O quilómetro 549 da A-8 foi o lugar onde un grave accidente provocou a morte dunha enfermeira que auxiliaba os múltiples feridos, uns 50 finalmente, nun sinistro con medio cento de coches afectados. Veciños e testemuñas acusan a néboa neste novo tramo da autovía ao seu paso por Abadín de que tantos vehículos batesen uns contra os outros nuns dramáticos minutos. A polémica é clara.
O tramo inaugurado este ano adoita sufrir néboa e vento e alcanza unha altitude de 700 metros
Houbo queixas e relatos de veciños da zona que advirten de que xa levan tempo evitando ese tramo da autovía pola densa néboa e o forte aire que adoita sufrir en zonas nas que se alcanzan os 700 metros de alto. Mesmo o alcalde de Mondoñedo denunciou que os sistemas antinéboa non son suficientes e que os trailers que por alí pasan teñen problemas acotío cos toldos que cobren a súa carga. Mentres, o treito segue cortado tan só cinco meses despois da súa inauguración.
O tramo foi aberto este mesmo ano e xa acumula varios accidentes. A velocidade está limitada a 100 quilómetros por hora e a parte final desta construción foi sacada a concurso hai sete anos por uns 30 millóns de euros para cinco quilómetros. O proxecto inicial do devandito tramo prevía un viaduto por outra zona onde a altura era menor.
O BNG levarán ao Congreso iniciativas sobre o nivel de seguridade do tramo entre Lindín e A Xesta
O BNG reaccionou e xa anunciou o domigo que levará ao Congreso dos Deputados, por medio da deputada Rosana Pérez, iniciativas sobre o nivel de seguridade neste tramo entre Lindín e A Xesta, "onde as circunstancias meteoróloxicas adoitan ser adversas e onde, desde o mes de febreiro no que se abriu ao tráfico, xa se produciron varios incidentes". Igualmente, preguntará sobre o funcionamento dos sistemas instalados e sobre as medidas que se pretenden pór en marcha para evitar novos sinistros.
Agora é a Deputación de Lugo quen reacciona. O seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, propón aprobar este mércores no pleno provincial unha declaración institucional, co apoio de todos os grupos con representación no organismo provincial (PSOE, BNG e PP), para que a Deputación inste o Goberno central a "mellorar a seguridade na A-8". No mesmo texto, Gómez Besteiro tamén propón transmitir o “máis sentido pésame” da institución luguesa ós familares da vítima mortal no sinistro desta fin de semana, así como o seu apoio a todos as persoas que resultaron feridas.
Besteiro propón unha declaración institucional da Deputación que inste a Fomento a mellorar a seguridade na A-8
A declaración institucional que promove o titular provincial, e que deberá ser aprobar na sesión plenaria deste martes, asegura que "o accidente da pasada fin de semana, onde se produciu unha colisión que afectou a máis de 50 vehículos implicados nun choque en cadea debido á densa néboa, pon de manifesto a necesidade de dotar de melloras técnicas a Autovía A-8, en especial ao treito que discorre entre os concellos de Abadín e Mondoñedo".
"A recorrencia da néboa e o vento nese treito entre Abadín e Mondoñedo, converten a escasa visibilidade do vial en habitual, provocando unha situación de excepcionalidade nun elemento común da condución pola Autovía do Cantábrico ao seu paso pola provincia de Lugo. Os numerosos sinistros provocados por esta situación, requiren dun estudo e tratamento especial por parte do Ministerio de Fomento”, reclama.
A Deputación, no texto que intentará aprobar, declara "a transcendental necesidade de que o Ministerio de Fomento tome as medidas técnicas precisas para garantir a seguridade vial da Autovía do Cantábrico, no treito que discorre entre os concellos de Abadín e Mondoñedo”.
Desde o BNG, a súa responsable comarcal na Mariña, Ana Ermida lamenta o desenlace do último accidente ocurrido, apostando “por poñer todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir máis sinistros.” Sobre esto, di que traslada as súas "condolencias a familiares e amizades da muller falecida e desexamos a pronta recuperación de todas as persoas feridas”
O BNG presenta unha moción de urxencia para que técnicos de Fomento revisen o treito entre Mondoñedo e Abadín
Ademais, outra iniciativa do Bloque na Deputación, que será debatida tamén este martes no pleno, urxe o Ministerio de Fopmento a "incorporar todos aqueles elementos de seguranza viaria necesarios para evitar novos accidentes neste treito como o acontecido esta fin de semana e que se saldou cunha persoa morta e ducias de feridos"
Os nacionalistas queren que técnicos especialistas en seguridade viaria analizen o tramo da A-8 entre A Xesta e Lindín de cara a "detectar posibles fallos construtivos ou de trazado ou eivas na sinalización" e piden á ministra de Fomento, Ana Pastor, ao Presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, e o da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, que se "involucren e impulsen a realización inmediata das medidas necesarias".
Fomento anunciou este mesmo luns que xa está a "reforzar as medidas de seguridade" na A-8.