Amoeiro homenaxea a corporación municipal de 1936: "O obxectivo non é nin máis nin menos que ser dignos"

Actuación de A Quenlla na homenaxe CC-BY-SA Praza Pública

O Concello de Amoeiro realizou este domingo unha homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe militar de 1936, en especial a Corporación Municipal republicana, que sufriu directamente a violencia e a represión, comezando polo propio alcalde Castor Sánchez Martínez, asasinado en agosto de 1936. "O obxectivo non é nin máis nin menos que ser dignos", destaca o actual rexedor Rafael Rodríguez (PSdeG-PSOE), "Para ser dignos, como foron eles, o menos que podemos facer é este acto, un acto absolutamente indispensable non só aquí, senón en todas partes"

Homenaxéase o primeiro goberno democrático de Amoeiro, o que o rexeu entre 1931 e 1936. "Naquel intre agromaron as flores da liberdade sementadas durante anos por homes e mulleres que loitaron con paixón pola igualdade de dereitos e a democracia", afírmase dende o Concello. "Achegarnos a eses tempos supón recuperar o pulso de persoas valorosas que avogaron polos valores universais e o progreso, e abrazar o seu legado con firmeza. E volver a mirada atrás tamén humaniza a un pobo que non puido defender e honrar ás vítimas do negro xullo do 36".

Os actos comezaron ás 12 horas no Pazo Museo Otero Pedrayo (Trasalba, Amoeiro). Entregáronse as máis altas distincións do municipio aos familiares dos membros daquela corporación, nun acto que contou coa participación da Quenlla. A seguir, ás 14.30, deu inicio un xantar popular, no Souto de Amoeiro, un Xantar das Memoria que dende o Concello se define como un "espazo de irmandade e o punto de encontro de quen comparte historia, ideais e metas de cara a construción dun mundo máis xusto e avanzado" e que busca que o pobo "se reconcilie coa súa historia e con quen tanto loitou e sufriu pola utopía dun tempo mellor". Tamén se presentaron dúas publicacións; unha centrada na figura de Castor Sánchez, Castor Sánchez Martínez. A conquista da cidadanía, de Xulio Prada Rodríguez (Editorial Ir Indo); e a outra titulada Amoeiro 1936. A barbarie silenciada, que inclúe capítulos sobre memoria histórica, mestres, movementos sindicais e políticos e a represión no noso concello, obra de Xosé Lois Carrión, Xosé Manuel Cid, Xabier Quintas e Raúl Soutelo (Fundación Luís Tilve e Concello de Amoeiro).

O alcalde Rafael Rodríguez destaca que o feito de que "sexa noticia, como foi o outro día, o tema das placas da memoria histórica, non deixa de ser revelador, tristemente, do tipo de país no que estamos"

O alcalde Rafael Rodríguez destaca que o feito de que "sexa noticia, como foi o outro día, o tema das placas da memoria histórica, non deixa de ser revelador, tristemente, do tipo de país no que estamos". "Temos que honrar a memoria dos representantes lexítimos dun réxime democrático, que foron humillados, masacrados, expulsados. E nun país no que nunca ninguén loitou nin sequera para reabrir a súa memoria" -di- "Que hai que explicar? É sorprendente que non se faga isto como algo cotián en todas partes".

Rodríguez salienta que este é tamén "un acto de recoñecemento, dos logros dunha corporación, unha corporación que en cinco anos fixo absolutamente toda a rede de estradas que temos hoxe en Amoeiro. Unha corporación que se volcou no ensino, e que tivo representantes da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Ourense (ATEO), os mellores mestres, os máis innovadores, os que estaban en liña coa Institución Libre de Enseñanza". Engade que "antes da súa xestión en Amoeiro non había case escolas, e despois o nivel educativo de Amoeiro chegou a ser superior mesmo ao que os rapaces podían recibir en Ourense, grazas a mestres coma Rafael Alonso, que foi asasinado. Mestres como Alonso Rodríguez Ansias, que escapou e que viviu emparedado na súa casa 28 anos. Impulsaron o Estatuto de Autonomía, crearon cantinas escolares para os nenos que non podían comer...".

Rodríguez salienta que este é tamén "un acto de recoñecemento, dos logros dunha corporación"

O 19 de abril de 1931 elixiuse democraticamente unha nova corporación, resultando elixidos 8 concelleiros socialistas e 4 republicanos, sendo nomeado alcalde-presidente por unanimidade Cástor Sánchez Martínez. Tras o golpe militar, o 25 de agosto de 1936, os falanxistas asasinan a Castor Sánchez na estrada de Leiro a Ribadavia, no cruce de Beade. Rafael Rodríguez conclúe que España "ten moitas débedas pendentes coas vítimas dunha ditadura que represaliou multitude de familias e sumiu no esquecemento as barbaries cometidas sen aliviar -nin sequera simbolicamente- esas atrocidades".

 

Placas de memoria

Esta semana foron colocadas en Amoeiro as anunciadas placas explicativas de Memoria Histórica en lugares públicos rotulados con simboloxía fascista

Esta semana foron colocadas en Amoeiro as anunciadas placas explicativas de Memoria Histórica en lugares públicos rotulados con simboloxía fascista. Trátase de 13 fontes públicas e da antiga escola pública de Parada de Amoeiro, espazos todos eles nos que se poden ver os escudos co xugo e as frechas, e outros elementos de exaltación do fascismo. Nas placas poderase ler que "estas imaxes pertencen á propaganda dunha ditadura que ocupou cos seus símbolos os espazos públicos máis emblemáticos. Permanecen aquí como denuncia histórica daquel réxime opresor". O Concello levou a cabo unha campaña de crowdfunfing para financiar a súa instalación, cun "exitoso resultado" que permitiu "a gratuidade da medida para a nosa administración pública".

Placas instaladas en Amoeiro © Concello de Amoeiro
Castor Sánchez, alcalde de Amoeiro asasinado en 1936 © Concello de Amoeiro
Un momento da homenaxe, este domingo en Trasalba CC-BY-SA Praza Pública
Un momento da homenaxe, este domingo en Trasalba CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.