O persoal eventual do SERGAS pide cambios na actual política de contratación, que os condena ao paro

Protesta de persoal sanitario no Hospital de Burela CC-BY-NC-SA CIG

Os recortes afectan máis aos máis débiles. E os recortes de persoal no Sergas afectan máis a aqueles traballadores e traballadoras sen praza fixa. Médicos, enfermeiros, celadores..., o persoal sanitario que en Galicia non ten unha vinculación permanente co Servizo Galego de Saúde, engrosa unhas listaxes de contratación que suma varios milleiros de persoas.

Os datos oficiais, con data de decembro de 2013, do Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS, apuntan a que hai ao redor de 600 médicos desempregados na lista de contratación, á espera de ser chamados para facer as substitucións necesarias de especialistas. E o número é moito máis elevado no caso do persoal de enfermaría, onde supera os seis mil traballadores e traballadoras, e nos celadores e celadoras, no que se achega ás cinco mil persoas, segundo os últimos datos das listaxes de contratacións vixentes. Por área sanitaria, na Coruña hai 1524 enfermeiros e 871 celadores á procura de traballo, en Ferrol 488 enfermeiras e 372 celadoras, en Lugo 784 e 689, en Ourense 691 e 544, en Pontevedra 516 e 630, en Santiago 1088 e 794, e en Vigo 1503 e 986.

Os sucesivos recortes sufridos polo sistema público de saúde nos últimos anos: a negativa a cubrir boa parte das xubilacións, o peche de unidades e camas durante o verán, están prexudicando especialmente estes traballadores e traballadoras sen praza (e con grandes obstáculos para lograla nestes momentos), que ademais ven como cada vez se fai máis difícil para eles e elas ir sumando contratos de subtitución, cada vez máis escasos e de máis curta duración. No ano 2012-13 xubiláronse no Sergas 2.330 persoas en todas as súas áreas de actividade, pero por mor da limitación establecida polo Goberno central só se poden cubrir con novas contratacións un 10% destas prazas. A isto uniuse a fin do Plan de Mellora da Atención Primaria, que entre 2009 e 2011 permitiu que se incorporasen ao sistema 1.049 profesionais cada ano, e que non foi renovado polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo. Ou o Plan Galego de Saúde Mental, que tamén chegaba até o 2012, e que tamén foi suprimido, eliminando 154 prazas profesionais.

Piden unha modificación na política actual de contratación que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde

Este grupo de traballadores e traballadoras sen praza comeza a organizarse e, de feito, enfermeiros e enfermeiras das listaxes de contratacións da área sanitaria de Compostela levarán a cabo unha protesta este martes no Hospital Clínico de Santiago. Alí entregarán individualmente unha reclamación cuxa mensaxe foi consensuada de forma colectiva e na que piden unha modificación na política actual de contratación que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde e "unhas condicións dignas de contratación e un cambio na actitude de desinformación que o Sergas está a manter con nós".

Na reclamación denuncian "a elaboración, por parte de Sindicatos e Administración, dun Pacto de Contratación ambiguo, con tantas lagoas que permite a libre interpretación de quen o le e que deixa baleiros susceptibles de ser enchidos segundo a ocasión o requira". Critican, ademais, "a eliminación do descanso obrigatorio, que xeraba un movemento máis fluido da lista de contratación e daba oportunidade de traballar a todo o persoal eventual que formaba parte de dita lista". E piden "maior claridade, transparencia e control nos chamamentos. Así como a visibilidade no rexistro de entrada dos contratos e da oferta dos mesmos o persoal eventual".

Critican, ademais, "a eliminación do descanso obrigatorio, que xeraba un movemento máis fluido da lista de contratación e daba oportunidade de traballar a todo o persoal eventual que formaba parte de dita lista"

Unha das convocantes da protesta, T.V., sinala por exemplo que na área sanitaria de Compostela, con 1.088 enfermeiros e enfermeiras na bolsa de contratación, rara vez alguén por debaixo do posto 300 é chamado para realizar unha substitución, de xeito que a maior parte pasan meses enteiros ou todo o ano sen ningún contrato. O habitual, destaca, é que as listas corran unicamente até o posto 150 e só no verán se chega un pouco máis abaixo.

No escrito denuncian situacións concretas e realizan demandas específicas. Sinalan, por exemplo, que a consecuencia do peche de unidades e camas nos meses de verán (este ano, ao redor de 1.200 camas en toda Galicia, o meirande peche da historia), "aos enfermeiros fixos con praza nestas unidades ofrécenlles cubrir as vacacións do persoal de atención primaria, é dicir, que os lotes de vacacións van case todos para os fixos". Tamén denuncia que é habitual que o persoal fixo realice gardas voluntarias, que para boa parte do persoal substituto supoñen a meirande parte dos seus contratos: "teñen contrato de luns a veres nun centro de saúde, e despois a maiores fan gardas voluntarias en urxencias. Pedímoslle ao SERGAS que non sexa tan permisivo coas gardas voluntarias, que repartan un pouco o traballo". 

Tamén denuncia que é habitual que o persoal fixo realice gardas voluntarias, que para boa parte do persoal substituto supoñen a meirande parte dos seus contratos

Ademais, denuncian outras situacións, que tamén os prexudican notablemente e que tamén poden provocar un deterioro na atención sanitaria. Por exemplo, T.V. sinala que as baixas dun traballador fixo, en lugar de seren cubertas cun contrato nominativo (é dicir, que unha persoa substitúa a outra), fanse a través do que se chama acúmulos de tarefas, "cando realmente serían contratos nominativos xa que corresponden a baixas non cubertas, permisos retribuídos ou días de libre disposición". Dese xeito, a baixa cúbrese cada día cunha persoa distinta, a cada garda mandan un contratado, o que se chaman pules, persoas que están para cubrir días soltos, cun máximo de 12 días ao mes. "E ti, se estás na lista, non podes rexeitar cubrir estes días soltos, porque doutro xeito pásanche para o final da lista ou comezan con sancións", explica.

Denuncian que o Sergas mostra "a máis absoluta falta de respeto polos profesionais que conforman un groso máis que considerable das persoas que día a día sacan adiante todos os seus hospitais e centros de saúde"

Tamén comenta que "as persoas que estamos noutra lista, e que en teoría só podemos cubrir vacacións ou baixas, e non podemos facer días soltos, o que fan é sumarnos distintas substitucións: tres días en cirurxía, dous días en oncoloxía..., súmanos e crean os contratos chamados correturnos". T.V. comenta a este respecto a incomodidade de ter que incorporarse cada día a unha unidade distinta, o que impide a relación continuada co persoal ou cos pacientes. "Non só é unha mala xestión do persoal co único incentivo de aforrar diñeiro en contratacións senón que resulta perigoso para a continuidade de coidados do paciente, prexudícame como profesional á hora de optar a unha mellora de emprego", denuncia tamén o escrito que este martes entregarán no rexistro do hospital.

No texto conclúen que o Sergas xestiona o persoal "mostrando a máis absoluta falta de respeto polos profesionais que conforman un groso máis que considerable das persoas que día a día sacan adiante todos os seus hospitais e centros de saúde".

Consulta aquí o texto da reclamación (.pdf)

Protesta de persoal sanitario no Hospital de Burela CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.