Centos de persoas solicitan en Vigo un 'cheque social' con fondos á baixa

Concentración ante o Concello de Vigo © ODS-Coia

Este martes abriuse o prazo para pedir no Concello de Vigo o denominado como cheque social, o Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación, que se poderá solicitar até o vindeiro 14 de xullo. Tan só o primeiro día entregáronse máis de 350 solicitudes, formándose longa ringleiras, que se repetiron o mércores. Segundo publica La Voz de Galicia este xoves, o alcalde Abel Caballero "deu instrucións para eliminar" estas fileiras, através de varias medidas que buscan "eliminar a visión da multitudinaria bolsa de pobreza que emerxeu reclamando apoio económico institucional".

Xa este mércores limitouse o acceso ao rexistro, impoñendo un sistema de recollida de citas, que antes das 11 da mañá xa cubrira as 250 previstas para todo o día. O Concello tamén habilitou rexistros en varias oficinas municipais repartidas por toda a cidade e ampliou os horarios para a recollida das solicitudes.

A entidade sinala que "a diminución do orzamento en máis dun 40% e o endurecemento das esixencias para acceder a estas axudas resulta dunha falta de sensibilidade e unha irresponsabilidade abraiantes"

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia criticou duramente esta semana a través dun comunicado tanto a dotación orzamentaria deste cheque social coma algunhas das características da súa tramitación. A entidade sinala que "a diminución do orzamento en máis dun 40% e o endurecemento das esixencias para acceder a estas axudas resulta dunha falta de sensibilidade e unha irresponsabilidade abraiantes", sobre todo no actual contexto "dunha situación de precariedade e empobrecemento crecentes da poboación, con 35.000 persoas desempregadas e 3.000 expedientes de axudas de emerxencia municipais bloqueados". O 72,3% dos galegos e galegas recoñecen dificultades para chegar a fin de mes, segundo os datos publicados hai unhas semanas polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida. Ademais, o 24,3% dos habitantes de Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión social.

A ODS conclúe que "hai que malvivir na miseria máis absoluta para poder optar a ditas axudas, polo que o Concello deixará fóra das mesmas, e polo tanto sen solución algunha, a un número inxente de persoas e familias que, cuns ingresos totalmente insuficientes, afrontan o día a día sen ter como satisfacer as súas necesidades máis elementais".

Para unha familia de catro membros que poida descontar o máximo de gastos de aloxamento (300 euros), se establece un límite de ingresos de 450 euros, o que supón uns ingresos máximos per cápita de pouco máis de 110 euros

O cheque social ten unha dotación total de dous millóns de euros, 1.2 millóns menos que o pasado ano. As contías máximas de ingresos para os posibles beneficiarios ou beneficiarias, unha vez descontados os gastos de aloxamento "resultan excesivamente restritivas", para a ODS Coia. Por exemplo, para unha familia de catro membros que poida descontar o máximo de gastos de aloxamento (300 euros), se establece un límite de ingresos de 450 euros, o que supón uns ingresos máximos per cápita de pouco máis de 110 euros. Ademais, a entidade denuncia que nos gastos que poden ser subvencionados non se prevé como subministro a auga, tampouco se prevé como gasto de vivenda "diferentes modelos de vida", como "pisos compartidos ou o retorno ás vivendas familiares".

Así mesmo, denúnciase que o Concello endureceu as esixencias para acceder á axuda. Por exemplo, hai que levar tres anos empadroado en Vigo, unha demanda que "só pode entenderse como unha estratexia para restrinxir ao máximo o número de solicitudes, incluídas as de moitas persoas que tiveron dereito ao cheque social o ano pasado", sinala a ODS Coia. 

Denúnciase que o Concello endureceu as esixencias para acceder á axuda. Por exemplo, hai que levar tres anos empadroado en Vigo

En canto ao procedemento, a entidade critica que "o prazo máximo de resolución (3 meses dende a publicación da convocatoria) queda sen efecto porque se establece o silencio negativo (é dicir, se transcorridos os tres meses non existe resolución, estimarase denegada a axuda), co que aos solicitantes non lles queda máis remedio que agardar ao máis que probable atraso na concesión das axudas". Ademais, denuncian que se volve establecer "a publicidade das resolucións concedidas con nome e apelidos dos beneficiarios, o que supón un claro atentado ao dereito á intimidade persoal e familiar dos solicitantes".

Concentración ante o Concello de Vigo © ODS-Coia
Cadea humana por unha renda social básica © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.