Lugo inicia o proceso para elaborar o primeiro orzamento participativo nunha deputación

Imaxe da xuntanza deste luns na Fonsagrada © Deputación de Lugo

A Fonsagrada acolleu este luns a primeira xuntanza aberta para elaborar os orzamentos da Deputación de Lugo. Trátase da primeira ocasión en que un ente provincial español deseñará uns orzamentos de maneira participativa, grazas á colaboración que a deputación lucense está a manter coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais. O proceso consta de varias fases, comezando pola convocatoria de xuntanzas abertas en todos os partidos xudiciais da provincia. Despois da reunión mantida na Fonsagrada, na que participaron un cento de veciños e veciñas, será a quenda de Viveiro (este martes 1 de xullo), Monforte (día 8), Vilalba (día 15), Sarria (día 17), Chantada (día 22), Becerreá (día 29), Mondoñedo (día 30) e Lugo (día 31 de xullo).

Nas xuntanzas poden participar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas nos concellos de cada partido xudicial

Nas xuntanzas poden participar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas nos concellos de cada partido xudicial. Ademais desta ferramenta de participación, a Deputación abriu outras dúas vías: online, no portal www.orzamentosparticipativos.org, e a través das redes sociais. As achegas que por calquera destas vías realicen os cidadáns e cidadás serán analizadas entre agosto e setembro por unha comisión técnica da Deputación, que realizará un informe sobre a súa viabilidade, deseñará os plans de actuación, determinará a dispoñibilidade orzamentaria e estudará as posibles colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicaráselles a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Finalmente, está previsto que o 1 de xaneiro entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

As achegas que por calquera destas vías realicen os cidadáns e cidadás serán analizadas entre agosto e setembro por unha comisión técnica da Deputación

As xuntanzas comezan cunha introdución, a cargo de representantes da Deputación, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento (a súa evolución, o descenso da débeda, as partidas para gastos de persoal ou o recorte nas transferencias do Estado) e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente. A seguir, entréganse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base a 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medioambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo.

Os veciños e veciñas deben elixir un máximo de tres áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. Finalmente, ábrese un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e achegas.

 

Primeira experiencia no Estado español

Só a Deputación de Guipúzcoa puxo en marcha no 2013 unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e nun determinado territorio. Porén, o obxectivo da Deputación de Lugo é que o orzamento no seu conxunto se elabore de xeito participativo

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou o proxecto de elaboración do orzamento participativo a finais de maio, no marco do primeiro encontro das Confederacións de Asociacións Veciñais de Galicia e Castela e León, celebrado na capital provincial. Até agora, as experiencias de presupostos participativos que se deron en España foron parciais: as deputacións de Málaga e Barcelona impulsaron presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento. Andalucía é a Comunidade Autónoma na que máis municipios incorporaron orzamentos participativos, chegando ao 43% do total. Valencia conseguiu un 18% e Catalunya nun 15%. En Galicia, só en Ferrol até 2011 e en Fene desenvolvéronse proxectos de participación cidadá a través dun Foro Cívico que colaborou na elaboración dun Regulamento de Participación Cidadá. Só a Deputación de Guipúzcoa puxo en marcha no 2013 unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e nun determinado territorio. Porén, o obxectivo da Deputación de Lugo é que o orzamento no seu conxunto se elabore de xeito participativo.

O presidente de la Confederación Galega de Asociacións Veciñais, Jesús Vázquez, que colabora nesta iniciativa, destacou que “ningunha outra institución en Galicia atendeu esta petición. Hai tres anos, propuxémoslle á FEGAMP unha comisión para recomendar presupostos participativos en todas as cidades galegas. Nin sequera conseguimos volver reunirnos con Rey Varela, aínda que utilizamos de intermediario o vicepresidente da Xunta".

Jesús Vázquez: "Hai tres anos, propuxémoslle á FEGAMP unha comisión para recomendar presupostos participativos en todas as cidades galegas. Nin sequera conseguimos volver reunirnos con Rey Varela"

Durante a inauguración do Seminario sobre o Goberno Aberto na provincia de Lugo, que tivo lugar hai dúas semanas, Gómez Besteiro destacou que "a Deputación de Lugo non ten medo do resultado que derive dun goberno aberto, posto que só entende que, nos tempos que corren, para os cidadáns, e para nós, non é suficiente votar cada 4 anos, senón que queren, e teñen dereito, a ser partícipes na xestión do público día tras día”, engadindo que "para afondar na democracia é imprescindible insistir na transparencia, participación, acción da información ou na rendición de contas".

 

Imaxe da xuntanza deste luns na Fonsagrada © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.