O principio da fin de Ence na ría?

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

O principio da fin de Ence na ría? Depende de quen opine. Salvemos Pontevedra interpreta que si tras a última senteza do Supremo que, segundo asegura, non implica só a incoación do expediente de caducidade da concesión en Lourizán, senón tamén o cesamento da súa actividade. Francisco Díaz, presidente do colectivo, aclara que o alto tribunal o que fixo foi referendar con este ditame a sentenza emitida pola Audiencia Nacional, cuxo recurso ante o Supremo perderon a Administración e a celulosa. Para o colectivo, o fallo ratifica o futuro final e "comina o Estado a adoptar as medidas cautelares precisas para o peche e a paralización das actividades industriais das instalacións".

Salvemos Pontevedra interpreta que a última sentenza do Supremo implica tamén o cesamento da actividade da celulosa

Pero Ence rebate esta interpretación da sentenza e asegura que pode seguir "e seguirá" realizando as súas actividades na ría de Pontevedra. Reivindica, ademais, o seu "lexítimo dereito" a obter unha prórroga da súa concesión "ao abeiro da Lei de Costas". A factoría cre que a concesión está "plentamente vixente" e acusa a Salvemos Pontevedra de "faltar á verdade e manipular" ao dicir o contrario. Segundo a compañía, o ditame "tan só condena a Administración a iniciar un expediente de declaración de caducidade da concesión, pero en ningún caso se prexulga o resultado final deste".

A empresa di que a concesión é "plenamente vixente" e acusa o colectivo de "faltar á verdade e manipular"

A sentenza, en todo caso, non chega nun bo momento para Ence, que está á espera do novo Regulamento de Costas para solicitar unha prórroga da concesión máis aló de 2018. O que fixo o Supremo foi xulgar o sentido da inacción da Administración, que nunca reaccionou ante os requirimentos de Salvemos Pontevedra. Tanto a Audiencia hai tres anos como o Supremo aseguran que o silencio equivale a dar a razón ao reclamante, polo que ordea incoar ese expediente de caducidade.

Pero este proceso está regulado polo regulamento vixente da vella Lei de Costas, que prevé declarar caducada a concesión en varios supostos. A alteración da finalidade do título e o incumprimento das regras sobre a transmisión son ás que alude o colectivo para demandar o peche da celulosa. Agora, Salvemos Pontevedra espera que en menos dun ano se tramite o expediente, pero a empresa fala de "varios anos" e segue a confiar en que se resolva ao seu favor.

"Só se ordena tramitar un procedemento, pero en ningún momento se pronuncia sobre se existe ou non causa de caducidade da concesión", xustifica Ence

"Só se ordena tramitar un procedemento, pero en ningún momento se pronuncia sobre se existe ou non causa de caducidade da concesión, como tampouco o fixo no seu día a sentenza da Audiencia Nacional", sostén a empresa, que agrega que a execución da sentenza do alto tribunal "consistirá exclusivamente na apertura do devandito expediente administrativo".

Ademais, aasegura tamén que "Ence ten a convicción de que este expediente se resolverá favorablemente porque non existen motivos para declarar a caducidade da concesión". Así mesmo, ratifica que a actividade de Ence non se verá afectada pola sentenza do Supremo.

A planta de ENCE, na Ría de Pontevedra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.