As Catedrais pide "máis que boas palabras" para ser protexida

Presentación das medidas inmediatas, este sábado na praia © Xunta

A pasada Semana Santa as fileiras de vehículos para achegarse á praia de Augas Santas, a popularmente coñecida como As Catedrais, en Ribadeo, eran quilométricas. Polo medio do engarrafamento o alcalde ribadense, Fernando Suárez (BNG), gravaba en primeira persoa a aglomeración para, despois, pendurar os vídeos en YouTube como chamada de atención. "En Ribadeo estamos moi orgullosos de recibir cada ano máis visitantes, tamén de que un dos reclamos máis efectivos sexa a universalmente coñecida Praia das Catedrais. Agora só queda que a coñezan, a maiores dos de Ribadeo e o resto de cidadáns do mundo, os responsables da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente". Tres meses despois, no inicio do verán, chegan os primeiros plans para protexer esta contorna natural da sobre explotación turística, que o goberno local agarda que non queden en "boas palabras".

Tras o "colapso" daquelas xornadas festivas, nos que a praia chegou a recibir unhas 20.000 persoas nun só día, Suárez escribiulle ao presidente da Xunta para esixirlle axuda. "Só contamos co apoio da Deputación de Lugo, que na medida das súas posibilidades nos está a apoiar, pero polo demais asistimos a un silenico clamoroso", explicaba daquela". Na misiva o rexedor evidenciáballe ao presidente a necesidade de "garantir a protección e conservación do patrimonio natural", garantir "a integridade e seguridade dos visitantes" e "compatibilizar e dinamizar o seu uso para favorecer a economía turística da comarca". Como pano de fondo o Concello reiteraba a súa aposta pola declaración de Parque Natural como "instrumento idóneo" para este caso.

A pasada Semana Santa chegaron a Augas Santas unhas 20.000 persoas nun só día

Neste contexto o Consello da Xunta revisaba o pasado xoves un informe no que expresaba a súa intención de "facer un plan de conservación do monumento natural das Catedrais" e de aplicar varias medidas de xeito inmediato. A noticia foi recibida con cautela polo alcalde para evitar a "frustración colectiva". O plan da Xunta chegaba apenas dous días antes do acto de izado simbólico da bandeira azul no areal, ao que o Concello convidara a nova conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, para "coñecer de primeira man as intencións e compromisos reais da Xunta".

As medidas "inmediatas" da Xunta

A pé de praia Vázquez admitiu que o plan de conservación é un proxecto a "medio prazo" -para o vindeiro verán- mentres que outras medidas de menor repercusión si serán aplicadas de xeito "inmediato". Entre elas figura a información aos visitantes sobre "risco de achegamento ao bordo do cantil en puntos concretos", melloras da sinalización ou a dotación de tres guías informativos dende o día 24 para achegar datos sobre "normas de uso público e acceso ao monumento natural ou información turística da comarca". Trátase, din, de "evitar a alteración dos hábitats e especies protexidas pola acción das pegadas fóra das sendas habilitadas, así como outro tipo de actividades como os aparcadoiros irregulares ou postos de venda ambulante non autorizada". "Tamén -di a Xunta- facilitará a conservación ao minimizar a reactivación dos procesos erosivos", que tamén "constitúen un risco para a integridade física dos visitantes".

O alcalde reitera a petición de declarar a praia e a súa contorna como parque natural

Malia recibir ben calquera medida de protección o alcalde ribadense subliña que todos os plans actuais son insufientes, a comezar pola propia "delimitación da praia e a súa contorna máis inmediata", que actualmente, afirma, non é dabondo porque "non recolle as posibilidades de actuación de aparcadoiros, apeadoiros de Feve ou de poder peonalizar o acceso da estrada". En última instancia Fernando Suárez reitera a necesidade de apostar pola declaración de parque natural. Senón, advirte, "entre todos imos acabar matando a galiña dos ovos de ouro". "Eu quero que veña xente a Ribadeo -subliña-, pero penso que fraco favor lles imos facer aos visitantes se van a sitios masificados e se acaban aparecendo en romarías, como é no que se está a converter a praia das Catedrais".

As Catedrais, coa marea alta © Turgalicia
Marea baixa en Augas Santas © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.