0 Gardados para despois

"É incríbel que a República Galega de 1931 fose ignorada pola maioría do nacionalismo durante décadas"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 27 de xuño de 1931 proclamouse a República Galega, presidindo Antón Alonso Ríos a autodenominada Xunta Revolucionaria. A chispa que encendeu esta proclamación foi a paralización das obras do ferrocarril Zamora - A Coruña, por non ser consideradas prioritarias, o que deixou sen traballo máis de dez mil traballadores. Unha folga obreira, apoiada por comerciantes e pequena burguesía, levou á ocupación do Salón de Plenos do Concello de Ourense o día 25. Dous días máis tarde oradores galeguistas e comunistas participan nun mitin na Alameda de Compostela, no que Antón Alonso Ríos chamou a facer "a nosa revolución por riba de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falla, cariñosamente a Portugal" e no que Eduardo Ponte demandou "unha Galicia soviética", o que motivou intensos aplausos, segundo as crónicas publicadas.

"Al terminar el mitin se formó una manifestación imponente, que se dirigió al Ayuntamiento, izándose la bandera blanca y azul en el edificio y proclamándose el estado gallego. Dimitieron inmediatamente todas las autoridades", conta El Pueblo Gallego. Galeguistas e obreiros viñan de proclamar a República Galega, que con todo durou apenas unhas horas, pois a posibilidade de que o resto do país se unise quedou cortada cando o Goberno anunciou o reinicio das obras do ferrocarril.

Este feito, e a súa conmemoración, veu pasando case desapercibido, tanto a nivel social coma nos propios libros de historia, nos que mesmo en obras recentes fica relegado á categoría de anécdota. Só nos últimos anos algúns colectivos comezaron a reivindicar a súa importancia, subliñando a pioneira confluencia de galeguismo e obreirismo e destacándoo como unha das primeiras manifestacións dunha vontade soberanista. A Asociación Foucelhas (Ordes) a Asociación Lucerna (Cerceda) e a Asociación A Revoltaina Cultural da Beira de Bergantiños (Laracha), comezaron a organizar a Festa da República Galega, que este ano chegará á súa cuarta edición. O 28 de xuño o vello apeadeiro de Ordes volverá acoller concertos e charlas en lembranza deste feito.

A festa servirá para "celebrar en comunidade festiva que unha pequena brasa segue acesa, que o lume non morreu, e que, a cada pouco se suman máis irmás e irmáns a soprar e avivar o lume da república que está por vir", destacan os seus organizadores, con quen falamos, que destacan a importancia simbólica e como referente da efeméride: "o resto dos 364 ou 365 días vivimos na república efectiva, porque tan só de nós dependen os nosos feitos e esforzos. E non estamos a soñar canda cantamos e bailamos na nosa lingua, nin cando esprememos o zume dos froitos da nosa terra, nin cando agarimamos con sementes de sempre as nosas hortas. Hai república cada día que nós queiramos", conclúen.

"Para nós, a Festa da República é a recuperación dun episodio histórico esquecido, pero tamén unha oportunidade para reflexionar sobre as loitas actuais e coller folgos para as batallas que están por librar hoxe"

No manifesto do pasado ano facedes fincapé en traer a efeméride da República Galega cara o presente. É dicir, a celebración non (ou non só) como un recordatorio do que pasou, senón como unha actualización dos seus valores para as loitas de hoxe: Corcoesto, Navantia... Concordades na importancia disto?

Por suposto. Para nós, a Festa da República é a recuperación dun episodio histórico esquecido, pero tamén unha oportunidade para reflexionar sobre as loitas actuais e coller folgos para as batallas que están por librar hoxe, entre elas, a propia construción dunha república galega. Parécenos moi importante tornar visíbeis todos eses acontecementos que se deron no país como feitos isolados e trazar unha continuidade que esperte esa idea de pobo, ao tempo que visibiliza o carácter colonial de tantas problemáticas que vivimos actualmente. O retroceso da nosa lingua, a destrución do medio rural, ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos teñen a raíz nesta situación de dependencia, polo que nunca máis que agora é necesario recordar un episodio no que o pobo plantou cara ao Estado español, desmontando o mito de que aquí non hai tradición independentista, ou que o galeguismo sempre foi manso. Volver a ese 1931 é traer á vida uns referentes que precisamos para as nosas reivindicacións diarias; sentir que hai quen pediu o mesmo hai moitos anos, e que haberá quen o pida despois ca nós. Dános forzas e nós e sentido ás nosas ideas.

"Cando comezamos, hai catro anos, contábanse cos dedos dunha man as persoas que sabían deste episodio en todo o país. Hoxe son ducias as que se achegan cada ano á estación a celebrar a data con nós"

Credes que nos últimos anos a sociedade galega (ou unha parte dela) foi coñecendo un pouco máis deste feito histórico, tan ignorado pola maioría até non hai moito?

