O sistema de atención á dependencia perde folgos aos poucos, tanto en Galicia como no resto do Estado. Mentres as declaracións oficiais dos gobernos centrais e galego teiman en que nunca tantas persoas dependentes foran atendidas como na actualidade os seus propios datos oficiais, os que manexa o IMSERSO previa recompilación entre as comunidades autónomas, acreditan que por primeira vez dende o inicio da aplicación da lei, en 2008, o sistema acumula máis dun ano de caída sistemática. No caso galego, as cifras acreditan que nos últimos doce meses a Xunta deixou de atender algo máis de sete dependentes cada día.
Atendendo ás bases de datos do Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais a finais do pasado mes de xullo un total de 36.645 persoas recibían algún tipo de prestación derivada da Lei de Dependencia. Son, obviamente, moitas máis que no comezo de implantación do modelo, pero menos que un ano antes, cando estaban atendidas 2.725 persoas máis, superando as 39.300. Lonxe de ser un feito puntual, estes datos son o resultado dunha caída sostida no tempo que comezou en marzo de 2013, cando o sistema tocou teito con máis de 39.700 persoas atendidas no país. Dende entón o recorte na atención foi continuado e o último mes non foi unha excepción, cando o sistema perdeu 1.006 beneficiarias en Galicia, a cuarta autonomía cunha maior caída.
Estes síntomas forman parte dun cadro xeral no que o diagnóstico semella claro: os recortes minguan as prestacións. Boa mostra disto é tamén o feito de que o ano 2013 rematou con menos persoas dependentes atendidas que o exercicio anterior. O 2009, primeiro ano completo de aplicación do sistema, finalizou sumando máis de 10.000 persoas atendidas e 2010, unhas 2.800. En 2011 o sistema de atención á dependencia agregou 2.600 persoas beneficiarias e en 2012 a cifra elevouse ata as 3.800. No entanto, en decembro de 2013 había en Galicia 311 persoas dependentes atendidas menos que doce meses antes.
Ante estes datos un dos colectivos que traballa diariamente coas persoas que sofren algún tipo de dependencia, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, ten claro que a redución de persoas atendidas se debe aos recortes e non a unha diminución das necesidades entre a poboación, toda vez que no conxunto do Estado segue a haber unha lista de espera de case 180.000 persoas. "O Ministerio teima en alardear publicamente de melloras no sistema" pero "todas as comunidades autónomas perden beneficiarios", censuran
Tras meses de "sospeitas" pola posible "manipulación dos datos para favorecer o balance anual a finais de 2013" esta asociación ve constatado que a radiografía oficial se vai "adecuando paulatinamente á realidade" para amosar unha situación "tan lamentable como, por desgraza, pouco sorprendente", na que resulta "evidente" que as novas altas no sistema "non son dabondo para compensar as baixas producidas". "As reformas do Goberno están tendo como resultado inequívoco a destrución do sistema e a tráxica desatención ás persoas en situación de dependencia e ás súas familias", unha "destrución planificada" que, acusan, é "indecente e inadmisible revestir con falsidades".
"As reformas do Goberno están destruíndo o sistema de atención á dependencia"
A xuízo da asociación "os responsables ministeriais teiman en tratar as plataformas de afectados e á comunidade científica e profesional como se fósemos imbéciles, anotándose repetidamente o tanto da rebaixa da lista de espera como un éxito de xestión". Mingua o número total de persoas atendidas e faino tamén a lista de agarda, coñecida como "limbo da dependencia", non por "un incremento na atención", senón pola "desaparición" de moitas persoas das listas, "ben por perda do dereito" a causa das novas condicións impostas polo Estado ou "ben por falecemento sen recibir atención, dada a parálise do sistema".
Así as cousas, en apenas seis meses esta lista pasou en Galicia de ter máis de 18.000 nomes a algo máis de 16.900. Así e todo, isto aínda implica que máis dunha cuarta parte das persoas ás que a Consellería de Benestar xa lles recoñeceu o dereito a seren atendidas seguen agardando a que o seu dereito, recoñecido por lei, se faga efectivo.