40 anos loitando polo dereito ao aborto

Colante distribuído nos anos setenta © CCG

A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega presentou esta semana un dossier documental, "Aborto. Corenta anos de moblizacións", que recolle a historia do movemento galego en demanda do dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos. Esta achega documental e gráfica céntrase "nas estratexias, actividades e reflexións desenvolvidas por diferentes agrupamentos e colectivos feministas en torno á legalización do aborto" desde a década de setenta ata a actualidade. Están composto, maioritariamente, de fondos procedentes da Colección especial Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia do Consello da Cultura Galega.

O relato comeza na década dos setenta, coa emerxencia de varios colectivos feministas no conxunto do Estado e en Galicia. Tanto os programas das novas organizacións como nas actividades que convocan e que acadan visibilidade nas rúas (manifestacións, concentracións, charlas, mitins, pintadas, boletíns, revistas...), as demandas de legalización e gratuidade do aborto e dos métodos anticonceptivos así como a amnistía para as mulleres encarceradas por delitos específicos, entre eles o aborto, son recorrentes. Será a partir de 1979, ao tempo que comeza o proceso xudicial das 11 de Bilbao cando as campañas específicas tomen maior visibilidade. As reivindicacións do aborto non se dan de xeito illado, senón que se encadran no marco de reivindicacións máis amplas relacionadas cos corpos, os sexos, os xéneros e as sexualidades

O dossier incorpora ligazóns a unha completa recomplicación documental, por exemplo o Programa da Asociación Galega da Muller (1976), o Programa do Movemento Democrático de Mulleres de Galicia (1976), boletíns, follas voandeiras, monográficos, un caderno informativo sobre anticonceptivos publicado pola Asociación Galega da Muller (1977) e outras publicacións en defensa do aborto da Coordinadora Feminista Galega. De igual xeito recóllese o comunicado das 100 mulleres pechadas no Concello de Santiago de Compostela en solidaridade coas 11 mulleres que van ser xulgadas en Bilbao (outubro 1978).

Na década dos 80 intensifícanse as campañas e reivindicacións iniciadas na década anterior. A aprobación o 5 de xullo da Lei Orgánica 9/1985 de despenalización del aborto en determinados supuestos é considerada insuficiente e sucédense as peticións para a súa reforma ao tempo que se xeran máis materiais destinados a paliar a desinformación existente en torno a sexualidade, os métodos anticonceptivos e o aborto.

O dossier inclúe neste apartado un moi completo anexo documental, con comunicados de organizacións feministas, moitos deles denunciando procesos xudiciais abertos contra mulleres que abortaran, tamén follas de recollida de firmas de profesionais da medicina, organizacións políticas e sindicais e de persoal sanitario, en apoio a decisión do Movemento Feminista Galego (MFG) de practicar abortos polo método Karman como xeito de presionar a legalidade vixente, unha moción presentada pola Coordinadora de Organizacións Feministas de Galicia aos concellos, manifestos e convocatorias de mobilizacións do 8 de marzo, dossieres e editoriais de Andaina, convocatorias da manifestación unitaria polo dereito ao aborto celebrada en 1986, ou un proxecto de lei de aborto elaborado polo Movemento Feminista Galego en 1990.

Na década dos noventa, sen ben con menor intensidade que na década anterior, seguen tendo lugar chamamentos feministas para a reforma da Lei Orgánica 9/1985 de despenalización do aborto en determinados supostos. A partir do ano 2000, o dossier recolle que "algunhas organizacións feministas emerxentes inclúen nos seus programas cuestións relacionadas co aborto e a saúde sexual e reprodutiva". A partir de 2008 as campañas feministas dirixen as súas críticas á organización antiabortista Red Madre que está a incrementar as súas actividades en Galicia e ao goberno do PSOE, por non "facer nada para a ampliación da lei de aborto prometida no seu programa electoral". Finalmente, será o 3 de marzo de 2010 cando se aprobe a Lei orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo.

O dossier inclúe tamén as mobilizacións máis recentes, realizadas a partir do momento en que se coñeceron as intencións do PP de recortar o dereito ao aborto, regresando á situación dos anos oitenta. Destaca que "as accións a favor do aborto libre e gratuíto volven ocupar un lugar predominante nas axendas feministas" e que se levan a cabo "diferentes actividades e propostas nas rúas e nas que feministas expresan  desacordos en torno a aprobación no Goberno do PP galego da Lei 3/2011, de 30 de xuño de apoio á familia e a convivencia de Galicia, e ante a proposta do goberno do PP estatal de cambiar a Lei de Interrupción Voluntaria del Embarazo, aprobada polo goberno anterior en 2010, pola Lei de Protección de los Derechos del Concebido y de la Mujer Embarazada xa que ambas propostas avanzan cara a consideración do aborto como delito".

Manifestación da AGM en 1977 © Andaina
Cartaz da AGM dos anos 70 © CCG
Colante distribuído nos anos setenta © CCG
Cartaz do movemento feminista de galicia (1985) © CCG
Primeiros encontros feministas galegos sobor do aborto (1982) © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.