O "recorte masivo" en dependencia que ameaza Galicia

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

"Mentres a Xunta e o Goberno central presumen de mellora e dunha hipotética recuperación, seguen a recortar nas políticas sociais". Marta Capeáns, presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (Cotsg), denuncia desde o seu colectivo o forte impacto que as decisións dos distintos executivos do PP están a ter nos servizos de apoio á dependencia e a autonomía persoal. Galicia, país envellecido, sofre coma poucos un retroceso que pode deixar en “situación de desatención as persoas dependentes” tras as últimas restricións coñecidas polos usuarios do sistema de dependencia en Galicia.

A insistencia nos recortes á dependencia poden deixar "en situación de desatención" a milleiros de galegos

As novas condicións derivadas da reforma do sistema están séndolles comunicadas -só aos usuarios e nin tan sequera aos servizos sociais como se facía antes- a través dunhas "intelixibles" cartas nas que se lles advirte do recorte nas axudas a recibir baseándose na capacidade económica de toda a unidade familiar -e non da persoa soa como antes- e na valoración que se fai do patrimonio desta, incluso da vivenda familiar habitual e empregando uns baremos "discutibles e ata inxustos". Pero ademais, as misivas son recibidas polos dependentes a finais de xullo, ao tempo que se lles comunica que nese mesmo mes xa verán recortada a súa prestación. "Non lles dá nin tempo ás familias de reaccionar", explican desde o Cotsg.

A redución é de 257 euros de media na prestación de cada un dos dependentes. Pero o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, preguntado este martes polas críticas a estes recortes, bota balóns fóra e asegura que o Goberno galego "limítase a cumprir a lei" e aclarou que estes recortes "tamén se aplican no resto de España". "Hai que priorizar os grandes dependentes", asegura, logo de evitar tamén aclarar se a Administración galega fará algo para evitar a que se prevé masiva marcha de dependentes das residencias privadas ante a imposibilidade de pagalas. "Son decisións que corresponden ás persoas", asegura o xefe do Executivo galego, que xustifica os recortes no "obxectivo" de que todos os dependentes "poidan cobrar unha parte".

Novas cartas anúncianlles recortes aos dependentes ao variarse os baremos para calcular a capacidade económica da súa familia

Porque o caso é que estas axudas ameazan con provocar un grave problema en Galicia pola obrigatoriedade de moitas familias de prescindir dos servizos dunha residencia privada ante os importantes recortes nas axudas. A ausencia de prazas públicas, a situación de crise xeral e a inexistencia de alternativas desde a Xunta deixarán milleiros de galegos desatendidos.

"Estes recortes van ser masivos porque van afectar a todos os usuarios do sistema de dependencia; empezarán por aqueles que cobran cantidades máis altas e irán baixando até lles recortar a todos", advirte Marta Capeáns, que insiste en que o método de cálculo para levar a cabo os recortes "é pouco claro e tremendamente inxusto", pero, ao fin e ao cabo, forma parte "dunha lexislación que o único que fai é blindar por lei unha política de recortes" á que se opoñen. Por iso, piden ao Estado e á Xunta que a "paren".

A crise, a ausencia de prazas públicas e a falta de alternativas da Xunta provocará que moitos dependentes teñan que abandonar as residencias

E non é a primeira quenda de recortes na dependencia. Nin moito menos. As taxas das persoas que se atopaban no sistema de dependencia e faleceron non son recubertas e a subdivisión que se facía en cada un dos niveis de dependencia para determinar a contía das axudas acaba en nada ao decidir o Goberno optar sempre polo que menos cartos supón. Ademais, tampouco se cobren prazas de profesionais.

Capeáns insiste na necesidade “dun sistema público de atención á dependencia”, xa que agora mesmo “é imposible costealo polas persoas e as súas familias”.  Así, insta a Feijóo “a dar a cara polo sistema de atención á dependencia e non agochar a cabeza”, xa que “aínda que os principais recortes veñan do Estado”, Galicia ten capacidade para "compensar os recortes que veñen impostos desde o Estado"·. "A Xunta ten transferidas as competencias en servizos sociais e non pode dicir que non pode facer nada porque é tan sinxelo como compensar cunha maior achega autonómica a baixada provocada polas restricións de Madrid", explica.

"É unha decisión ideolóxica porque non lles interesan os servizos sociais; non se recorta por falta de cartos porque si os hai para rescatar autoestradas"

Pero o Cotsg non ten moita esperanaza. Ven nestes recortes un método máis dunha política "destinada a cargarse o sistema de servizos sociais". "É unha decisión ideolóxica porque non lles interesa telo; aquí non se recorta por falta de cartos porque si que se seguen a facer grandes obras ou rescatando autoestradas", insiste Capeáns, que lembra que a reforma da lei de administración local xa ía "non camiño da privatización do sistema" ao restrinxir as capacidades dos concellos neste ámbito. "Un podo pensar que nin tan sequera hai intención de privatizalo, senón de acabar con el", denuncia.

Marta Capeáns, aínda así, mantén unha lixeira esperanza en que a Xunta reaccione e sitúe "entre as súas prioridades" unhas políticas sociais que agora non o están. "Non teñen ese interese e o que si teño claro é que imos camiño da destrución do actual sistema de dependencia, polo menos de como o concibimos até o de agora", remata. 

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.