GZ Contrainfo, Galiza Ano Cero e Andaina, premios Luceira de comunicación

Os representantes dos tres medios premiados Dominio Público Praza Pública

GZ Contrainfo, Galiza Ano Cero e Andaina, foron os tres gañadores da primeira edición dos premios Luceira de comunicación, que buscan recoñecer o traballo de iniciativas de comunicación con vocación social e que se entregaron este martes na Facultade de Xornalismo da USC. Os medios gañadores foron elixidos entre un total de 17 candidaturas, a través dun milleiro de votos a través de Internet. 

Os Premios Luceira de Comunicación Social en Galicia están promovidos pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia), o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMi Galicia), a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Os galardóns queren "visibilizar" e "poñer en valor" propostas de comunicación en Galicia "que están a dar cobertura ás temáticas do eido social baixo un enfoque de calidade, análise, reflexión e participación da sociedade". Ademais, o premio pretende motivar os medios de comunicación a reflexionar sobre o tratamento informativo que están a dar sobre as temáticas sociais.

"Partindo de que aquilo que non sae nos medios non existe, podémonos perder na inexistencia. Esta cegueira só pode ser curada co traballo dos medios de comunicación"

No acto de entrega, Gema Filgueira, responsable da Coordinadora Galega de ONGD, a entidade que ideou estes galardóns, subliñou a importancia de que estes premios se repitan nos vindeiros anos. O director da Rede Galega contra a Pobreza, Xosé Cuns, amosou o seu "optimismo" e unha certa "sorpresa" polo gran número de medios que "difunden a problemática das 650.000 persoas" que viven na pobreza ou en risco de exclusión social. Pola súa banda, o presidente de Cermi-Galicia, Anxo Queiruga, salientou a importancia do papel dos medios na procura do "equilibrio social", destacando que as persoas que entidades que traballan no terceiro sector ás veces parecen "unha pantasma que percorre o país", sen parar de facer cousas, pero ás veces cun labor que non é coñecido pola sociedade; "partindo de que aquilo que non sae nos medios non existe, podémonos perder na inexistencia", dixo. "Esta cegueira só pode ser curada co traballo dos medios de comunicación", concluíu, antes de felicitar os medios premiados por "achegar luz".

Héctor Varandela (Galiza Contrainfo) desexou "estar aí tamén cando haxa vitorias para os de abaixo", e non só sendo testemuñas dos ataques que reciben

Nadina Santos, de Andaina, recolleu o premio destacando que este é o primeiro premio que recibe a revista feminista nos seus máis de trinta anos de existencia. María Pampín e Xabier Lombardero, de Galiza Ano Cero, lembraron que esta televisión "é un proxecto aberto a todos os colectivos", e que se realiza grazas ao traballo colaborativo de 15 persoas. Finalmente, por Galiza Contrainfo, o medio máis votado, Héctor Varandela desexou "estar aí tamén cando haxa vitorias para os de abaixo", e non só sendo testemuñas dos ataques que reciben. Tamén fixo referencia á demanda realizada este martes por un deputado socialista para que se controlen os contidos difundidos polas redes sociais, ante o que dixo que "non van acalar as voces rebeldes".

Ademais dos tres medios e inciativas comunicativas máis votadas, tamén eran candidatos a revista A Boia, radio A Kalimera, Altermundo, Convivir en Igualdade (Radio Galega), Cuac FM, Enrédate (Radio Ecca), a revista Luzes, Praza Pública, o blog da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, Radio Clavi, Radio Filispim, Tempos Novos e Sermos Galiza.

A entrega de premios foi presentada por Carlos Blanco Dominio Público Praza Pública
Os representantes dos tres medios premiados Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.