O negro mapa da Galicia queimada

Boa parte dos 79 puntos marcados por Medio Rural concéntranse na provincia de Ourense © Google Maps

No Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2014) a Consellaría de Medio Rural delimita 79 parroquias de alta actividade incendiaria, ben polo gran número de incendios sufridos nos últimos anos, ben pola extensión dalgún deles. Estes 79 puntos tiveron unha media anual de 7 ou máis lumes nos últimos 5 anos ou ben tiveron 2 ou máis incendios maiores de 200 hectáreas nos últimos 10 anos.

Cómpre salientar, por exemplo, o Concello de Manzaneda, que só na catro parroquias sinaladas como de alto risco de incendio pola Xunta sufriu 236 lumes, que queimaron máis de seis mil hectáreas.

Nestas parroquias levaranse a cabo unha serie de medidas "extraordinarias", coma o "seguimento exhaustivo das actividades desenvolvidas no territorio", a exclusión das autorizacións extraordinarias para pastoreo en terreos queimados e un control rigoroso das axudas públicas concedidas nestas parroquias. O Goberno galego busca "exercer unha función disuasoria á vez que se intensifican as actuacións de vixilancia". Estas parroquias declaradas de alta actividade incendiaria poderán deixar de selo se, durante dous anos, teñen un número de incendios igual ou inferior á media de lumes por parroquia de Galicia nese período ou se a superficie total media por incendio é igual ou inferior ás 3 hectáreas.

A meirande parte das parroquias atópanse na provincia de Ourense, con 48 de 30 concellos; seguida por Pontevedra, con 17 parroquias de 4 concellos; A Coruña con 13 parroquias de 11 concellos e Lugo cunha única parroquia. A provincia ourensá é, con diferenza, a que sufriu máis lumes nos últimos anos, e de maior intensidade. Cómpre salientar, por exemplo, o Concello de Manzaneda, que só na catro parroquias sinaladas como de alto risco de incendio pola Xunta sufriu 236 lumes, que queimaron máis de seis mil hectáreas. Ou A Gudiña, con 369 incendios en seis parrquias sinaladas nos últimos cinco anos, A Mezquita, con 305 incendios nas catro parroquias máis afectadas, ou Maceda. Vilariño de Conso, Lobios, Calvos de Randín ou Cualedro tamén suman máis dunha parroquia de alta actividade incendiaria, con ao redor dun cento de sucesos no último lustro.

Pedre (Cerdedo) é a parroquia galega máis afectada polo lume nos últimos cinco anos, con 7.538 hectáreas arrasadas en dous únicos incendios

Preocupan tamén os efectos do lume no sur da provincia de Pontevedra, en concellos como Arbo ou As Neves, A Cañiza, Salceda de Caselas ou O Porriño. Tamén no centro de Galicia, en lugares como Dozón ou San Cristovo de Cea. Ou no Barbanza (Ribeira, principalmente, con 161 incendios en tres parroquias). E tamén nalgúns concellos da Costa da Morte.

Hai parroquias que están sinaladas non por unha elevada frecuencia de focos incendiarios, senón pola súa extensión e intensidade. É o caso do Pindo (Carnota) con 3.367 hectáreas queimadas en dous incendios, de Colúns (Mazaricos) con 1.900, de Portomouro (Val do Dubra) con 1.189, Camba (Laza) con 2.537, Mourazos (Verín) con 1.812, Castro de Escuadro (Maceda) con 1.756, Xesta (A Lama) con 1.312. Ou Pedre (Cerdedo), a parroquia galega máis afectada polo lume nos últimos cinco anos, con 7.538 hectáreas arrasadas en dous únicos incendios.

Boa parte dos 79 puntos marcados por Medio Rural concéntranse na provincia de Ourense © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.