"O clasismo e o racismo están unidos; se eu fose futbolista, tería entrado no pub"

Massamba Djitté, nunha rúa da Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Massamba Djitté é senegalés e leva tres anos vivindo en Galicia. Hai dúas semanas, foi unha das persoas que participou no testing co que SOS Racismo puido comprobar -e confirmar- a discriminación racista que se dá no acceso a locais de marcha. Foi a través dun estudo levado a cabo na Coruña, pero tamén noutras catro cidades do Estado. O resultado, logo de todas as experiencias, foi que no 37% dos establecementos visitados detectáronse casos de xenofobia. Dous pubs coruñeses negáronlle a entrada a este mozo, e a varios máis, argumentando que había "unha festa privada" mentres permitían o acceso a varios compañeiros de orixe e rasgos europeos. El, africano, e outras parellas latinas e magrebís foron vetadas.

Massamba foi un dos mozos vetados en dous locais coruñeses nun 'testing' elaborado por SOS Racismo

"O peor é que cando lles pides explicacións, con toda a educación, simplemente non cha dan e insisten no da festa privada; cando lles dixen aos porteiros que iso era imposible, porque os meus amigos galegos estaban dentro e non tiñan convite ningún, non souberon que responder e dixeron que non entrabamos porque non lles daba a gana ou non lles saía dos collóns", explica Massamba, de 34 anos, que fala galego, español, francés e inglés e está licenciado en Turismo. Para el, en España e en Galicia "hai racismo", aínda que aclara que "para nada é algo maioritario".

Foi en dous locais de copas, Dux e Studio 54 que ademais xa eran reincidentes, onde volveu sentir unha discriminación que xa sentira antes neses mesmos locais ou noutros lugares. E amósase convencido de que o racismo tamén lle impide conseguir o traballo que leva buscando meses. "Se hai xente que pensa que non podo estar nun pub xunto ao resto da xente, non pode pensar o mesmo xente que me podería contratar?", pregúntase un home que exerce de voluntario dando clases de idiomas e adestrando un equipo de rapaces dun barrio coruñés. Ten o título oficial de adestrador xuvenil, xogou ao fútbol a nivel semi-profesional no seu país e agarda que por fin aquí lle convaliden os seus estudos de Turismo.

"O racismo nestes locais nocturnos é evidente e comprobable, pero o que existe noutros ámbitos é menos visible", di

"O racismo nestes locais nocturnos é evidente e pódese comprobar, pero o que existe noutros ámbitos é menos visible; simplemente non te contratan ou non che dan a oportunidade de integrarte máis na sociedade". Fala de integrarse máis unha persoa que está máis que integrada. Comparte piso con dúas persoas galegas, ten un amplo grupo de amigos na Coruña e colabora con varias asociacións como voluntario. "Non teño soldo pero eu fágoo porque me gusta e porque con isto tamén axudo a xente de aquí", conta quen insiste en que "se non fose de Senegal, teríao máis doado para atopar traballo".

Tamén ten claro Massamba que a discriminación sufrida en varios locais nocturnos non sería tal se el fose rico ou famoso. "O clasismo e o racismo non se poden separar; se eu fose futbolista tería entrado sen problemas neses pubs; de feito, se Sissoko [en referencia ao xogador do Deportivo orixinario de Costa de Marfil] tivese intentado entrar, estou seguro de que el non tería atranco ningún", explica quen advirte de que "de ter posibilidades" denunciará ante a Xustiza o ocorrido hai dúas semanas na noite coruñesa. "É difícil intentar explicar o que se sente se non che ocorre a ti, pero imaxinen que un grupo de persoas van a Madrid, intentan entrar nun bar e non lles deixan porque son galegos... Pois a sensación é esa", engade.

"Imaxinen que un grupo de persoas van saír a Madrid e non lles permiten entrar nun bar por ser galegos... A sensación é esa", explica

 

"É honra e dignidade"

Con todo, o que máis lle molesta a Massamba son "as formas". "Esa superioridade coa que che falan, esa maneira de dicirche: 'aquí mando eu", di quen sabe que, na maioría dos casos, os porteiros dos locais "tan só cumpren ordes e cobran por facer o seu traballo". Tamén ten claro que as actitudes que el e outros compañeiros sufriron deben ser denunciadas. "O primeiro que ten que facer a sociedade española ou galega é sabelo, saber que estas cousas pasan e logo que actúen en consecuencia; no meu caso, eu non volvería entrar neses locais e os meus amigos de aquí xa me dixeron que non volverían ir, pero o importante de verdade é que se saiba", insiste.

Massamba sabe que moitos dos seus compatriotas senegaleses -hai máis de 800 empadroados na Coruña- recoméndanlle que non denuncie a situación ou prefiren non meterse en problemas, pero el teno claro. "Fágoo por min pero tamén pola miña xente; é honra e dignidade porque a ninguén lle gusta que o humillen. Meu primo está casado aquí cunha española e teñen unha filla; non quero que esa rapaza sufra no futuro a discriminación que algúns de nós temos que sufrir", asegura quen, malia estes casos illados, di estar "cómodo e contento" en Galicia, aínda que non descarta volver emigrar se é posible mellorar as súas condicións de vida.

"O primeiro que ten que facer a sociedade española ou galega ante estas situacións é saber que ocorren, que estas cousas pasan"

Tamén ten claro que o racismo é "tan só ignorancia" e lembra como foi recibido con desconfianza nalgunha parroquia rural á que foi convidado por amigos para logo converterse nun máis da familia. "Cando están contigo e te coñecen, decátanse de que es un máis deles". Unha reflexión tan real como obvia. Massamba seguirá dando clases e adestrando os rapaces do seu equipo de fútbol. E seguirá gozando do Mundial animando a Costa de Marfil, a súa favorita nesta edición na que non particia Senegal, mentres lembra que en Francia "hai varios senegaleses representando o país e incluso houbo ministros de raza negra". "Esas cousas tamén axudan a que o racismo vaia desaparecendo", remata.

Massamba Djitté, nunha rúa da Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.