa contía nun 35 por cento. Nós, por suposto, a pesar da existencia dese convenio, cando tiñamos que falar dos problemas do barrio de Teis non calabamos. Somos das asociacións veciñais que máis elevan a voz, ante o Concello e ante calquera administración. O problema é que este é un alcalde tremendamente populista, tremendamente autoritario e que non asume o papel que deben cumprir os movementos sociais. E con respecto ás asociacións de veciños, en concreto, ten unha teima clara de controlalas e de cortar calquera tipo de crítica á súa xestión no Concello.

"O movemento veciñal en Vigo sempre foi dos máis activos e fortes de Galicia e de todo o Estado, e nestes momentos o movementos non se atopa na súa mellor situación. E el quere aproveitala esa debilidade para facerse co control das asociacións"

Para un alcalde a oposición é máis doada de controlar cando non hai un movemento veciñal forte? 

O movemento veciñal en Vigo sempre foi dos máis activos e fortes de Galicia e de todo o Estado, e nestes momentos o movementos non se atopa na súa mellor situación. E el quere aproveitala esa debilidade para facerse co control das asociacións. Nese obxectivo nós somos o inimigo a bater.  Recentemente convocou as asociacións a unha xuntanza para tratar o tema da eliminación do partido xudicial, e convocou a unhas asociacións e a outras non, algo que non pasara con ningún outro alcalde. Este só convoca as asociacións que lle rin as grazas. Iso cos sindicatos non se atreve a facelo.

"O pacto de goberno, ou pacto orzamentario, vai traer máis recortes, menos participación e menos democracia no Concello de Vigo"

Como valorades o pacto entre PSdeG-PSOE e PP en Vigo? 

O pacto de goberno non é positivo, e temos que dicir ademais que no noso caso nós fomos enganados polo Partido Popular. Nós sempre mantemos contacto con calquera grupo municipal e mantivemos tres xuntanzas con eles para falar dos orzamentos, tratando problemas xerais do barrio e tamén a xestión do centro cívico. Eles garantíronos que o convenio se ía manter, a pesar de que xa sabiamos as intencións do alcalde. Despois de moitas declaracións de boas intencións, sentímonos enganados e utilizados. O Partido Popular é cómplice da decisión do alcalde. Ese pacto de goberno, ou pacto orzamentario, vai traer máis recortes, menos participación e menos democracia no Concello de Vigo.

Que outras necesidades ten o barrio?

Hai a necesidade de mellorar a situación da rede de abastecemento e saneamento do barrio, a situación do cemiterio, a apertura das instalacións deportivas da ETEA e a mellora na dotación de beirarrúas. A xestión de Caballero caracterízase por grandes humanizacións de rúas, que nós non cuestionamos, pero fronte a iso hai moitas rúas do barrio de Teis, un dos máis populosos da cidade, que non teñen beirarrúas.

Centro cívico de Teis © AA.VV. de Teis
A Asociación de Veciños de Teis comezou as súas actividades en 1976 © AA.VV. de Teis
Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.