A piques de cumprírense dous meses de folga, a empresa Urbaser e os representantes dos traballadores alcanzaron un acordo a pasada madrugada que permitiu desconvocar o paro na recollida de lixo logo de dez horas de negociación. A asemblea do cadro de persoal ratificou o acordo ao que chegaran o comité coa compañía e que ven como un triunfo logo de case dous meses de loita e un longo e polémico conflito en Lugo.
O acordo supón un novo convenio colectivo que renova os dereitos dos traballadores e a anulación dos despedimentos de once operarios
Foi aló polas catro da madrugada cando se firmou o acordo sobre a base dunha proposta presentada polo concelleiro de Medio Ambiente, Luís Álvarez, e o negociador do Consello Galego de Relacións Laborais, Benigno Sánchez. Este acordo, que foi ratificado polos traballadores en asemblea na mañá deste xoves, supón a sinatura dun convenio colectivo de catro anos de vixencia que renova os dereitos sociais e laborais dos traballadores e anula os despedimentos do once membros do comité de folga.
Xa que logo, e segundo as explicacións do comité de empresa que citan varios medios, apróbase unha suba anual de soldo do 60% do IPC do ano en curso, ademais do pago dunha nova gratificación anual que será de 100 euros este ano, de 150 en 2015, de 200 euros en 2016 e de 450 en 2017. Esta paga queda así consolidada como a cuarta extra anual dos traballadores.
O acordo tamén atende a reivindicación social de que a cobertura de vacantes de postos de traballo a tempo completo se faga cos traballadores que actualmente están a tempo parcial durante a fin de semana, quenda que, á súa vez, será cuberta de forma rotatoria por todos os traballadores segundo o plan que se designe. Ademais, a cobertura de substitucións temporais por baixas de traballadores a tempo completo tamén se fará con empregados a tempo parcial. Os traballadores acadaron boa parte dos seus obxectivos tras case sesenta días de loita.
As partes decidiron, á súa vez, crear unha comisión de seguimento integrada pola empresa, os sindicatos e o Concello de Lugo para verificar a aplicación do acordo e que este non interfira na prestación do servizo de limpeza.
Urbaser anula os despedimentos e retira os 78 expedientes de suspensión de emprego e soldo por 60 días
En canto ao réxime disciplinario, a empresa aceptou renunciar ao despedimento do once membros do comité de folga aos que se acusaba de incumprir gravemente os servizos mínimos, e á retirada dos 78 expedientes de suspensión de emprego e soldo por 60 días que se incoaron polo mesmo motivo.
Pola contra, acórdase unha sanción por falta moi grave de 50 días de emprego e soldo para o once membros do comité de folga. Na práctica, esta sanción, segundo o representante de Urbaser, non ten efecto xa que a folga, iniciada o 9 de xuño, excede amplamente ese período de tempo.
Finalmente, as partes acordan retirar as demandas xudiciais interpostas mutuamente: a empresa contra os traballadores por folga ilegal e os traballadores contra Urbaser por vulneración do dereito de folga. Os traballadores ven positivo o acordo e recoñecen que os representantes da empresa non estaban moi de acordo co pacto presentado polos intermediarios.
De aceptarse o acordo, a situación do lixo estaría normalizada en Lugo a mediados da vindeira semana
O persoal (135 traballadores) ratificou o acordo, polo que se desconvoca a folga. Agora, e segundo cálculos da empresa, só haberá que facer un esforzo na recollida dos colectores de papel, cartón e vidro e o luns, co lavado dos colectores orgánicos, polo que a situación estaría normalizada a mediados de semana.