0 Gardados para despois

O SLG sinala a "ilegalidade" das prospeccións mineiras de Erimsa en Oroso

Redacción | @prazapublica

No mes de maio de 2013, varios xornais publicaban unha información que revelaba que Erimsa estaba a tomar mostras de cuarzo nas proximidades de Porto Avieira (Oroso) para ver se lle interesaba facer unha explotación industrial do mesmo. Porén, a pesar de que a solicitude de permiso para investigación estivo en exposición pública en febreiro e marzo dese ano, daquela non houbera aínda resolución administrativa; tamén o alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira, negou publicamente que se lle concedese ningunha licencia a esta empresa para tal fin, xa que a única licenza expedida polo consistorio foi para realizar un movemento de terras á dona da finca, como despois se soubo, pero non a unha empresa mineira para facer prospeccións

Erimsa xa tentara levar a cabo proxectos semellantes na Terra Chá (Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza), e a Consellaría de Medio Ambiente denegoulle os permisos despois de que se presentaran 700 alegacións por parte dos veciños e de organizacións, coma o Sindicato Labrego Galego. Erimsa (Explotacion de Rocas Industriales y Minerales S.A.) forma parte do holding mineiro noruegués ELKEM.

"Tras un ano de inoperancia das entidades ante as que se denunciaron as prospeccións", o SLG vén de dar o paso de denunciar os feitos diante da Fiscalía de Medio Ambiente

O 15 de maio de 2013, o Sindicato Labrego Galego interpuxo ante o Concello de Oroso, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Consellaría de Industria tres denuncias por unha posible prospección ilegal de terras, da que se fixo publicamente responsable a empresa mineira Erimsa en varios medios de comunicación. Porén, "tras un ano de inoperancia das entidades ante as que se denunciaron as prospeccións", o SLG vén de dar o paso de denunciar os feitos diante da Fiscalía de Medio Ambiente. No escrito presentado, pídeselle ao ministerio fiscal que lle requira á Consellaría de Medio Ambiente, á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e ao Concello de Oroso toda a documentación que teñan en relación a este caso. Ademais, tamén se lle pediu que inste á empresa Erimsa a demostrar “que as obras extractivas realizadas se fixeron baixo o oportuno amparo de licencia, urbanística e sectorial mineira” e abra o correspondente expediente de investigación.

"As praderías e agras que explote ficarán inservibles para fins agrogandeiras ao ser destruída a superficie que se utiliza para os traballos agrícolas, o cal causará un dano irreversible na economía da bisbarra"

O pasado ano, en entrevista con Praza Pública, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, denunciaba que a extracción de cuarzo que practica Erimsa tamén se fai dende a ceo aberto, "polo que as praderías e agras que explote ficarán inservibles para fins agrogandeiras ao ser destruída a superficie que se utiliza para os traballos agrícolas, o cal causará un dano irreversible na economía da bisbarra". Unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira. De igual xeito lembraba que estas concesións mineiras afectarían ao río Tambre e afluentes como o Maruzo ou o Samo, catalogados como Lugar de Interese Comunitaria (LIC) coa corresponde protección da Rede Natura 2000. E afirma que tamén se verían afectadas zonas urbanas con importantes concentracións de vivendas como Sigüeiro, Penateixa, Gándara, Porto Avieira, Piñeirón ou Oroso.

Os permisos de investigación abranguen unhas 8.000 hectáreas, distribuídas entre os concellos de Oroso, O Pino e Santiago

As extraccións feitas en Oroso están dentro do permiso de investigación Calvente, que afecta a case 1.000 hectáreas, boa parte delas catalogadas como solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal, onde non é posible a actividade mineira sen autorización previa. Ademais da concesión Calvente, Erimsa solicitou outros catro permisos de investigación noutras catro concesións mineiras nas comarcas de Compostela e Ordes: Andrea, Lamoso, Xanceda e Marís, que sumadas a Calvente, abranguen unhas 8.000 hectáreas, distribuídas entre os concellos de Oroso, O Pino e Santiago.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.