A Consellaría de Educación prepara o peche da cociña do comedor do CEIP de Manzaneda e a súa substitución polo servizo dunha empresa de catering. As nais e pais do alumnado realizarán este mércores a partir das cinco da tarde unha merenda fronte ao centro para protestar contra a decisión do Goberno, unha medida que enmarcan nun contexto máis amplo de recortes e desgradación do servizo que afecta especialmente ás zonas rurais.
Até agora, o comedor era xestionado directamente pola Xunta, por unha cociñeira que lles facía a comida aos rapaces. Como a cociñeira se xubila, e o centro ten 22 alumnos e alumnas (por debaixo do límite de 25 fixado pola Consellaría) a Xunta decidiu suprimir a praza e o comedor pasará a ter unha xestión indirecta: os nenos van ser atendidos por un servizo de catering. "O servizo de catering vén de moi lonxe", destaca Iria, presidenta da Anpa do centro, "os nutrientes pérdense no camiño, a comida chega nunha temperatura que non é a adecuada, e abusan de comida precociñada, con poucos alimentos frescos. Falando con mestres doutros centros sabemos que alí a xestión non é satisfactoria".
Ademais, segundo denuncian as anpas galegas, a empresa encargada do servizo sería Serunión, que traballa cunha cociña central en cada comunidade autónoma e cuxo traballo ten recibido numerosas críticas pola calidade dos seus produtos. "A comida que non se consume, reutilízase", denuncia a presidenta a Anpa. "Nós vivimos no rural porque apostamos por un estilo de vida saudable, e para nada queremos un catering para os nosos nenos e nenas. Todos os membros da anpa témolo claro. Queremos que un cociñeiro prepare os menus máis axeitados para os nosos fillos e fillas".
"Nós vivimos no rural porque apostamos por un estilo de vida saudable, e para nada queremos un catering para os nosos nenos e nenas"
Esta decisión enmárcase ademais nun contexto máis amplo de recortes, que afectan especialmente á zona rural. "Van recortando servizos, e o fin último é o peche da escola. A nós recortáronnos mestres e recortáronnos unidades, a pesar de que o colexio pasou de ter 13 alumnos a ter 22", di. Ademais, denuncia que estas decisións se adoptaron de forma discrecional, non obrigadas pola lexislación, senón por ordenanzas internas da Xunta, que foron variando cada ano. "Pecharon o colexio de Chandrexa de Queixa e mandáronos para Montederramo. Agora pecha Montederramo e mándanos para Castro Caldelas. Moitas veces van buscando o apoio dos pais, convencéndoos de que é moito mellor facer o cambio", explica.
"Temos o apoio de todos os veciños e veciñas de Manzaneda. Un concello sen escola é un concello morto" -engade- "Hoxe é a escola, pero mañá pode ser o centro de saúde". "Estamos indignados con esta discriminación que nos fan á xente que vivimos no rural. Á hora de pagar impostos, nós pagamos o mesmo que todos", denuncia.
"Temos o apoio de todos os veciños e veciñas de Manzaneda. Un concello sen escola é un concello morto" -engade- "Hoxe é a escola, pero mañá pode ser o centro de saúde"
Na merenda convocada para este mércores, as nais e pais levarán os produtos frescos típicos da zona, "aquí todos temos unha horta, temos as nosas pitas, temos unha vida saudable", di Iria. En contraposición, na merenda tamén se ofrecerá comida-lixo, mesmo penso para cans. "Cremos que vai asistir moita xente" -di- "temos recollidas moitas sinaturas", uns apoios que este venres presentarán no rexistro da delegación da Consellaría, en Ourense, nun acto público de protesta.
Beneficios para as empresas de catering
Partidos políticos, sindicatos e asociacións de nais e pais veñen denunciando nos últimos anos a progresiva substitución nos comedores dos centros de ensino do persoal de cociña por empresas externas de catering. É unha tendencia que non só se dá en Galicia, senón que case todas as comunidades autónomas veñen aplicando para aforrar custes. De feito, segundo un estudo de Amigos da Terra, grandes empresas de distribución alimentaria, habitualmente de carácter transnacional, dominan xa a meirande parte do sector. No conxunto do Estado a máis importante de todas é o grupo Serunión, filial española do grupo francés Elior, o terceiro grupo de restauración colectiva de Europa. Serunión sérvelles a comida a máis de dous mil coñexios de toda España. No accionariado destacan as familias San Salvador e Cuatrecasas, actualmente baixo investigación por unha suposta fraude fiscal.
A metade dos tres mil millóns de cartos públicos gastados cada ano en alimentación "acaban nas arcas de nove grandes empresas de catering"
Hai uns meses o Sindicato Labrego Galego e Veterinarios sen Fronteiras organizaron unha xornada sobre compra pública de alimentos na que reivindicaron que a Xunta merque no agro galego, a pequenos produtores locais, os alimentos dos comedores escolares, que supoñen cada ano ao redor de 29 millóns de euros. Destacaron que "moitos deses cartos van para grandes empresas de cátering ou se gastan, maioritariamente, en mercar os alimentos a almacenistas que sempre optan polos produtos máis baratos sen ter en conta a súa procedencia, impacto medioambiental ou frescura". Xavier Gómez, de Veterinarios sen Fronteiras, revelou que a metade dos tres mil millóns de cartos públicos gastados cada ano en alimentación "acaban nas arcas de nove grandes empresas de catering". De igual xeito, os grupos políticos da oposición denunciaron, como fixo AGE o pasado mes de novembro, que a Xunta "utiliza o copagamento nos comedores escolares para pagarlles ás empresas privadas de catering" e, deste xeito, "privatizar" o servizo.
As escolas, clave para o futuro do rural
De igual xeito, é frecuente escoitar en boca de representantes das distintas administración declaracións que alertan do despoboamento que sofre unha boa parte do país, principalmente as zonas rurais. Dende as entidades que mellor coñecen esta realidade deixouse claro en moitas ocasións que a mellor política para fixar poboación no rural pasa polo mantemento e mellora dos servizos públicos, comezando polo ensino. O pasado mes de novembro a Mesa Galega de Educación no Rural presentou un documento base cunha vintena de medidas urxentes para mellorar o ensino nas zonas rurais, no marco dunha política integral destinada á "dignificación" destas áreas.
A Mesa Galega de Educación no Rural presentou un documento base cunha vintena de medidas urxentes para mellorar o ensino nas zonas rurais, no marco dunha política integral destinada á "dignificación" destas áreas
A plataforma destaca que "a asfixia da educación no medio rural insírese no mesmo proceso de desmantelamento que está a padecer o rural no seu conxunto", e engade que "o potencial que a escola, xunto con outras entidades, podería exercer como dinamizadora das comunidades rurais está sendo ignorado no marco actual da política autonómica".
Entre as medidas, nas que se pedía "fornecer todas as escolas rurais dos medios humanos e materiais precisos para unha educación de calidade, incluíndo todos os especialistas de educación infantil e educación primaria, así como o persoal de apoio necesario", incidindo ademais na necesidade de manter os actuais comedores escolares.