Bandeiras azuis: máis negocio turístico que medio ambiente

Acto de entrega das bandeiras azuis, o pasado venres en Vigo © Conchi Paz

Como cada ano, o pasado venres alcaldes e alcaldesas de vilas costeiras do país acudiron a un acto encabezado polo presidente da Xunta para recolleren cadansúas bandeiras azuis. As "123 praias, 19 portos deportivos, 14 centros azuis, 15 sendeiros azuis e 2 iniciativas temáticas" distinguidas neste 2014 manteñen a Galicia como "a comunidade autónoma con máis bandeiras azuis", sinalou Alberto Núñez Feijóo no acto celebrado en Vigo, un "logro colectivo" que evidencia o "excepcional traballo" para "garantir a calidade das augas, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas". As verbas de Feijóo non son excesivamente distintas das pronunciadas polos seus antecesores sobre o asunto e delas cabe deducir que a bandeira azul é sinónimo da calidade ambiental do entorno costeiro no que ondea, unha dedución que os colectivos de defensa do medio ambiente poñen en dúbida dende hai lustros.

A orixe das bandeiras azuis esta en 1987, declarado Ano Europeo do Medio Ambiente. No marco daquela conmemoración a daquela Comunidade Económica Europea decidiu apoiar o proxecto das bandeiras, promovido pola Federación para a Educación Ambiental en Europa (FEEE), unha entidade privada representada no Estado Español pola Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC). Durante máis dunha década a Comisión Europea deulles soporte económico ata que en 1999 decidiu deixar de subvencionalas "tanto por considerar outras iniciativas medioambientais de maior interese como por razóns propias do proxecto da FEEE". Ás autoridades comunitarias acumulábanselles as queixas individuais e colectivas sobre, por exemplo, as discordancias entre os criterios de concesión das distincións e o estado real das praias e a daquela comisaria de Medio Ambiente, Margot Wallstrom, concluíu que "os criterios que se seguen para outorgar as bandeiras carecen do suficiente rigor".

A Comisión Europea retiroulles o apoio en 1999 por falta de rigor

Neste escenario, as autoridades comunitarias desligáronse por completo das bandeiras, ata o punto de retirar os distintivos oficiais da UE das enseñas que cada verán ondeas en praias e portos deportivos. Non obstante, autoridades municipais, autonómicas e estatais seguen identificando bandeira e calidade ambiental mentres os colectivos ambientalistas se preguntan "como é posible", por exemplo, "que un litoral e unhas rías cos indicadores ecolóxicos en situación entre mala e crítica e cunha denuncia europea pola súa alta e reiterada contaminación poida ostentar tal cantidade de distintivos presuntamente ambientais", din dende Amigos da Terra.

Praias rexeneradas ou "mesmo absolutamente artificiais" manteñen o distintivo

Este colectivo ecoloxista chama a atención, ademais de sobre a ausencia de aval público ningún, sobre o feito de que "os criterios de concesión" das banderias "teñen que ver cos accesos, servizos hixiénicos e dotacións, socorrrismo" ou "infraestruturas", os cales explican "que praias rexeneradas, portos deportivos e mesmo praias absolutamente artificiais teñan a súa bandeira", caso por exemplo dos areais coruñeses de Riazor e Orzán, distinguidos de novo neste 2014. Tamén se "analiza a calidade das augas para o baño, importante matiz, pois clarifica o motivo de que unhas augas contaminadas pero cuxa contaminación non afecte á súa calidade para o baño obteñan igualmente a súa bandeira".

As bandeiras están "lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado"

Na mesma liña, a asociación ecoloxista Adega pon o acento en que a bandeira azul "esa moi lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado". "Monitorízase principalmente a calidade das augas de baño e os servizos da praia e só durante a temporada estival". Pero "o resto do ano non son tidas en conta cuestións tan importantes como o estado das dunas e orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras". "Algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas -detallan- amosan graves problemas ambientais relacionaos coa presión urbanística e turística" e outras, como as devanditas praias coruñesas, son froito da vertedura de "millerios sde toneladas de area de canteira" que poñen "a cero" o "contador dos ecosistemas literais". Trátase, en definitiva, dunha "marca publicitaria, un produto comercial deseñado para amortecer os impactos do turismo de masas en litorais intensamente humanizados e non para premiar a boa conservación dos ecosistemas costeiros".

Máis prexuízo que beneficio para hábitats sensibles

Alén das críticas ecoloxistas, os propios criterios públicos da ADEAC permiten coñecer que este distintivo non é, nin de lonxe, garantía de conservación da natureza. "Algunhas áreas dentro dunha praia bandeira azul ou lindante con esta poden resultar especialmente sensibles dende o punto de vista ambiental e precisar técnicas de xestión espececiais", evidencian. "Neste caso -recomendan- deberán ser valorados os posibles problemas detectados e as recomendacións aos responsables municipais solicitadas ou realizadas por organizacións locais recoñecidas e preocupadas pola conservación da natureza". Esta advertencia lánzana nun contexto no que "pode suceder que a fraxilidade de certos entornos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón, xa que a afluencia dun número maior de visitantes poderían poñer en perigo a fauna e flora ou os hábitats".

"Identificar as praias mellor conservadas ecoloxicamente non é a función da bandeira azul"

Dado que para obter unha bandeira azul é requisito imprescindible contar, por exemplo, con infraestruturas de acceso ou aparcadoiros, a entidade promotora admite que estes servizos poden "producir danos irreparables ao medio ambiente natural local", unha observación que tamén recollen algunhas institucións públicas, caso por exemplo da Junta de Andalucía. O departamento de medio ambiente do Goberno andaluz explica, xunto á relación de praias con bandeira no seu territorio, que "en ningún caso as infraestruturas esixidas" pola entidade que as concede "poden nin deben constituírse en argumento para alterar o carácter natural de determinadas paraxes litorais". "A vocación destas paraxes non sería conseguir unha bandeir azul" e "menos aínda utilizar o feito de ser galardoada con bandeira azul como escusa para facilitar a construción de vías de acceso e instalacións e/ou a súa posterior recualificación ou urbanización". "Identificar ou premiar aquelas praias máis verdes, remotas ou inaccesibles e mellor conservadas ecoloxicamente no é a función da bandeira azul", conclúe.

Praia da Rapadoira, en Foz, con bandeira azul © Concello de Foz
Lixo nunha praia con bandeira azul CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.