Si! Cando comezamos, hai catro anos, contábanse cos dedos dunha man as persoas que sabían deste episodio en todo o país. Hoxe son ducias as que se achegan cada ano á estación a celebrar a data con nós coñecendo a proclamación da República, e noutros puntos como Ourense ou Pontevedra comezáronse a facer tamén actos na súa memoria. O ano pasado mesmo se presentou na Festa unha bandeira da República Galega, partindo do deseño da serea de Castelao. Cando falas da República xa non todo o mundo pensa na española, e iso é un logro moi grande para un grupo de xente reducido e sen medios como é o noso.

Malia todo, o camiño é longo. Parece incríbel que a proclamación da República Galega de 1931 fose un feito ignorado pola maior parte do nacionalismo maioritario durante décadas. É certo que a sociedade galega en xeral descoñece a historia da Galiza exceptuando certos episodios rebaixados á categoría de iconas case folclóricas. Ten a xente consciencia real de quen foron os Irmandiños ou os grandes movementos artísticos coma o Rexurdimento ou a Xeración Nós? Queda moito traballo por facer, e non podemos agardar polas institucións nin pola historiografía oficial.

"A sociedade galega en xeral descoñece a historia da Galiza exceptuando certos episodios rebaixados á categoría de iconas case folclóricas. Ten a xente consciencia real de quen foron os Irmandiños?"

A que credes que se debe este ocultamento, mesmo nos libros de historia?

Se algo sabemos a estas alturas é que a Historia non é unha construción obxectiva nin neutral. Detrás dela hai nomes concretos, con intereses concretos. Forma parte dunha estratexia de censura e auto-censura: por unha parte, a España non lle interesa que as reivindicacións soberanistas dos pobos que conviven baixo o seu xugo se recoñezan nunha tradición e atopen referentes. Moito menos con Galiza, con quen sempre conseguiu que se aceptara máis ese tópico de país submiso e que defende o seu pouco máis que a través do folclore.

"Uns e outros crearon a súa propia historia da Historia da Galiza: editaron ensaios, impartiron clases, e difundiron a súa visión nos medios que tiveron ao seu alcance"

Pero tampouco ao autonomismo, quen preferiu vender unha imaxe das loitas históricas do galeguismo máis dócil, pasada polo filtro do piñeirismo, e obviando os momentos onde o conflito se fixo realmente visíbel e se levou até as súas últimas consecuencias. Uns e outros crearon a súa propia historia da Historia da Galiza: editaron ensaios, impartiron clases, e difundiron a súa visión nos medios que tiveron ao seu alcance. A nosa tarefa é poñer luz sobre todos eses momentos que fican á marxe das súas investigacións, e que son, non por acaso, os máis combativos.

Neste sentido, é curioso recordar como naceu a idea da Festa da República. Un día Carlos Calvo, compañeiro noso agora preso, foi ao Arquivo Xeral de Compostela a mergullar na hemeroteca, e atopouse co titular do Pueblo Gallego no que se reseñaba a proclamación da República. Imaxinádevos a cara que lle quedou! Correu a contárnolo e, pouco meses despois, varias asociacións da comarca estabamos sentadas na Biblioteca de Cerceda pensando que podiamos organizar. O feito non ten relación directa con Ordes, pero a nós pareceunos unha oportunidade perfecta para comezar a traballar xuntas. Había xente da Laracha, de Mesía, de Cerceda, de Ordes, de Trazo… E así naceu a primeira edición da Festa. A xente foi mudando, pero as ganas de rematar con este ocultamento son as mesmas.

"O traballo de base dende as asociacións culturais e de barrio, os centros sociais, os sindicatos ou os partidos é o xeito de traballar para transformar realidades"

Foi unha revolución feita dende abaixo, iniciada polos traballadores (aínda que despois se uniron sectores da burguesía). Que podemos aprender da experiencia?

Pois o mesmo que de todas as experiencias nas que as revoltas veñen de abaixo, que son case todas, dende Encrobas até Corcoesto. O traballo de base dende as asociacións culturais e de barrio, os centros sociais, os sindicatos ou os partidos é o xeito de traballar para transformar realidades, e se algunha cousa hai en común con aqueles tempos é que a clase traballadora, a pesar do aliñamento, continúa a ter a forza para cambiar o país. Quen está arriba sempre ten moito que perder; non quere outra situación que o coloque noutra posición, nin se atreve a imaxinar opcións diferentes ao estado presente.

"Os galegos e as galegas si foron rebeldes á sublevación militar; do contrario non sería posíbel unha presencia guerrilleira tan prolongada"

Credes que o éxito da revolución, ou unha sociedade galega máis consciente, na que os sectores populares ocupasen maiores parcelas de poder, tería cambiado algo o que sucedeu anos despois na sublevación militar de 1936, na que os nacionais tomaron o control do territorio galego en poucos días? 

É unha pregunta difícil, é probábel nos falten datos e formación para poder contestar con rigor algo así. De todas maneiras, nós pensamos que os galegos e as galegas si foron rebeldes á sublevación militar; do contrario non sería posíbel unha presencia guerrilleira tan prolongada. Con toda esa xente anónima tamén hai moito traballo por facer de recuperación da historia. De feito, na Festa temos postos con libros editados por asociacións coma o Obradoiro da Historia que falan de toda esa resposta.

II Festa da Repúbica Galega

Xosé Bocixa

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.