Varios centos de persoas piden a fin das touradas en Pontevedra

Imaxe da manifestación, este sábado en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Na Coruña saben moi ben que a loita para erradicar as touradas dunha cidade é longa. Comeza por organizar o rexeitamento social cara esta práctica, sinalar as moi importantes subvencións públicas que a sosteñen ou subliñar a degradación que provocan na imaxe exterior da localidade. E están a piques de conseguilo. En Pontevedra o proceso está aínda uns pasos máis atrás, pero a manifestación antitaurina deste sábado, coa asistencia de varios centos de persoas, superou amplamente ás celebradas en anos anteriores. Unha mostra de que algo se está a mover na cidade.

"Hai dez anos non había ningún movemento deste tipo na cidade, case non se falaba do tema, e hoxe este debate non deixa de crecer", destacaba hai uns días Borxa, un dos integrantes da plataforma Touradas fóra de Pontevedra, en entrevista con Praza. A convocatoria deste sábado era importante para amosar na rúa o maioritario rexeitamento social ás touradas na cidade. E a marcha cumpriu os seus obxectivos: varios centos de persoas percorreron o centro da vila dende a praza da Peregrina tras unha faixa co lema "A tortura non é arte nin cultura".

A propia plataforma gaña músculo e busca asentar as súas estruturas, para manter a súa actividade todo o ano, alén das semanas que rodean a propia feira. Polo tanto non será esta manifestación unha acción illada. Son conscientes de que, como está a suceder na Coruña, o seu obxectivo é de medio e longo prazo, dun traballo de anos de concienciación cidadá e de revelación das contradicións dos grupos protaurinos, comezando pola publicitación das importantes axudas públicas que reciben.

De feito, o pasado venres o Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas contra a Deputación Provincial de Pontevedra por non facer pública a relación de subsidios que a institución otorga a "grupúsculos taurinos" e á propia organización dos festexos durante o mes de agosto. GMST lembra que hai un precedente semellante: a Deputación da Coruña tivo que remitirlle ao Valedor unha relación completa dos subsidios que otorgou a unha peña taurina da provincia durante o período de tempo solicitado polos propios abolicionistas. Grazas á intervención do Alto Comisionado, a plataforma "puido coñecer por primeira vez e de primeira man que subvencións foron xustificadas e cales non, co que o propio grupúsculo taurino foi incapaz de recibir determinados fondos".

De igual xeito, tanto Touradas fóra de Pontevedra coma Galicia, Mellor Sen Touradas pídenlle ao Goberno municipal de Pontevedra que "tome nota da oposición da cidadanía" ás touradas. Ao longo do día ambas as dúas plataformas faranlles chegar ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e á concelleira de Festas, Carmen da Silva, unha carta para convidalos a sumarse á campaña para declarar Pontevedra "vila libre de touradas", xusto no momento en que van facer dez anos dende que Barcelona adoptara esta medida.

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto
Faixa principal da manifestación CC-BY-NC-SA gz.foto
Imaxe da manifestación, este sábado en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.