A Xunta incumpre o plan de cooperación ao desenvolvemento tras recortalo case un 70%

Campaña da Coordinadora Galega de ONGD CC-BY-SA Coordinadora Galega ONGD

Primeiro recortado e agora, incumprido. A finais de 2013 a Xunta aprobaba o seu III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, un documento que saíu adiante co voto en contra das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD), que o consideraron "un documento de mínimos" por, "entre outros motivos, reducir o número de países prioritarios", deixando fóra, por exemplo, Guiné-Bissau ou Haití, "onde as ONGD teñen experienica de traballo e onde hai proxectos en marcha". Así e todo, as organizacións veñen demandandando que a Xunta cumpra os seus propios compromisos, cos que o Goberno vén de rachar pola vía do recorte.

O pasasdo día 30 a Vicepresidencia da Xunta publicaba no Diario Oficial de Galicia a orde de subvencións para proxectos de cooperación e nela, alertan as ONGD, "o Goberno recorta un 5% o orzamento comprometido" e, ademais, "elimina a posibilidade de financiar proxectos a dous anos, un feito que non acontecía dende hai máis dunha década". A imposibilidade de financiar proxectos cun horizonte plurianual preocupa as organizacións máis que o propio recorte, xa que supón que "de forma unilateral a Xunta decide eliminar os compromisos para 2015" e financiar unicamente "proxectos que terán que rematar dentro de sete meses".

O goberno impide financiar proxectos a dous anos vista "de forma unilateral"

"As ONGD galegas -explican- traballan en países empobrecidos xunto con outras organizacións locais que contan con planificacións a longo prazo baseadas nos compromisos do goberno galego". Isto, sinalan, implica que as previsión xa están realizadas "a dous anos vista" tomando como base os Orzamentos da propia Xunta. Esta ruptura cos compromisos adquiridos e cos propios obxectivos de sostibilidade do plan director "influirá de foram directa na calidade e eficienica das intervencións e, polo tanto, nas condicións de vida das comunidades coas que se traballa", censuran dende a Coordinadora Galega de ONGD.

Un recorte de case o 70% en media década

Esta nova retallada supón afondar aínda máis nos duros recortes aplicados aos orzamentos de cooperación para o desenvolvemento dende o retorno do PP ao poder. No ano 2009, o derradeiro orzamento do bipartito, esta partida estaba dotada con 11,7 millóns de euros e un ano máis tarde, en 2010, xa quedaba en 9,7. Os exercicios seguintes supuxeron unha caída sostida no tempo: 7,9 en 2011, 6,3 en 2012 e 4,2 en 2013. En 2014 a cantidade consignada inicialmente era practicamente idéntica á do ano anterior, pero a orde de axudas vén invalidar tamén este compromiso pola vía dos feitos consumados.

A coordinadora de ONGD acusa a Xunta de "poñer en perigo a calidade da cooperación galega" coa "escusa da crise"

"Con este novo recorte a Xunta está a incumprir o III Plan Director", salientan as ONGD, que se remiten ao propio texto do Executivo para lembrar que o compromiso era "garantir a solvencia financeira da cooperación galega e a previsibilidade dos seus recursos orzamentarios". Nesta liña, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo garantía "un orzamento mínimo de 4,1 millóns de euros para a Subdirección Xeral de Cooperación", que tras o novo recorte queda nos devanditos 3,9 millóns. "Ante un contexto que cada vez máis pon en perigo a calidade da cooperación galega" as ONGD esixen que o Goberno da Xunta "cumpra os compromisos asumidos no Parlamento e no Consello da Xunta" e "non debilite, aínda máis" a axuda aos países empobrecidos "coa escusa da crise económica".

Campaña da Coordinadora Galega de ONGD CC-BY-SA Coordinadora Galega ONGD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.