Varios colectivos sociais ferroláns presentaron este mércores unha iniciativa que busca a remunicipalización completa do ciclo da auga e do saneamento na cidade. A campaña busca promover a apertura dun debate público aberto á cidadanía ao abeiro do artigo 17 sobre Audiencia Pública do Regulamento de Participación Cidada do Concello de Ferrol, de xeito que o Concello "dea conta do conxunto de elementos que conforman o convenio sobre o saneamento, o protocolo, a encomenda de xestión e a ordenanza que regula a taxa, entre outros".
Para convocar unha Consulta Popular deben presentar unha Iniciativa Popular apoiada polas sinaturas do 10% da poboación censada no concello, o que supón ao redor de 6.600 persoas
Ademais, quérese convocar, ao amparo do artigo 19 do citado Regulamento, unha Consulta Popular sobre esta cuestión. Para conseguilo, os promotores desta proposta para a remunicipalización da auga e o saneamento deben presentar unha Iniciativa Popular apoiada polas sinaturas do 10% da poboación censada no concello, o que supón ao redor de 6.600 persoas. O obxectivo é sumar estas sinaturas antes do vindeiro 15 de xullo, pero subliñan que no caso de non acadar a cifra necesaria nesa data, continuarían xuntando apoios até chegar ao dez por cento esixido pola lei. A iniciativa está apoiada, polo momento, por Verdegaia, Espazo Ecosocialista, Comité Cidadán de Emerxencia, Fuco Buxán, Esquerda Unida, Anova, Podemos, veciños de Recimil e Artabra 21.
"A idea forza debe ser a reapropiación do que foi público e debe seguir sendo público. Queremos crear unha gran marea azul pola xestión pública e integral do ciclo da auga en Ferrol"
Na rolda de prensa de presentación da iniciativa Alexandre Carrodeguas destacou que "a idea forza debe ser a reapropiación do que foi público e debe seguir sendo público", engadindo que "queremos crear unha gran marea azul pola xestión pública e integral do ciclo da auga en Ferrol". "Defendemos un ciclo público da auga que evite a súa mercantilización", sinalou, lembrando que esta é unha "loita que se está dando en todo o mundo, o retorno a mans públicas dun ben imprescindible coma a auga, que ten que ser un servizo básico para todos os cidadáns e cidadás". A iniciativa busca evitar, segundo os seus promotores, que esta "mercantilización perversa" converta os veciños e veciñas "nun mercado cativo en mans de empresas como Emafesa, que inchan os recibos por espurios intereses privados". E defende a implantación de "novos modelos de xestión pública da auga, que combinen a calidade e eficiencia do servizo coa transparencia e a participación social".
Nun manifesto que acompaña a iniciativa critícase o proxecto de saneamento da ría, cualificada de "obsoleta" e "custosa", un proxecto que consiste "nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), que implica ademais unha depuración insuficiente e insustentábel, cuns altísimos consumos enerxéticos e custos de mantemento". E que, denuncian, ten como consecuencia unha "suba xeneralizada das taxas que deberán sufragar as veciñas e veciños de Ferrol". O proxecto do Concello, ademais, "pretende ademais un modelo administrativo semiprivado da explotación da auga en Ferrol outorgando, dunha forma que vulnera as premisas básicas da contratación pública, a súa administración a Emafesa".
"A veciñanza ferrolá ten dereito a uns servizos que sexan públicos e eficientes, e que non fiquen nas mans de espurios intereses privados"
Denúnciase igualmente que "o convenio asinado en xullo de 2012 por Augas de Galicia e ACUAes cos concellos de Ferrol e Narón significa que será a veciñanza destes concellos a que vai ter que pagar durante 50 anos a parte correspondente ao Estado, inhibíndose este de asumir o custo, mais non o control que exerce a través de ACUAes". O manifesto péchase subliñando que "a veciñanza da ría de Ferrol ten dereito a un saneamento integral da ría, e moito máis a xente que vive directamente da explotación dos seus recursos" e que, de igual xeito, "a veciñanza ferrolá ten dereito a uns servizos que sexan públicos e eficientes, e que non fiquen nas mans de espurios intereses privados, o que nos ten levado a esta situación de drama social en que vivimos".
Iniciativas noutros lugares
A remunicipalización tamén forma parte do debate político en Vigo, Teo ou Cangas dende hai un tempo
Non é Ferrol o único concello galego no que crece a demanda de que a xestión dos servizos de augas e saneamento volva ser enteiramente municipal. Recentemente o Consello Consultivo avalou a nulidade da prórroga da concesión do servizo municipal de augas do Concello de Teo coa empresa Aquagest, aprobado na primavera de 2007, pouco antes das eleccións municipais, polo daquela alcalde, Armando Blanco (PP). O Consultivo deulle a razón ao Goberno municipal dirixido por Martiño Noriega, que levaba seis anos buscando anular un contrato que obrigaba a veciñanz a pagarlle 1,7 millóns de euros a Aquagest. Noriega sinalou nese momento que o obxectivo agora era "recuperar a xestión da auga" e explicou que "traballaremos para poder municipalizar este servizo, dentro das posibilidades que nos dea o marco normativo actual".
A remunicipalización tamén forma parte do debate político en Vigo dende hai un tempo. Esquerda Unida lanzou hai meses unha campaña, Auga Pública para Vigo, a través da que xa recolleu máis de sete mil sinaturas para pedir un referendo municipal, fórmula presente tamén no Regulamento de Participación cidadá, na que os cidadáns e cidadás se pronuncien sobre a ampliación de concesión do servizo de augas. Ademais, de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano a formación xa anunciou que un dos eixos do seu programa será a remunicipalización da xestión.
O mesmo pasa en Cangas. O BNG propuxo recentemente no pleno a municipalización do ciclo da agua, denunciando que "o negocio da auga creou unha burbulla hídrica, inflada por constructora que cambiaron o ladrillo pola auga". E tamén Alternativa Canguesa de Esquerdas propuxo a convocatoria dun referendo sobre a remunicipalización do servizo. A través da súa voceira, Mercedes Giráldez, o Bloque sinalou que "se é rentable para sacar beneficios unha empresa privada sería más beneficioso para a cidadanía que eses beneficios quedarán no concello para investimentos e incluso rebaixar o custe do recibo para os veciños e veciñas".
A lucrativa xestión da auga tamén se viu misturada nos últimos tempos coas sospeitas de corrupción investigadas no marco do caso Pokémon, no que algúns negocios de Aquagest centran parte das investigacións
A denuncia da conversión da auga nunha mercadoría, nun negocio moi lucrativo en mans de grandes empresas, moitas delas do sector da construción presidiu tamén debates a nivel europeo. O pasado mes de abril as institucións comunitarias debateron a proposta Dereito á Auga, produto dunha iniciativa cidadá europea apoiada por 1,9 millóns de sinaturas, que busca garantir o subministro universal de auga potable e oponse á liberalización destes servizos. Unha denuncia que nos últimos anos tamén se ligou en Galicia á loita contra o canon da auga aprobado no Parlamento galego cos únicos votos do PP. A lucrativa xestión da auga tamén se viu misturada nos últimos tempos coas sospeitas de corrupción investigadas no marco do caso Pokémon, no que algúns negocios de Aquagest centran parte das investigacións.