0 Gardados para despois

O 'Partido Froilanista' convoca unha concentración en defensa do dereitos de Froilán e Elena

Redacción | @prazapublica

"Froilán, Rei da Galiza/ Elena Raiña de España/ Po-lo direito a apandar!". O autodenominado Partido Froilanista convoca, este xoves ás oito da tarde, unha concentración na praza do Toural, en Compostela, que se converterá nunha "manifestación retranqueira" pola zona vella da cidade en defensa dos dereitos de acceso ao trono da infanta Elena e do seu fillo Froilán.

A concentración reclamará "o inalienábel direito ao trono do Histórico Reino da Galiza pra D. Felipe Juan Froilán de todos los Santos de Marichalar y Borbón y cuenta nueva"

A concentración, convocada co "consenso de distintos colectivos, partidos, sindicatos e organizacións ridiculistas de base", reclamará "o inalienábel direito ao trono do Histórico Reino da Galiza pra D. Felipe Juan Froilán de todos los Santos de Marichalar y Borbón y cuenta nueva". Tamén a "apertura de primárias 'a la gallega' na sucesión ao trono de España, con vistas a que poda concorrer a nosa candidata favorita, Dona Elena de Borbón, quen é super-riquiña (o cal a capacita pra portar a coroa e a capa de armiño)". Finalmente, pedirá "a apertura inmediata de unha consulta na que se pergunte por (primeiro) o direito a abuchanarse da sociedade española e (segundo) o direito das nacións sen estado a achantar co que hai, e foderse sine hora".

A convocatoria pide que os e as asistentes á convocatoria acudan "coas mellores galas"

A convocatoria pide que os e as asistentes á convocatoria acudan "coas mellores galas", recomendando como dress code "boina azul e barba hipster", sinalando que "o froilanismo é o novo carlismo", portando tamén "bandeiras do Reino Suevo e da Galiza (nada de estrelas vermellas!)" ou "máscaras de Anonymous e espingardas de plástico". Engaden que é "imprescindíbel ir limpos e aseados" pois "somos xente de ben, non perroflautas nin republicanos". E anima a que o acto de apoio a Froilán e Elena sexa máis numeroso que o que a pasada semana se celebrou tamén no Toural en apoio a Felipe VI. Na convocatoria tamén se lembra a coñecida canción de Os da Ría: "Infanta Elena, Infanta Elena! Sóplame el culo que tengo arena!", co engadido de "ReferenDA!".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.