Os fondos achegados por un sindicato noruegués están a facilitar a exhumación de varias vítimas da represión franquista, entre eles varios guerrilleiros galegos ou do Bierzo soterrados en fosas no país e en diversas zonas de Castela e León. A central sindical de electricistas Elogit fixo unha doazón de 6.000 euros á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), que é a que se encarga deste traballo voluntario e desinteresado. Grazas ao apoio desta organización de Noruega, o pasado 19 de xullo puidéronse recuperar os restos do guerrilleiro galego Perfecto de Dios Fernández, tiroteado pola Garda Civil o 16 de maio de 1950 en Chaherrero (Ávila), coa guerra xa rematada.
Os 6.000 euros achegados polo sindicato noruegués permitiron recuperar os restos do galego Perfecto de Dios e permitirán exhumar os dun dos 'Pitacega'
Con eses cartos achegados polo sindicato noruegués, e ante a falta de axuda institucional, a ARMH exhumará nas vindeiras semanas en Murias de Rao, na provincia de Lugo, os restos de Salvador Voces Canóniga, coñecido como Pitacega, e irmán de Pedro Voces Canóniga, ambos os dous membros dunha familia de guerrilleiros. Así o confirma Carmen García-Rodeja, voluntaria da ARMH en Galicia, que agarda que os traballos comecen "entre agosto e setembro" e que aclara que os fondos chegados desde Noruega son froito da campaña levada a cabo pola Asociación para conseguir a axuda que non reciben das administracións públicas. "A central sindical considerou que era unha cuestión de dereitos humanos e animáronse a colaborar", explica a Praza Pública, segura de atopar o corpo de Pedro Voces, asasinado en 1948 logo de dez anos escapando do fascismo, e cuxo soterramento está "claramente identificado".
Porque as vítimas do franquismo non son vítimas. Esa é a mensaxe que transmiten as institucións. Pechadas as outras portas, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) opta ás subvencións para as asociacións de vítimas do terrorismo e a Administración contéstalles que "non representan a ningunha vítima do terrorismo". Empresas funerarias meten o cazo nas escavacións en cemiterios municipais e envían facturas aos familiares de asasinados. Os concellos interpretan as exhumacións como "traballos arqueolóxicos" e piden miles de euros aos descendentes. O Estado nin está, nin se lle espera, na recuperación das vítimas da Guerra Civil e da represión franquista.
As doazóns permiten pagar escavadoras, gasolina ou probas de identificación; o resto é sufragado polos propios voluntarios
O verán é tempada alta para a procura de avós, tíos ou bisavós desaparecidos durante 70 anos, debido ao carácter voluntarista deste traballo, onde forenses, arqueólogos ou activistas achegan o seu traballo durante as vacacións. Todo o demais -escavadoras, gasolina, probas de identificación- págase con pequenas achegas de socios ou vía crowdfunding. No caso dos traballos en Murias de Rao, a ARMH agarda contar coa colaboración da Deputación ou das administracións locais para lograr abrir cunha pa mecánica unha zona que está cuberta actualmente con cemento.
Pero unha achega inesperada arranxoulles a campaña de exhumacións deste ano, tal e como explica Marco González, vicepresidente da ARMH. 6.000 euros doados polo sindicato noruegués de electricistas Elogit que cubrirá os gastos de, polo menos, catro escavacións: a de Murias de Rao en Lugo, pero tamén a de Canseco en León, Alcalá del Valle en Cádiz e a que xa se realizou en Chaherrero (Ávila).
Solidariedade sindical
Nunca antes esta asociación memorialista recibira unha doazón estranxeira considerable, exceptuando os 400 euros do anecdótico caso do ofendido turista alemán hospedado no Parador de León. "Unha cantidade de catro cifras nunca a tivemos e menos dun sindicato" recalca González, aínda que lembra que algún sindicalista con cargo medio, a nivel particular, si doou.
Nun encontro intersindical organizado pola Confederation Syndicat European Trade Union (ETUC), os noruegueses Elogit, que contan con 15.000 afiliados, mostraron a CCOO e UXT o seu interese pola historia do sindicalismo en España, de igual maneira que se preocuparon por coñecela noutros países. As organizacións sindicais españolas explicáronlles a represión contra socialistas e sindicalistas na retagarda.
"Aos de Noruega chámalles a atención que sexa un movemento civil o que busque os desaparecidos"
"Chámalles a atención -explica Marco González- que sexa un movemento civil de asociacións memorialistas o que busca os desaparecidos, moitos deles, por suposto, sindicalistas desde 1936 e até 1950".
Unha delegación de máis de dúas ducias de persoas viaxaron de Oslo a Madrid para coñecer un grupo da ARMH e escoitar de primeira man como desenterra, palada a palada, a historia negra de España. Logo da charla e a proxección preguntaron como podían axudar. "Pois home, desde achegar coas vosas mans ao pico e a pa até o que queirades" lembra González que lles contestaron.
Reprivatización histórica
A asociación, con sede en Ponferrada, presentou ao sindicato nórdico un proxecto de entre tres e cinco pequenas exhumacións que poderían realizar nos próximos meses. Elogit comunicoulles que, tras votalo en asemblea, enviábanlles unha doazón de 50.000 coroas (6.000 euros). "Moito diñeiro para nós, serve para cubrir até probas de ADN" aclara González, que viu á súa asociación partir da nada, ser arroupada polos fondos do Ministerio de Presidencia tras a Lei de Memoria Histórica e volver de novo á nada actual.
Carmen García-Rodeja, desde Galicia, explica a Praza que as achegas irán exclusivamente destinadas a estes traballos e aclara que os voluntarios levan a súa comida ás zonas e adoitan durmir en casas dos familiares dos represaliados.
"Este ano non tivemos axuda de ningún tipo e presentámonos a todas as subvencións posibles, incluso as europeas, onde quedamos ben puntuados pero ás portas. O que temos foi grazas aos nosos socios, as achegas voluntarias e ás doazóns" aclara o vicepresidente da ARMH.
O sindicato xa contactou con outras centrais para conseguir máis fondos para as exhumacións no Estado
Ante esta situación de desamparo e esquecemento, Elogit está a porse en contacto con outros sindicatos noruegueses para conseguir máis fondos e proseguir os traballos de rescate do recente pasado violento español, o cal abre unha nova e sorprendente vía de financiamento para a recuperación memorialista.