Domingo Neira, o profesor do grao de Educación Primaria de Maxisterio da USC que fora suspendido de emprego e soldo polos seus comentarios homófobos e machistas, volverá dar clase o vindeiro curso. O docente figura xa na páxina web do grao de Maxisterio de Primaria para o curso 2014/2015 na materia de Deseño, Desenvolvemento e Innovación Curricular. Iso si, non é coordinador nin tampouco se recomendan os seus libros na bibliografía suxerida.
O anuncio do seu regreso ás aulas xa espertou duras críticas entre unha parte dos alumnos e alumnas da Facultade, que manifestan a súa "indignación ante o feito de que este personaxe homófobo, misóxino e racista volva campar ás súas anchas polas aulas". Tamén expresan o seu temor a recibir "represalias" por parte do profesor, "ao ser asignado como titor de prácticas para os cursos de 2º e 3º". E consideran que a decisión supón un "abuso inxusto e inadmisible por parte da USC".
Parte do alumnado manifesta a súa "indignación ante o feito de que este personaxe homófobo, misóxino e racista volva campar ás súas anchas polas aulas"
De igual xeito, o Consello Comarcal de EU Compostela e ALEAS-EU piden a expulsión de Neira da Universidade de Santiago, sinalando que non se pode "aturar que unha institución pública como a USC integre elementos reaccionarios e retrógrados, que se forme aos mestres e mestras do futuro no odio e na discriminación, en mentiras máis propias do franquismo". Ademais, lémbranlle á USC o comunicado difundido pola institución o pasado día 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, "declarando e manifestando o seu compromiso coa comunidade LGTBI e que traballará a favor da igualdade entre persoas con independencia da súa orientación sexual".
O pasado mes de novembro un grupo de estudantes denunciaron, a través da Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida Compostela, os comentarios e contidos impartidos polo profesor Neira nas súas aulas. Afirmacións como “a sociedade está enferma e enganada pola homosexualidade, un tema do que xa non se pode opinar”, “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou “a homosexualidade é contaxiosa” eran habituais, sinalaban. Ademais, denunciaban que o docente obrigaba a usar como material de estudo case exclusivo un libro escrito e editado por el mesmo, titulado Didáctica para el Crecimiento Socio-personal, onde se repetían varios comentarios de carácter homófobo: dende sinalar como “desviacións condutuais" comportamentos como "a sodomía, o travestismo e as violacións”, situados ao mesmo nivel, unir a corrupción de menores coas “vodas gay” ou relacionar a zoofilia coa homosexualidade.
Domingo Neira foi sancionado pola USC por unha falta grave, pola perturbación ocasionada no servizo, e con outra leve, por descoido ou neglixencia nas súas funcións, pola utilización do seu libro como material de estudo. O expediente aberto contra el sinalaba "a falta de ecuanimidade amosada na presentación dos argumentos relativos á homosexualidade xunto ás reiteradas manifiestacións ofensivas, cando non zafias, do profesor sobre distintos colectivos sociais. Son impropias dun profesor universitario e contrarias aos principios constitucionais sobre a dignidade humana e os dereitos e non teñen cabida, nin están amparadas, na liberdade de cátedra". Porén, o expediente concluía que os feitos "non semellan ser constitutivos dunha actuación que supoña discriminación ou acoso, xa que non existe proba concluínte neste senso".